Alertan de que un vertedoiro de residuos industriais ameaza as ganderías de Lousame

O Sindicato Labrego Galego advirte de que “o proxecto de vertedoiro de refugallos industriais de Lousame ameaza unha ducia de granxas que manteñen un centenar de empregos”

Alertan de que un vertedoiro de residuos industriais ameaza as ganderías de Lousame

A instalación dun vertedoiro de residuos industriais no concello de Lousame está a provocar un intenso debate entre a veciñanza polos supostos riscos de contaminación das augas e do aire, o que afectaría ao medio ambiente, ás ganderías da zona e á saúde das persoas.

O proxecto que promove Gestora de Resíduos del Noroeste, e que actualmente ven de estar en fase de alegación, contempla a construción dun vertedoiro destinado a acumular ata 770.000 de residuos industriais en dez anos nunha parcela de case 20 hectáreas situada nas inmediacións do monte Culou, en Lousame. As tres cuartas partes dos refugallos tratados serían enterrados.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego Galego rexeitan este proxecto ao considerar que “pon en risco unha ducia de explotacións agrarias en Lousame que xeran case un cento de empregos na contorna inmediata do vertedoiro”. “Mesmo a parcela de 20 hectáreas na que se pretende instalar o vertedoiro está clasificada como solo rústico de especial protección e forma parte da base territorial dunha granxa de vacas cachenas que, probablemente, se vexa obrigada a pechar ao extinguirse o arrendamento da finca”, advirten dende o SLG.

O SLG asegura que o vertedoiro pon en risco a continuidade das ganderías de Lousame e Rois

Da mesma maneira, dende a organización agraria alertan de que “centos de hectáreas de terreos contiguos ou próximos ao vertedoiro son o sustento fundamental das ganderías que se concentran nas aldeas veciñas”.

Para ilustrar o risco de afectación deste macrovertedoiro á actividade gandeira, dende o SLG lembran que “o lugar de Fontefría, que concentra boa parte das cabezas gandeiras e empregos agrarios directos do Concello de Lousame, atópase a menos de 400 metros da parcela onde se pretende instalar o vertedoiro”. Ás de Fontefría, habería que engadir as explotacións dos lugares limítrofes do concello de Rois e outras aldeas con grande vitalidade gandeira como Servia ou Comparada, tamén en Lousame.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego anuncian que se presentarán no procedemento e que, “á vista das numerosas irregularidades observadas no proxecto, presentaremos alegacións, destacando a afectación aos leitos fluviais que sosteñen tanto as traídas veciñais como o subministro para as explotacións agrarias, amais doutros riscos que ameazan a continuidade e sustentabilidade do modo de vida agrario dos lugares de Lousame e Rois directamente afectados polo proxecto”.

Versión da empresa

Sen embargo, por parte de Gestora de Residuos del Noroeste, empresa promotora con sede na Coruña, aseguran que “non se contaminarán as augas” xa que aseguran que realizaron un “pormenorizado” estudo hidrolóxico da zona . A empresa promete que non se contaminarán as augas da zona xa que “as augas a tratar trasladaranse a outras instalacións especializadas e autorizadas”. A empresa fala tamén dunha “dobre barreira impermeable” para evitar filtracións do vertedoiro e destaca que a este “só irá a parar aquelo que sexa imposible de recuperar para a reciclaxe, valorización ou xeración de combustible”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información