“As algas poden ser de interese na alimentación dos coellos, así como na nutrición animal”

Abordamos co investigador Javier García Alonso o proxecto Tirac que busca alternativas nutricionais coas que reducir o consumo de antibióticos nos coellos de cebo. O uso de algas barállase como unha alternativa para mellorar a saúde intestinal destes animais

“As algas poden ser de interese na alimentación dos coellos, así como na nutrición animal”

O investigador Javier García Alonso, da Universidade Politécnica de Madrid, é un dos profesionais involucrados no proxecto.

A redución do consumo de antibióticos é un dos retos da gandaría actual. Con este obxectivo xorde o proxecto Tirac, centrado en buscar alternativas para os coellos de cebo. O proyecto está a ser levado a cabo por un grupo supra-autonómico, que está a implicar tanto a Universidades como a criadores e empresas especializadas para localizar alternativas viables.

Falamos co investigador Javier García Alonso, do Departamento de Produción Agraria (Animal) da Universidade Politécnica de Madrid, unha das entidades implicadas no proxecto para coñecer os pormenores e o avance da iniciativa.

-O obxectivo do proxecto é lograr unha redución do uso de medicamentos utilizados fronte a problemas dixestivos no coello de cebo, en que liñas están a traballar para logralo?
-A redución da utilización de antibióticos só se pode abordar dunha maneira integral mellorando todos os aspectos do manexo da granxa: ventilación, temperaturas, limpeza e desinfección, calidade da auga, manexo do niño, etc. Unha vez optimizados todos os factores, hase de formular un penso o máis axustado ás necesidades dos animais. É importante remarcar que na maior parte dos casos o penso non é a orixe dos problemas dixestivos pero unha formulación inadecuada pode favorecelos. Neste contexto, o noso proxecto céntrase en identificar que modificacións na composición do penso poden permitir previr e limitar a incidencia de distintas patoloxías dixestivas durante o cebo.

“Na maior parte dos casos o penso non é a orixe dos problemas dixestivos pero unha formulación inadecuada pode favorecelo”

-Que características especiais ten este proxecto?
-Hai que destacar que este proxecto parte da colaboración entre a Industria e Membros do Sector (De Heus, Porto-Muiños, Asociación de Produtores de Coellos de Galicia -PROGACUN-, Cooperativa NARABA e a Granxa Echegoyen) e a Universidade (Universidade de Santiago de Compostela e Universidade Politécnica de Madrid), coordinado tecnicamente polo FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega). A colaboración entre todos estes axentes non é sinxela de articular, aínda que permite combinar unha gran experiencia a nivel de campo con outra a nivel experimental. Ademais, ao realizarse os ensaios en distintas granxas en condicións reais e variadas, permitirá obter conclusións máis extrapolables á realidade produtiva.

-Cales son as principais enfermidades dixestivas que afectan o coello e sobre as que están a traballar?
-As dúas enfermidades dixestivas que máis incidencia teñen actualmente nos cebadeiros son a colibacilose e a enteropatía epizoótica. Da segunda aínda está por clarificar a etioloxía, o que supón un serio inconveniente para elaborar estratexias para o seu control.

-Que gasto poden supor estas enfermidades nunha granxa de cebo?
-A parte visible é o incremento da mortalidade, pero os efectos colaterais son a necesidade de medicar os animais e os peores índices técnicos obtidos. Con todo, é unha pregunta que podería respostar mellor un gandeiro ou un técnico de campo.

-Hai xa algunhas estratexias nutricionais perfiladas?
-En ocasións, algunhas estratexias demostraron mellorar a incidencia destas enfermidades dixestivas. Así, a redución do nivel de proteína parece exercer un efecto positivo, independentemente da patoloxía que poida presentarse, mentres que a modificación do nivel e do tipo de fibra dependería do tipo de patóxeno presente, resultando o incremento de fibra soluble máis beneficioso nos brotes de enteropatía epizoótica.

“As algas non se empregan de maneira xeral en alimentación animal, en parte debido ao descoñecemento da súa composición química e valor nutricional”

-No proxecto exponse a incorporación de macroalgas ou extractos de algas, como xurdiu a idea de incluílas?
-As algas son un recurso sustentable que non están suficientemente valorizadas. De feito, non se empregan de maneira xeneralizada en alimentación animal, en parte debido ao seu elevado contido en humidade e minerais, como ao descoñecemento da súa composición química e valor nutricional. Con todo, as algas teñen compoñentes que poden resultar de interese na nutrición animal en xeral e na dos coellos en particular. Entre eles destacan o seu contido en fibra fermentable, de sustancias bioactivas como a laminarina e os fucoidanos que poderían funcionar como prebióticos ou moduladores do sistema inmune, o que haberá que demostrar no caso dos coellos, así como o seu contido en acedos grasos w-3. O obxectivo do proxecto é avaliar que especies de algas tal cal ou produtos extraídos das mesmas poderían ter un interese na alimentación do coellos.

-Acabarán comendo algas os coellos?
-Para iso haberá que esperar os resultados que obteñamos tanto no laboratorio como na granxa, pero desde logo algunhas especies de algas poderíanse encaixar ben coas características dixestivas que ten o coello. Existen antecedentes dalgúns subproductos vexetais que antes terminaban sendo utilizados como combustible ou verteduras en estercoleiros e que finalmente se revalorizaron como ingredientes de pensos de coellos.

“As algas utilizáronse tradicionalmente en zonas costeiras cando había escaseza de forraxe, especialmente no inverno nas costas do norte de Europa”

-Hai precedentes na incorporación de algas para a alimentación de gando?
-As algas utilizáronse tradicionalmente en zonas costeiras cando había escaseza de forraxe, especialmente no inverno nas costas do norte de Europa, aínda que o seu uso non se xeneralizou debido á falta de palatabilidade cando se emprega como alimento único. A inclusión en pensos equilibrados de cantidades limitadas de algas podería facilitar a súa utilización.

-Outro dos eixos do proxecto é mellorar o valor nutricional da carne de coello, cal é o obxectivo concreto que pretenden conseguir?
-A carne de coello ten unhas calidades nutricionais extraordinarias debido especialmente ao seu baixo contido en graxa, composta maioritariamente por acedos grasos insaturados, a diferenza do que ocorre coa doutras especies. A alimentación do coello con algas ou subproductos das mesmas permitirá que a graxa depositada incremente o seu contido en acedos grasos da familia w-3, que en moitos traballos demostraron favorecer a saúde cardiovascular. Outra das características diferenciais da carne de coello é o seu baixo contido en sodio, o que lle fai ser unha carne de especial interese para hipertensos.

-Cales son os resultados que lograron polo momento? Que prazos manexa o proxecto? En que fase se atopan nestes momentos?
-A pesar de que o Ministerio non publicou oficialmente a concesión definitiva dos proxectos, desde Go Tirac puxémonos en marcha desde antes do verán. En primeiro lugar, lanzamos unha enquisa aos cunicultores co fin de caracterizar o manexo real que realizan, que como xa comentei é moi relevante á hora de reducir a utilización de antibióticos. De momento, a resposta dos gandeiros está a ser bastante positiva. En segundo lugar, están a seleccionarse os candidatos de algas e os seus subprodutos a avaliar. Finalmente, xa estamos a estudar e debatendo a formulación dos distritos pensos a avaliar durante o cebo. En dous anos e medio deberiamos ter conclusións para implementar ou non na práctica algunhas das estratexias avaliadas.

“Debemos poñer en valor as alternativas que temos para alimentar o coello, sen ter que importar alimentos doutros continentes”

-Á marxe do proxecto Tirac, cales son os principais retos que afronta o sector cunícola español?
-Un dos principais problemas do sector cunícola é a redución que se observa no consumo de carne de coello e que se atribúe tanto aos cambios nos hábitos que se están producindo nos fogares españois como ao maior prezo que ten fronte a outras carnes. Está claro que haberá que seguir pondo en valor características que ten a carne de coello e que non presentan outras carnes como a súa calidade intrínseca, xa comentada, ou o feito de que se pode alimentar aos coellos con pensos compostos maioritariamente por subprodutos da industria agroalimentaria, participando así da economía circular, e de ingredientes que se poden producir en España e Europa sen necesidade de importalos doutros continentes e por tanto limitando o seu impacto ambiental.

-Europa mira tamén ao sector cunícola para esixir unha cría sen gaiolas, Suporá ter que introducir cambios na alimentación prescindir das gaiolas?
-O cambio dos aloxamentos non debería presentar problemas técnicos na fase de cebo, salvo o investimento a realizar por parte dos gandeiros, aínda que a situación das reprodutoras é ben diferente. Ademais do cambio de aloxamento, seguramente os animais deberán dispor de elementos que poidan roer como forraxe, ramas ou algún outro elemento similar. Neste caso, haberá que cuantificar a inxestión que fan destes alimentos e estudar se é necesario retocar o aporte nutricional do penso. Todos estes cambios suporán un gran reto para o sector que deberá atopar solucións viables economicamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información