
Ganderia en Australia. Foto: Cedida
O Sindicato Labrego Galego alerta sobre os efectos negativos no sector que pode traer unha futura firma dun tratado de libre comercio da Unión Europea con Australia. “Australia é un dos grandes produtores a nivel mundial de ovino e bovino e, polo tanto, ten moito interese en eliminar os seus aranceis para que estes produtos entren na UE e a UE unha vez máis está disposta a ceder”, denuncia o Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez.
O UE-Australia é un tratado que leva anos negociándose. Con todo, até o de agora, estaba parado porque xeraba moitas dúbidas a Europa polos efectos que podía supoñer no sector primario. “O actual executivo de Ursula von Leyen ten claro que sectores económicos quere potenciar a nivel interno da UE e cales queren que sexan autónomos dentro da mesma, e ten claro que a agricultura e a gandaría non é un deles e non está por garantir unha seguridade de subministro e autosuficiencia de alimentos á cidadanía, por iso se permite o luxo de negociar coa alimentación”, esclarece Álvarez.
Bovino e ovino sen aranceis
Dende o Sindicato Labrego Galego aseguran ter constancia dos “intentos da Unión Europea por acelerar a sinatura deste tratado con Australia, como así ocorreu nas reunións mantidas entre as partes en Bruxelas o pasado 12 e 13 de febreiro e, ademais, estase negociando a entrada en Europa sen aranceis de carne de bovino e ovino”.
No caso da carne de bovino actualmente Australia exportaba a Europa cun arancel reducido -3389 TM de carne ao ano-, e pide agora á UE para a sinatura deste tratado que estas suban a 40000 TM ano, mentres a súa industria exerce presión para que estas alcancen as 50000 TM ano, e igual os beneficios que actualmente ten Canadá nas súas exportacións cara a Europa ofrecendo neste momento á UE aumentar até as 30000 MT ano.
No caso do ovino, cómpre destacar que Australia é unha das cabanas máis grandes do mundo. Actualmente exporta con taxa reducida a Europa 5851 TM ano de carne de ovino e demanda que estas alcancen co presente acordo as 67000 TM ano, é dicir, 12 veces máis que a cantidade actual. Nese senso, exercen presión para alcanzar esta cantidade falando dun trato desigual fronte a terceiros como Nova Zelandia que actualmente exporta 125000 TM de carne de ovino noutro acordo de libre comercio asinado con Europa.
A perda da soberanía alimentaria en Europa e o peche de granxas
Dende o SLG-CCLL advirten de que “moito se ten intentado vender as bondades do Mercosur nos últimos días, con mentiras e medias verdades, cando o MERCOSUR realmente é unha gota no océano, un exemplo máis dunha política económica europea que leva primando moitos anos determinados sectores mentres condena ao peche as nosas granxas e compromete o acceso aos alimentos da poboación Europea, e este novo intento de firma do tratado con Australia así o demostra”, afirma o Secretario de Acción Sindical do SLG.
A organización alerta de que a política de asinar tratados de libre comercio a cambio de permitir a entrada na UE de alimentos “é algo que leva ocorrendo os últimos 20 anos como así o demostra o CETA firmado con Canadá en 2017, o intento de asinar o TTIP en 2015 ou o acordo con Nova Zelandia no marco da OMC no 2024”.
Galego









Control OJD