A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) ven de emitir un aviso en relación ás xeadas que se prevén a vindeira semana e os danos que poden provocar nos viñedos.
Reproducimos a continuación o aviso emitido por este centro público dependente da Consellería de Medio Rural:
O viñedo iniciou o seu agromar na maioría das zonas vitícolas galegas atopándose as variedades de ciclo curto, como o Godello ou o Albariño, en fases de punta verde ou de follas estendidas, e nos casos máis precoces con acios incipientes ou visibles.
Nestes estados a vide é sensible aos efectos das xeadas primaverais. Segundo as predicións facilitadas por Meteogalicia, nestes días producíranse -sobre todo nas noites do luns ao martes e na do martes ao mércores- xa as primeiras xeadas por inversión térmica que poden producir danos no viñedo.
Son consecuencia de noites despexadas, con ausencia de vento e escasa humidade ambiente, que determinan que a calor acumulada na superficie ascenda ás capas superiores da atmosfera e as máis frías sediméntanse nas capas inferiores, e danen os tecidos novos das plantas.
A previsión de presenza de masas de aire frío para inicio da semana pode propiciar as coñecidas como xeadas negras ou xeadas de advección. Adoitan ser fenómenos puntuais, difíciles de predicir e con efectos drásticos para o viñedo, sobre todo en viñedo con elevado desenvolvemento da vexetación.
Recomendacións para as zonas de risco:
Diante do risco meteorolóxico de que se produzan xeadas a próxima semana no interior de Galicia, lémbranse as recomendacións preventivas para zonas de risco
1. Evitar a utilización de parcelas de val para o cultivo do viñedo en zonas máis proclives ás xeadas
2. Cultivo de variedades de ciclos máis tardíos
3. Realizar as podas tardías para retardar o inicio da brotación en variedades de ciclo curto
4. Practicar labra do chan na primavera nas zonas sensibles.
5. Manter o terreo húmido xa que diminúe a perda de radiación nocturna
6. Utilización e ter a punto os sistemas anti xeada como a rega por micro-aspersión, os ventiladores, ou os calefactores.
Recomendacións para o tratamento dos viñedos afectados por xeadas:
1. Non actuar inmediatamente despois da xeada, agardar e observar a resposta da viña
2. En plantas con baixo número de acios afectados: Unha vez que se produza o brote dos netos, elixir o mellor e podar os demais.
3. En plantas cun alto número de acios afectados, pero coa base do pámpano verde, no que pode haber rebrote de netos: Repodar ao nivel da base, para inducir o rebrote de conos secundarios. Neste caso utilizaranse produtos cicatrizantes e que preveñan de podremias (Folpet), unha vez realizada a repoda, e despois aplicar estimulantes e fertilizantes a base de aminoácidos.
Informe elaborado por:
-Emilia Díaz. Técnica viticultura da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega)
-Juan Carlos Vázquez. Técnico viticultura da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Eeve – Evega)
-Xan Taboada. Técnico de Meteogalicia