“Algúns dos primeiros tractores que chegaron a Galicia foron agasallos para campesiños aliñados co falanxismo”

O historiador Bruno Esperante afonda na súa tese sobre o proceso de moto-mecanización da agricultura galega. O seu traballo analiza a adquisición dos primeiros tractores e os condicionantes desta revolución no campo

“Algúns dos primeiros tractores que chegaron a Galicia foron agasallos para campesiños aliñados co falanxismo”

O historiador e Doutor en Historia Contemporánea Bruno Esperante abordou a mecanización do agro galego na súa tese.

Bruno Esperante é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago e a comezos deste ano presentou a súa tese centrada no análise do proceso de moto-mecanización da agricultura galega. A chegada dos primeiros tractores, as marcas con maior presenza, a forma de financiamento ou as limitacións para facerse coa nova maquinaria foron algúns dos temas que trata no seu traballo.

-En que datas se fixa o inicio da moto-mecanización da agricultura galega?
-Trátase dun proceso inicialmente moi gradual. Na Galiza, comeza a acelerarse a mediados dos anos sesenta do século XX. Iso vémolo, sobre todo, no ritmo de rexistros de tractores e explícase porque hai maior oferta e o proceso de especialización leiteira comeza a consolidarse nalgunhas comarcas galegas. Xa nos anos setenta, o proceso acelérase aínda máis e remata nos anos oitenta.

-De que maneira se veu condicionado este proceso pola situación política?
-De forma moi directa. A introdución de tractores foi un proceso de cambio tecnolóxico que tivo unha especial necesidade do ámbito político para poder implantarse. Isto explícase porque era unha innovación moi cara e de resultados incertos no marco da agricultura galega. Pola contra, outras melloras introducíanse con menos apoio, atención ou mesmo participación da política, mais ese non foi o caso dos tractores. Por exemplo, a consolidación dun mercado de oferta de tractores en España non se pode entender sen os pactos políticos da Ditadura cos Estados Unidos entre 1950 e 1955. Ese lustro foi fundamental para que se acelerase o proceso de moto-mecanización no conxunto do Estado.

-Na túa investigación afondas sobre a exclusión de determinados sectores deste proceso de mecanización e os motivos desta. Que conclusións extraes ó respecto?
-Pois que a moto-mecanización, como calquera outro cambio tecnolóxico, non foi un proceso técnico e socialmente neutral. Hai que preguntarse sempre polos resultados destes procesos de innovación tecnolóxica. Na experiencia da Ditadura analizamos como se beneficiaron, excluíron e marxinaron certas agriculturas e grupos sociais en función de intereses políticos. Por exemplo, os primeiros tractores que chegaban a algúns Concellos da Galiza, non o facían en base a criterios técnicos, senón que chegaban como agasallos destinados ós campesiños locais aliñados ideoloxicamente co falanxismo. Non era estraño ver como eses propietarios copaban os postos de dirección local dos sindicatos verticais do campo (Hermandades) ou tamén ostentaban os títulos de Jefes Locales del Movimiento.

“Ata 1960 non se podían mercar libremente tractores en Galicia, senón que se tiñan que pedir mediante solicitudes de adxudicación, o que limitaba a demanda”

-Non existía demanda en zonas coma Galicia nos anos 50 para levar a cabo esa mecanización do agro? Por que non houbo tractores en Galicia ata practicamente 1960?
-Nos anos cincuenta non había case demanda de tractores en Galiza. O Estado tampouco facía nada para promovelos e, aínda que quixese, non podía debido ó illamento político e o estado crítico da súa economía e da súa capacidade industrial. De feito, ata 1960 non se podían mercar libremente tractores, senón que se tiñan que pedir mediante solicitudes de adxudicación, o que limitaba moito a posible demanda. Os tractores só comezan a chegar nos anos sesenta, nun contexto onde desaparecen eses problemas políticos, económicos e industriais do Estado.

-Ata que punto foron relevantes os créditos americanos na moto-mecanización do agro galego?
-Eu penso que foron fundamentais. A nivel micro e inmediato no agro galego quizais non tanto, mais para o conxunto do Estado ou no medio-longo prazo si, porque os requirimentos en capital para industrializar a agricultura necesitaban de grandes investimentos e, nese marco, o recurso ó crédito volveuse un mecanismo esencial.

Os créditos americanos posibilitaron a reactivación da economía e a normalización política da Ditadura no escenario internacional. Cos créditos levantáronse os boicots comerciais e activouse a capacidade industrial do país, polo que se importaron tractores, sementes, maquinaria pesada, mesmo vacas frisoas de raza selecta e asistencia técnica necesaria para instalar grandes fábricas de tractores en España.

Unos de

Un dos tractores Barreiros que actualmente se poden ver no Museo do Campo e da Mecanización, en Silleda.

-Que papel xogou nesta mecanización unha firma galega coma Barreiros?
-Barreiros foi a terceira empresa, marca e produtora de tractores en España naqueles anos. Daquela, a produción de tractores estaba completamente regulada e, dende 1955, só había dúas licencias para producir tractores da man de Ebro en Barcelona e de Lanz Ibérica en Madrid. Barreiros sería entón a terceira empresa en obter a licencia en 1959, logo de tentalo varias veces. Despois diso, a evolución de Barreiros foi moi rápida. Con gran éxito comercial acabou por situarse como primeira ou segunda marca en moitas zonas tanto da Galiza como do Estado. Neste caso, debido a que a demanda de tractores era elevadísima nos anos sesenta e as outras dúas grandes produtoras non producían abasto. Ademais, Lanz Ibérica estaba moi especializada sobre todo na venda de tractores para o mercado da metade sur do Estado. Polo que para a metade Norte actuaba sobre todo Ebro e Barreiros.

-Ademais do Barreiros, analizas tamén outras marcas coma Jonh Deerd e Ebro, como foi a evolución destes tractores nas ganderías galegas?
-Ebro representaba a gran empresa española de tractores para a Ditadura. Na realidade eran tractores que funcionaban como unha marca branca da multinacional Ford, porque a asistencia técnica, e todo o que tiña que ver na produción dos tractores era posto na maioría pola multinacional norteamericana. Logo acabaron desligándose dos norteamericanos e firmaron con Massey Ferguson para que lles proporcionara a asistencia técnica a mediados dos anos sesenta. Foron sen dúbida os tractores máis vendidos ata a súa desaparición nos anos noventa.

“Os tractores Ebro foron os máis vendidos en Galicia ata a súa desaparición nos anos 90”

No caso de John Deere, esta era e segue sendo a gran multinacional de tractores que, cando mercaron Lanz Ibérica en 1963, viñan de situarse como a primeira multinacional de maquinaria agrícola, superando á Internacional Harverster. O caso de John Deere é interesante porque foron coñecidos por seren os que desenvolvían estratexias de venda máis innovadoras. Comprendían que, lonxe da utilidade técnica, os labregos tamén mercaban o prestixio do seu nome e a cor verde dos seus tractores.

-Quen apostaba por esta maquinaria? Como chegaron os primeiros tractores ó agro galego?
-Nos anos corenta e cincuenta os tractores que chegaban facíano da man de campesiños ricos, ou campesiños aliñados ideoloxicamente coa Ditadura. Logo, nos anos sesenta, os prezos dos tractores baixan porque se producen moitos máis e impórtanse outros tantos. Comezan a aparecer as figuras dos atrevidos, ou dos pioneiros que tiñan cartos e mercaban os primeiros tractores. Moitas veces, amortizábanos arrendando o traballo ó resto dos veciños da súa aldea e da parroquia durante anos.

“Moitas veces os tractores amortizábanos arrendando o traballo ó resto dos veciños da súa parroquia durante anos”

Logo, xa hai outro momento, para fins dos setenta e dos anos oitenta, cando xa se merca maquinaria dunha forma vertixinosa. Neste caso, se había casas que levaban arrendando o tractor a un veciño facía anos, agora mercaban eles un tractor novo ou de segunda man. Neste caso, nos tractores de segunda man, o volume de compras chega a ser inxente en moitas aldeas nos anos oitenta. É o momento no que todo o mundo ten un tractor.

-Como financiaban os gandeiros estas inversións?
-As formas de financiamento varían moito dos suxeitos que mercan os tractores e das razóns detrás da compra. Tamén do momento. Por exemplo, nos anos setenta e oitenta, era moi común que os familiares emigrados, ou a propia emigración estacional para traballar na construción ou na hostalaría en países coma Suíza, explicasen moitas veces a compra de moitos tractores. Noutros casos, os fillos ou as fillas que xa tiñan estudos, ou traballaban noutro sector da economía, tamén aportaban diñeiro. Aquí o concepto da casa labrega, o da familia grande, explica moitas veces as múltiples orixes do financiamento destes investimentos. Tíos, primas, mesmo familia política poñía cartos para mercar un tractor que lles servise a todos. Nestes casos era moi habitual evitar o crédito ou o endebedamento a medio e longo prazo.

Tamén había xente moza que tomaran a decisión de herdar a explotación familiar e que se acollían a plans de viabilidade que se facían nas oficinas dos Servizos de Extensión Agraria, ou tamén nas oficinas do que foi logo nos anos setenta o IRYDA (Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario). Nestes casos interviñan todos os axentes no proceso. Caixas de Aforro vinculadas a empresas de venda de maquinaria e que, a súa vez, tiñan contactos con axentes de extensión agraria que organizaban as charlas para a especialización das explotacións.

“O proceso de moto-mecanización en Galicia produciuse por demasiado tempo de forma moi individualizada e pouco ordenada”

-Houbo casos de compras de tractores en común, son os piares das cooperativas agrarias actuais?
-A compra en común, entre veciños ou familiares, sempre foi unha estratexia típica para asumir innovacións moi custosas como eran os tractores. O problema neste caso é que a vía cooperativa para a compra ou uso de maquinaria obtivo escasa atención por parte da Ditadura durante décadas. De feito, nos anos corenta aínda desmantelaran os centros locais de uso de maquinaria que tan bos resultados levaban dando dende comezos do século XX. O resultado foi que o proceso de moto-mecanización produciuse por demasiado tempo de forma moi individualizada e pouco ordenada.

-Foi o éxodo rural un dos motivos que deu pé á moto-mecanización do agro galego ou esta comezou antes?
-A tendencia histórica antes de 1936 era xa de perda de poboación do rural e aumento da poboación urbana. Foron os efectos da Guerra Civil e o afundimento económico da Ditadura o que provocaron que se detivera ese proceso e houbera unha re-ruralización. Nos anos corenta e ata mediados dos anos cincuenta foi moi difícil, senón imposible emigrar, así que as aldeas estaban cheas de xente. Xa logo, a moto-mecanización e a activación económica do país acelerou a perda de poboación de novo, aínda que ese fenómeno é algo moito máis complexo e multi-factorial.

-Supuxo a maquinaria motorizada a fin da agricultura e gandería familiar? Que levou a que no canto de manterse como un aliado deste traballo de índole familiar case o fixese desaparecer?
-A maquinaria motorizada non puxo fin á agricultura familiar. Tampouco ten por que facelo. Esa idea que liga os tractores co fin da agricultura familiar ten máis que ver coa función da moto-mecanización no proceso de industrialización da agricultura. É algo típico da dinámica do capitalismo e da función do cambio tecnolóxico que constantemente substitúe traballo por capital. Se a idea era industrializar a produción de alimentos para atender unha demanda crecente, logo había que producir moito e moi barato. É nese contexto no que os tractores, no canto de terse como aliados do traballo familiar, o que provocaban era a súa desaparición ou substitución por traballadores asalariados nas explotacións.

“Os técnicos do Ministerio de Agricultura crían que a concentración parcelaria era esencial para adaptar o medio á maquinaria”

-Outro dos factores que sinalas como claves para a introdución dos tractores e da maquinaria agrícola son as concentracións parcelarias. De que xeito influíron?
-A concentración parcelaria non foi tanto un factor clave, senón un proxecto que os técnicos do Ministerio de Agricultura crían que era esencial para adaptar o medio á maquinaria e non ó revés. Porén, probouse rapidamente que a concentración parcelaria era moi custosa, provocaba moito rexeitamento na poboación local e ocasionaba outros tantos problemas ambientais e dúbidas nos resultados que se podían obter. O proceso de moto-mecanización produciuse igualmente sen concentración e, a adaptación da maquinaria ás parcelas, ou as novas formas de manexo e de cultivos amosáronse máis efectivas que a propia concentración.

-No estudo, ademais da evolución do agro galego en materia de mecanización, tamén abordas casos en rexións de Portugal ou Irlanda. Hai similitudes no proceso?
-Tentei facer algunhas comparacións a nivel local, máis que a nivel macro. Sobre todo, centreime en analizar algúns traballos que se fixeron para a rexión de Tras os Montes en Portugal, e no condado de Kerry en Irlanda. O elemento común era a presenza do traballo familiar e unha especialización leiteira máis marcada no caso de Kerry e nas comarcas nas que máis traballo de campo fixen na Galiza, como a de Barcala. Os resultados amosan ata que punto era importante a adecuación da oferta de tractores á demanda. Cousa na que Irlanda levou a dianteira. Tamén o xeito no que se beneficiou de poder integrarse no mercado da Comisión Económica Europea moito antes que Galiza e Portugal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información