Alertan de irregularidades nas ITEAF en Galicia

Varias empresas do sector alertan sobre prácticas ilegais nas inspeccións e piden á Xunta de Galicia que interveña. Temen que se produza unha fraude masiva como a dos carnés fitosanitarios online que se realizaban en León

Alertan de irregularidades nas ITEAF en Galicia

Equipo pasando a ITEAF

A Inspección Técnica de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (ITEAF), unha revisión obrigatoria que terán que pasar un total de 10.477 equipos en Galicia antes do 26 de novembro, pode dar lugar a unha fraude masiva como a que sucedeu cos carnés de aplicadores de fitosanitarios que se impartían online en León.

Diversas fontes do sector alertan que en varias zonas de Galicia xa se están producindo feitos delituosos, como que os propios inspectores vendan recambios para as sulfatadoras durante a inspección, ou que entreguen certificados favorables sen revisar o equipo.

Ademais denuncian que “varias empresas visitan casas do rural presionando á xente maior para que realice a ITEAF dos seus equipos, ameazando con retiradas de subvencións e multas, tal e como xa ocorrera na época dos cursos fraudulentos para sacar online o carnet de fitosanitarios”.

Cobrar por segunda vez a revisión é antiético”

Ademais, lembran que todas as ITEAF autorizadas deben notificar á Xunta de Galicia con 10 días de antelación cales serán os puntos de inspección. Advirten tamén de que xa está a haber casos de inspeccións en zonas públicas que se realizan sen coñecemento nin autorización dos propios concellos.

Por outra banda, fontes do sector alertan de que hai empresas que están a facer ITEAF a un prezo moi baixo, “practicamente sen revisar os equipos e sen informar os propietarios que lles cobrarán por segunda vez a revisión dos fallos, o cal é totalmente antiético”, subliñan. E cando non o conseguen, dan por favorable equipos que non o están, o que pode provocar unha nova fraude como o sucedido co carné de fitosaniarios online que se sacaba en León.

Piden á Xunta que tome as medidas necesarias

“Estamos nunha situación de impotencia porque vemos que as empresas que realizamos correctamente as Inspeccións Técnicas destes equipos fitosanitarios, ao final saímos prexudicadas polas que a imcumplen, e se isto segue así teremos que que tomar medidas legais”, advirten as mesmas fontes.

Lembran que o que se están inspeccionando son equipos que distribúen produtos fitosanitarios sensibles para as persoas e o medio ambiente e que noutras comunidades nas que ocorreu isto mesmo centos de máquinas tiveron que volver ser inspeccionadas, coa consecuente molestia e gasto para os propietarios.

Segundo nos indican, estes feitos xa se puxeron en coñecemento da Xunta de Galicia, esperando que se tomen as medidas necesarias para frear ás empresas fraudulentas.

Campo Galego púxose en contacto cunha das empresas denunciadas, que opera tamén noutras Comunidades Autónomas, pero negouse a realizar declaracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información