Porto-Muiños é unha pequena empresa galega referente a nivel nacional e internacional no procesado de algas mariñas para alimentación humana. En concreto, elaboran distintos productos de alimentación con algas mariñas que son recolectadas ou cultivadas na costa de Galicia. Agora queren dar un paso máis na súa aposta pola innovación e a sustentabilidade, participando no Grupo Operativo BIO_MARTERRA, un proxecto de innovación que busca converter os descartes de algas mariñas en bioestimulantes para uso agrícola. Para coñecer máis sobre esta iniciativa falamos con Manuela Buján Saco, bióloga do departamento de I+D de Porto-Muiños.
-Por qué decidistes participar como socios no GO BIO MARTERRA?
Por varios motivos. O primeiro é que detectamos unha demanda de insumos agrícolas de orixe natural para substituir, complementar ou alternar cos insumos convencionais de síntese química. Tanto no ámbito da agricultura ecolóxica -onde os adubos químicos xa non se poden usar- como da agricultura convencional.
En segundo lugar, decidimos participar no Grupo Operativo BIO_MARTERRA porque dispomos de descartes de algas mariñas que teñen un valor elevado e que se poden dirixir a producir insumos, e tamén porque hai especies de algas mariñas que teñen pouca demanda no sector da alimentación e son abundantes.
Ademáis, en Porto-Muiños temos capacidade e personal cualificado para abordar esta nova liña de negocio e contamos en Galicia cuns colaboradores de excelencia que axudan e traballan para que este proxecto saia adiante, e del se podan beneficiar o sector da agricultura e da viticultura.
-Canta cantidade de algas soledes descartar no voso traballo e ata agora que destino tiñan?
Depende do ano, pero aproximadamente traballamos unhas 400 toneladas de algas ao ano e os descartes veñen sendo entre un 2 e un 4%. Ata agora estas algas de descarte gardabámolas secas nun almacen e regalámolas para agricultura ou incluso para gandería.
-Que referencias tedes doutros países no aproveitamento dos descartes de algas para a elaboración de bioestimulantes para a agricultura?
Nestes últimos anos están saíndo algúns productos ao mercado en países do norte de Europa, Norteamérica ou Australia. Algúns deles estanse a usar como referencia neste proxecto.
-Cales son as especies de algas que estades utilizando neste proxecto e por qué lle prestades especial atención á alga parda Ascophyllum nodosum L.?
No primeiro proxecto que fixemos sobre este tema, no que empezamos de cero a traballar utilizamos distintas especie de algas mariñas, as máis abundantes en Galicia, e os resultados non foron malos.
Pero tiñamos que centrarnos nas que a lexislación permite neste momento, sen ter que tramitar ante a Comisión Europea a súa autorización, así que decidimos concentrar os esforzos máis en Ascophyllum, a única especie europea autorizada para comercializar extracto de algas para agricultura como tal.
-Cal foi o traballo que tedes realizado ata agora dentro do GO BIO MARTERRA?
Traballamos moito todo o grupo operativo. En concreto, dende Porto-Muiños formulamos e fixemos o protocolo de producción industrial de dous extractos de algas e deste xeito cumprir coa lexislación vixente -que non foi nada fácil-. Por unha parte, un protocolo dirixido a agricultura convencional e outro a agricultura ecolóxica.
Actualmente estamos a traballar nunha nova formulación con distintas especies de alga como bioestimulantes agrícolas e tamén nun producto que está a mostrar actividade como funxicida.
Os productos que desenvolvemos estánse a probar polo equipo do Campus Terra, en Lugo, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, polo grupo VIOR do CSIC-MISION BIOLÓXICA DE GALICIA, polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísmo e polos agricultores de HORTA DA LOUSA e AVELINO SANTANA (Ourense).
Recibimos deles as suás apreciacións e datos e imos mellorando a formulación, sistemas de aplicación e doses.
-Que nos podes avanzar dos primeiros resultados, sobre todo na vosa área de de traballo? Son prometedores?
Si, son prometedores. En laboratorio estamos a ver respostas moi positivas e claras en relación a estreses que poden sufrir os cultivos como falta de auga, exceso de calor ou salinidade no solo, segundo a información facilitada polos investigadores do Campus Terra-USC.
Tamén, dende a Misión Biolóxica de Galicia (Grupo VIOR) detectaron respostas positivas dalgún modelo de forma moi clara sobre o control do mildiu en viñedo.
En campo, os resultados dos ensaios realizados en leituga comercial, algunhas variedades de pemento, e patacas son positivos, mellorando o rendemento dos cultivos.
E en tomate estase a observar un beneficio nos plantóns cando estes se aplican en rego. Imos avanzando no coñecemento da resposta dos cultivos a estos productos.
En todo caso, hai que subliñar que os bioestimulantes non son abonos, senón que axudan as plantas a enfrentarse a estreses abióticos ou bióticos, como enfermidades ou maior resistencia á calor ou á salinidade.
-Cando tedes previsto poder comercializar estes descartes como bioestimulantes agrícolas? Que potencial lle vedes como liña de negocio?
Pensamos que no próximo ano estaremos preparados con algún modelo. Vémoslle moito potencial, as algas proveen de moitos beneficios tanto como alimento para humanos como insumo para os vexetais.
-Como é a lexislación neste sentido? Que cambios consideras que habería que realizar?
A lexislación limítanos moito no uso de distintas especies e tamén no uso de métodos de extracción. Terá que incorporar máis diversidade de algas mariñas e autorizar o uso de novas tecnoloxías de extracción verdes.
Financiamento
O Grupo Operativo BIO_MARTERRA está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total BIO_MARTERRA: 179.634,83 euros (100% subvencionado).