Alertan das consecuencias do auto xudicial que impide cazar exemplares de lobo por danos en explotacións gandeiras

A organización agraria respecta a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pero alerta da necesidade de habilitar solucións en casos extremos de ataques reiterados ao gando

loboO sindicato Unións Agrarias-UPA manifesta o seu respecto institucional polo auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que acorda a suspensión cautelar da resolución da Xunta que permitía autorizar intervencións de control sobre o lobo por danos en explotacións agrogandeiras. Con todo, a organización agraria non comparte o seu contido e alerta das posibles consecuencias que esta decisión pode ter sobre o equilibrio do medio rural galego.

“A sociedade galega debe saber que o lobo non está en perigo de extinción en Galicia e que ninguén defende a súa desaparición no territorio. Porén, é necesario controlar as súas poboacións e os seus danos para garantir unha convivencia razoable coa gandeiría extensiva e a seguridade en moitas aldeas nas que os ataques do lobo, mesmo en contornas habitadas, están adquirindo un perfil cada vez máis preocupante”, alerta Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural de UUAA.

O lobo non está en perigo de extinción en Galicia; é necesario controlar as súas poboacións

“Desde Unións Agrarias consideramos que a posibilidade de proceder á extracción puntual de lobos debe formar parte das ferramentas de control dispoñibles, especialmente en situacións de acoso reiterado a explotacións concretas ou risco para persoas. Estas accións deben complementarse con outras medidas de xestión, como as medidas preventivas ou a alimentación disuasoria, sempre baixo criterios científicos e técnicos, como se fixo tradicionalmente na Galicia rural, que conviveu co lobo e o conservou ao longo da historia, a diferenza da maioría de rexións europeas, onde a especie desapareceu no século XX e está a retornar agora con forza”, engade.

Galicia mantén actualmente unha das maiores poboacións de lobo da Unión Europea, cunha densidade superior á de Portugal (con apenas 300 exemplares), e cifras comparables a países enteiros como Francia, e superiores ás de Suecia. Estes países permiten, sen embargo, e aplican medidas de control regulamentadas, adaptadas á realidade de cada territorio.

Os ataques de lobos incrementáronse un 30% no 2024

Unións Agrarias alerta tamén de que os avisos por ataques de lobo incrementáronse un 30% na última campaña de 2024, con máis de 2.100 notificacións e 2.800 animais mortos, segundo datos oficiais da Consellería de Medio Ambiente, aínda que as perdas reais, especialmente no cabalo de monte, son moi superiores, polas dificultades para atopar os restos dos animais.

Entre as vítimas figuran 436 cabalos, 1.191 ovellas, 224 cabras e 953 vacas, o que compromete gravemente a viabilidade da gandaría extensiva e a supervivencia de razas autóctonas como o cabalo de monte galego, en risco pola presión predadora do lobo.

O cabalo de monte galego está en risco de extinción pola presión predadora do lobo

Cómpre lembrar que o Plan de Xestión do Lobo de Galicia, aprobado mediante o Decreto 297/2008, está en plena consonancia coa nova liña marcada polo Parlamento Europeo e a Comisión Europea, que vén de facer oficial a proposta para adaptar o nivel de protección do lobo en toda a UE ás necesidades de cada territorio, pasando da protección estrita á protección común (Anexo V da Directiva Hábitats). Esta decisión, baseada en evidencias científicas e sociais, permitirá adaptar as medidas de xestión á realidade de cada territorio, recoñecendo que o éxito na recuperación da especie debe ser compatible coa actividade agrogandeira e co equilibrio territorial.

Diferenzas entre comunidades autónomas

Para UUAA, resulta sorprendente que, mentres os Tribunais Superiores de Asturias e Cantabria rexeitaron solicitudes de suspensión cautelar similares, avalando controis máis ambiciosos e con cupos establecidos, en Galicia se acepte “unha tese que ignora a realidade do rural galego e a legalidade dunha resolución baseada nun plan aprobado por decreto”.

“Debe terse en conta que, entre 2010 e 2020, só se cazaron 11 lobos en toda Galicia (o último en 2013), fronte aos cupos autorizados por Asturias e Cantabria para 2025, que son de 53 e 41 lobos respectivamente”, explica Jacobo Feijóo.

Desde Unións Agrarias demandan que esta diferenza de criterio se resolva con axilidade, “para que o sector gandeiro galego poida actuar con seguridade xurídica fronte a unha problemática que pon en risco non só a viabilidade económica das explotacións, senón tamén a seguridade das persoas e a biodiversidade funcional do territorio”.

“A protección do lobo non pode ser incompatible coa actividade gandeira, que, lonxe de ser parte do problema, é unha peza esencial para conservar o territorio, previr o lume e manter vivas as paisaxes culturais e o equilibrio do rural galego”, conclúe Jacobo Feijóo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información