Alfonso Rueda visita a sede de AIRA para coñecer o modelo cooperativo e o seu potencial industrial

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente da Xunta de Galicia coñeceu de primeira man, os investimentos realizados pola cooperativa en modernización, sustentabilidade e mellora da competitividade das ganderías socias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita as instalacións da cooperativa agroalimentaria Aira. Aira (Taboada), 27/02/26.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita as instalacións da cooperativa agroalimentaria Aira. Aira (Taboada), 27/02/26.

A cooperativa agroalimentaria AIRA recibiu esta mañá a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como outras autoridades, nun encontro institucional que incluíu unha visita ás instalacións da fábrica de penso da cooperativa situada en Taboada (Lugo).

Durante a xornada, a directiva de AIRA presentou as principais magnitudes da cooperativa, que integra 3000 socios e socias, conta con máis de 360 empregados, 17 delegacións no territorio e supera os 200 millóns de euros de facturación. Desde a súa constitución en 2018, tras o proceso de integración cooperativa, AIRA leva investidos 44 millóns de euros en modernización industrial e mellora de infraestruturas.

A visita permitiu coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos incorporados na fábrica de penso, que a converteron nunha das principais fábricas de penso de vacún a nivel nacional. Ademais, no encontro tamén se tivo ocasión de presentarlle distintos proxectos estratéxicos que está a desenvolver AIRA orientados á mellora da eficiencia produtiva, á sustentabilidade ambiental e a reforzar a competitividade das ganderías socias.

No encontro abordáronse tamén cuestións decisivas para o futuro do sector agrogandeiro, como o acceso ás liñas de axuda pública adaptadas á realidade das cooperativas integradas, a necesidade de facilitar man de obra cualificada e a importancia das infraestruturas dixitais no rural como elemento clave para a innovación e a competitividade.

A xornada concluíu cunha degustación de queixos elaborados polas industrias participadas pola cooperativa, como exemplo da aposta de AIRA pola transformación e pola xeración de valor engadido.

Apoio da Xunta de Galicia

Rueda destacou a importancia de iniciativas coma esta: baseadas no cooperativismo e que contribúen a modernizar e diversificar o sector gandeiro: “Esta é unha cooperativa que é un reflexo de como foi evolucionando o noso medio rural, onde se fan produtos case a medida de cada granxa, con moita tecnoloxía e avances. Así foi transformándose o noso medio rural nos últimos anos: buscando unha maior rentabilidade e unha maior calidade de vida”, apuntou. De feito, esta planta está considerada como a maior fábrica de penso para vacún leiteiro de España.

Na súa intervención, fixo referencia aos retos que afronta actualmente o sector, nomeadamente ante o tratado UE-Mercosur e a negociación da futura PAC. En canto ao primeiro, lembrou que o Goberno galego asinou un documento de consenso con Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para garantir que na aplicación práctica do tratado -de entrar en vigor- se protexa o sector con medidas áxiles e eficaces, asegurando “que todo o que entre aquí teña o mesmo tratamento que se esixe ao que se produce aquí, cos mesmos estándares de calidade” e remarcou que “seremos especialmente esixentes”. No acordo recóllense demandas para o Goberno central e a Unión Europea, así como compromisos da administración autonómica, que xa están en desenvolvemento.

En canto á futura PAC, Rueda puxo en valor tamén o consenso acadado co sector agrario para demandar unha nova política máis forte, con fondos diferenciados e con enfoque rexional, dado que a Xunta de Galicia sempre defendeu o seu rexeitamento ante a proposta da UE: “Necesitamos que Europa siga apostando polo medio rural. Que os fondos para o sector primario se manteñan. Vertebrar o rural pasa por que se siga apostando por una política agraria firme e con menos burocracia”, salientou.

O presidente reivindicou a importancia dun sector moi importante para Galicia, a nivel económico, social e cultural. Neste sentido, reafirmou o apoio da Xunta para poñer en marcha medidas que garantan o seu futuro como as axudas para a remuda xeracional, os apoios para a transformación e comercialización de produtos, a creación do banco de explotacións ou impulso ao banco de terras. Ao mesmo tempo que se busca “facer o traballo nas granxas cada vez máis atractivo, garantindo prezos, incorporando tecnoloxía e favorecendo a compatibilidade do traballo co tempo libre”.

Fixo especial fincapé en que Galicia é hoxe líder no sector leiteiro: produce o 42% do leite de España e, ademais, actualmente se transforma na nosa comunidade o 75% do que se produce aquí. Neste sentido, Rueda remarcou que ”as cooperativas en Galicia son fundamentais. E no agro, no medio rural, especialmente. Todo o que se fai aquí ten que ter o noso apoio e empuxe”.

Xa para rematar, eloxiou o papel de cooperativas como Aira, en tanto contribúen a dinamizar o rural e axudan a fixar poboación a través da creación de emprego e de oportunidades: “Este é un traballo inacabado, hai que seguir traballando. Pero creo que con exemplos como este, faise todo moitísimo máis fácil”, rematou o presidente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información