Alertan do posible peche de granxas de porcino polos baixos prezos en orixe e a suba dos custos de produción

Os brotes de Peste Porcina Africana en Cataluña sementaron dúbidas nos mercados sobre o porcino español e europeo de cara á exportación. Con todo, a demanda interna segue subindo e o sector gandeiro advirte de desabastecemento de carne e de animais en matadoiros e distribución. Os prezos están baixando e dende FEGAPOR advirten do perigo para a viabilidade das explotacións

Granxa-porcino-SAT-O-Chope-_Porcos-

“O mercado do porco está destrozado. Xa se agoiraba un ano horrible pero está a ser peor do esperado. Na temporada de final de primavera e comezos do verán é cando mellores prezos hai e recupérase o que se poida perder no inverno. Pois está pasando o contrario.” É o que di Pablo Meijomín, presidente da Federación Galega de Porcino (FEGAPOR).

Caída de prezos en orixe

E é que no sector produtor agardábase que a estas alturas o prezo en orixe fose de 1,5 € o quilo pero está en 1,31 €. E o contexto europeo fai prever novas baixadas. “Alemania, Bélxica ou Dinamarca levan semanas baixando. Neste momento aínda estamos cobrando por baixo dos custos de produción, de xeito que se xa empeza a baixar agora, as granxas vano pasar moi mal no que queda de ano.”

Ademais, os países europeos compiten entre si polos mesmos mercados foráneos. “Todos imos vender a China, a Corea ou a Xapón. Se nun país da UE -que soe ser Francia- ofertan o porco a prezo baixo, os demais temos que ir detrás para non perder cota.”

Nin nos matadoiros nin nas granxas están entrando todos os animais que se precisan, polo que non se explica que nos baixen os prezos (Pablo Meijomín, FEGAPOR)

“Non se entenden as baixadas nun mercado desabastecido. Hai poucos animais entrando nos matadoiros e os pesos cos que entran son máis baixos do habitual -tamén polo efecto da calor-. Dende os centros de sacrificio chaman todas as semanas para pedir uns animais que non hai.”

E eso que as grandes industrias porcinas están poñendo no mercado a carne que se conxelou nos meses de prezo máis baixo (de xaneiro a marzo). Pero eses produtos conxelados xa se están a esgotar porque a demanda é moi alta.

“Dísenos que temos que vender barato para recuperar mercado en países reticentes ante a PPA. É o caso de Filipinas, que nos abriu as portas hai un mes ou Xapón, que mantén restricións parciais. Aínda que eso sexa certo, no mercado nacional non teñen sentido os prezos actuais.”

E é que, asegura Meijomín, tanto os embutidos como as salgaduras e a carne fresca non baixaron de prezo nin nas carnicerías nin na gran distribución. Incluso nalgúns casos están máis caros. “É fácil deducir que esa marxe entre prezos baixos en orixe e altos en puntos de venda queda en mans dos escalóns intermedios.”

Tememos que moitas granxas adianten os peches que tiñan programados para non perder cartos na fase final

O presidente de FEGAPOR asegura que hai moita desmoralización no sector produtor. “Hai granxas que xa están en venda e outras que van pechar porque mantiveron a actividade grazas aos prezos relativamente bos dos últimos anos. Pero agora non ten sentido dilatar a retirada para traballar a perdas.”

Meijomín advirte que as esixencias de máis espazo nas naves de parideiras supoñen un investimento hoxe inasumible

Meijomín advirte que as esixencias de máis espazo nas naves de parideiras supoñen un investimento hoxe inasumible

PPA e custes de produción

A Peste Porcina Africana (PPA) ten certa influencia. Pero non toda. Estamos nun contexto de mercado europeo onde o que sucede nun país acaba repercutindo nos demais. Algo que afecta especialmente a España, que ten na Unión Europea o seu principal mercado.

“A PPA, coa restricións de movemento de animais e a contención en granxas e matadoiros, fai que haxa menos oferta. Por eso non ten sentido que estean baixando os prezos se os animais e a carne escasean”. Algunhas asociacións de produtores xa valoran emprender accións legais contra Mercolleida, que é a lonxa que fixa as cotizacións en España.

Estase analizando a posibilidade de emprender accións legais contra Mercolleida por esta baixada inxustificada de prezos

A parte positiva é que a PPA non obrigou ata o de agora a investir en medidas de bioseguridade. “Facemos o mesmo de sempre, aínda que se cadra con máis rigor. Peches perimetrais intactos, vixilancia da entrada de vehículos, control de leitóns que veñen doutros países…pero nada que non se estivera a facer.”

O custo que verdadeiramente lastra as granxas é o dos concentrados, que subiu dende a guerra de Ucrania e non volveu baixar. “Daquela o custo de produción estaba en 1,10 € por quilo de carne. Agora non baixa de 1,35 €. Se ata final de ano estamos perdendo entre 25 e 30 € por porco, a situación será insostible.”

Por exemplo, un gandeiro que mande 15.000 porcos ao ano está perdendo case medio millón de euros. E tampouco o mercado de leitóns, que está en auxe en Portugal, se albisca como solución. “O mercado portugués supón o 70% do porco galego. Pero non hai máis marxe de crecemento nesa vía porque é un país pequeno no contexto internacional.”

Dende FEGAPOR lembran que levan catro anos con custes dos concentrados excesivamente altos

O presidente de FEGAPOR lembra que levan catro anos con custes dos concentrados excesivamente altos

Unha solución sería que Xapón, Corea e China levantaran as restricións aos porcos europeos e volveran apostar polos porcos da UE e non polos mercados de Sudamérica. Algo que semella difícil porque o que se busca é o prezo e en Brasil ou Arxentina producen máis barato.

O mercado de leitóns supón aforrar custes pero xa está saturado. Agora mesmo non vemos ningunha solución

A suba de fertilizantes e combustibles derivada da guerra de Irán non afecta ao porcino galego neses apartados pero si no de transportes, que incrementaron o seu custo nun 20% polas dificultades e riscos de tránsito hacia Asia.

O pasado setembro, Meijomín sinalaba a necesidade de que en Galicia se asentaran industrias e matadoiros de grande volume. Algo agora imposible. “As empresas europeas e españolas estanse indo a Sudamérica. En parte polo acordo co MERCOSUR, que permite traer aquí carne producida a baixo custe. E porque aquí as restricións lexislativas son moito maiores e continuas.”

Outra ameaza para o sector está na entrada en vigor o vindeiro ano da normativa de benestar animal da UE para as naves de partos, que obriga a reducir a carga gandeira para dotar de máis espazo os animais nesas naves, que son as de máis custe nas explotacións.

“Quen vai gastar cartos en reformar as naves co actual contexto de perdas económicas? Suporía investir diñeiro nunhas obras que nos obrigan a reducir a produción. Por eso estamos pedindo que haxa unha moratoria de polo menos cinco anos para que as cousas se aclaren.”

Xornada Formativa

Malia a comprometida situación do sector, gandeiros, técnicos e sanitarios continúan traballando na mellora integral e no avance na profesionalización do porcino galego. Así, Vila de Cruces acolleu unha xornada formativa organizada por Agrifirm na que tamén estivo presente o presidente de FEGAPOR.

O evento tivo lugar na casa O Refuxio de Vila de Cruces. Enric Marco Consultor Porcino e director e fundador de Marco Vetgroup, falou sobre como pode o manexo nas explotacións axudar a destetar leitóns de calidade.

Marco sinalou a necesidade de aplicar unha atención sistemática durante os partos para reducir a anoxia e garantir que os leitóns accedan á cantidade e calidade de costro necesaria. E que son precisas prácticas de manexo específico para leitóns nacidos con baixo peso ou tardíos, e un coidado individualizado para as futuras parideiras de reposición.

O especialista puxo tamén o foco no impacto dos protocolos de vacinas e no manexo da vacinación na saúde inminente e futura dos leitóns. E, tamén dende un punto de vista de sanidade animal, apostou por que as granxas fagan o esforzo de acadar a idade de destete en 28 días.

Máis de 50 gandeiros e técnicos participaron na xornada en Vila de Cruces

Máis de 50 gandeiros e técnicos participaron na xornada en Vila de Cruces

Ana García, Directora Técnica de Agrifirm España, falou sobre o rol dos sentidos na inxesta dos leitóns. Trátase dun enfoque técnico que aborda como as ferramentas sensoriais —vista, oído, olfacto, tacto e gusto— estimulan o consumo voluntario dende a lactación. Porque, asegurou, a alimentación temperá condiciona directamente o rendemento post-destete.

García desenvolveu o concepto de que os cinco sentidos utilízanse de forma estratéxica para deseñar solucións prácticas na granxa. E citou os pensos multipartícula con diversidade de texturas e alta palatabilidade, que aumentan o consumo ata un 13% na primeira semana de destete.

A modulación sensorial tamén se abordou na xornada. Porque é unha das estratexias nutricionais máis eficaces para estimular o consumo voluntario de concentrados, especialmente durante a fase de destete, que é moi crítica. As crías contan cun sistema quimiosensorial moi desenvolvido que lle permite reaccionar de forma inmediata aos cambios organolépticos na alimentación.

Dese xeito, modificando estratexicamente o sabor, o aroma e a variedade de concentrado atenúase o estrés do destete, acelérase a transición ao alimento sólido e redúcese o número de animais que son máis reacios a consumir a ración.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información