Alerta pola falta de relevo no campo en Galicia: O 72% dos titulares de explotacións superan os 55 anos

Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Francisco José Ónega López, investigador desta Universidade, durante a presentación do informe

Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Francisco José Ónega López, investigador desta Universidade, durante a presentación do informe. Foto: Cedida

O volume actual da man de obra no sector agrogandeiro galego limítase a unhas 50.000 persoas, despois da abrupta caída que sufriu nas 4 últimas décadas, desde a integración na UE (en 1985 o sector contaba con 415.000 ocupados). A iso únese un forte envellecemento dos titulares de explotación: segundo os datos do Censo Agrario do 2020, o 71,7% das persoas á fronte dunha explotación estaban próximas ou superaban a idade de xubilación. Estes datos globais reflicten a transcendencia desta realidade e a necesidade de atopar solucións axeitadas.

Por este motivo, o Foro Económico de Galicia presentou esta mañá o informe “O relevo xeracional no sector agrario galego: retos e oportunidades”, elaborado por Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Francisco José Ónega López, investigador desta Universidade.

Captura de pantalla 2025-10-02 170607

O documento recolle o diagnóstico e as recomendacións derivadas da VIII Reunión Casal de Armán, celebrada o 27 de xuño de 2024, e analiza en profundidade os factores que condicionan a renovación xeracional no sector agrario galego.

Como cabería agardar, a dimensión das explotacións, e a súa capacidade para xerar unha renda adecuada, é un elemento esencial que condiciona a existencia de relevo. Porén, mesmo nos estratos superiores (cunha produción anual por encima de 50.000 euros) o 40% das unidades produtivas (3.500) están en mans de xefes con 55 ou máis anos.

As diferenzas en función do tamaño trasládanse aos datos por orientacións produtivas. Neste sentido, constátase un peso moito maior dos/as agricultores/as mozos/as nas unidades especializadas nas principais producións gandeiras: vacún de leite, vacún de carne, porcino e aves. Mentres que o envellecemento é especialmente acusado nas explotacións non especializadas (cultivos agrícolas diversos, policultivos, gandaría mixta) e en certos cultivos (horticultura ao aire libre, frutais e cítricos).

No plano territorial, o relevo xeracional estase concentrando nas áreas gandeiras do interior da metade septentrional. Mentres que a situación e perspectivas demográficas son moito máis problemáticas en amplas zonas da xeografía galega, que poden ver desaparecer nas décadas inmediatas unha grande parte das explotacións agrarias, que son xa poucas en moitos concellos.

Neste sentido o responsable do informe, Edelmiro López Iglesias, afirmou esta mañá que “O relevo xeracional na agricultura constitúe hoxe un problema e unha cuestión candente en toda a Unión Europea, pero alcanza especial relevancia no agro galego.”

Captura de pantalla 2025-10-02 170707

Medidas cara ao futuro

A PAC vixente (2023-2027), inclúe o relevo xeracional como un dos nove obxectivos prioritarios. Ademais, a UE enfatiza na necesidade de abordar este obxectivo cun enfoque integral, no que se coordinen as diferentes medidas financiadas pola PAC e tamén outros mecanismos e instrumentos a nivel estatal ou rexional. Tamén en Galicia comezan a darse pasos nesa dirección. Despois de décadas sen un impulso político e un enfoque global do apoio ao relevo xeracional no sector, salvo pequenas excepcións, nos últimos anos estanse a impulsar iniciativas relevantes. Así, como parte do proceso de elaboración do PEPAC 2023-2027, a Consellería do Medio Rural definiu unha estratexia de intervención no medio rural no horizonte de 2030. Redactada en 2021 co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, a estratexia estableceu oito liñas estratéxicas, sendo a terceira o “Impulso ao relevo xeracional na agricultura”. Este apoio articulábase a través de catro subliñas: acceso á terra e/ou a explotacións agrarias; apoio á instalación e á creación de empresas agrarias; formación, tutorización e asesoramento; sensibilización e información.

As novidades máis salientables postas en marcha polo de agora nese marco son: o Banco de Explotacións, coas “axudas á cooperación para a sucesión” como complemento; o reforzo do apoio á instalación, cunha nova liña para persoas de 40 a 55 anos; diversas accións para o reforzo do sistema de coñecemento e innovación agraria relacionado co apoio ao relevo.

Esas medidas e outras pendentes son fundamentais para abordar as barreiras que dificultan o relevo xeracional no sector agrario. Unhas barreiras ou condicionantes que inclúen, ademais dos factores económicos e a dotación de servizos no rural, aspectos sociais, o acceso ao coñecemento e formación e o acceso á terra.

Descarga aquí o informe do Foro Económico de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información