Alegan contra o proxecto mineiro de Beariz e Avión polo posible impacto na poboación e no agro

O Sindicato Labrego advirte de irregularidades do proceso administrativo, no que a empresa promotora tenta evitar realizar a avaliación do impacto ambiental, "co consentimento da Consellería de Medio Ambiente"

Alegan contra o proxecto mineiro de Beariz e Avión polo posible impacto na poboación e no agro

A reapertura da mina de Touro (A Coruña) foi outro dos proxectos mineiros que suscitou a oposición veciñal nos últimos anos. // Foto de arquivo.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) acaba de presentar unha batería de alegacións contra o proxecto mineiro que a empresa Recursos Minerales de Galicia S.A. está impulsando en Beariz e Avión (Ourense). Segundo indica a entidade agraria, a firma mineira acaba de solicitar pasar dun permiso de investigación no proxecto mineiro Alberta I a un permiso de explotación que afectaría unha zona denominada Coto Tocayo, nos lugares de Doade (Beariz), Acevedo e Rubillón (ambos de Avión).

A organización agraria advirte de que o proceso está a incurrir en varias irregularidades que poñen en perigo tanto á poboación da zona como a riqueza forestal e gandeira. O SLG reitera así a oposición a este proxecto, unha postura que vén exercendo dende o 2013.

A área que se pretende explotar inicialmente abrangue 60 cuadrículas mineiras que equivalen, aproximadamente, a 1.680 hectáreas. O Sindicato Labrego sinala que “o proxecto inicial está fragmentado de maneira fraudulenta para evitar presentar a avaliación de impacto ambiental”.

A falta dun informe de avaliación do impacto ambiental é unha das irregularidades do proceso administrativo que denuncian dende o Sindicato Labrego. Indican, ademais, que a Consellería de Medio Ambiente consentíu que se eluda este trámite logo de que, tanto o xefe da sección de Avaliación Ambiental da Consellería, José Javier Pereletegui; coma a xefa de Servizo de Enerxía e Minas de Ourense, Dolores Pérez Ayuso, ditaminasen que a empresa non ten que presentar dito informe. A organización agraria sinala que “ambos cargos poderían estar incorrendo nun posible delito de prevaricación administrativa ou ambiental, así como de falsidade en documentos públicos”, tal e como recollen nun comunicado.

Tres razóns para incluír o informe ambiental

En concreto, xustifican a súa acusación alegando que debera presentarse o informe ambiental, posto que o proxecto mineiro cumpriría os tres supostos para que se inclúa este trámite: pode producir augas acedas ou alcalinas, explótanse minerais radiactivos e atópase a menos dun quilómetro de núcleos urbanos.

Por unha banda, o filón que se vai explotar é de permatitas, que inclúen sulfuros e óxidos que provocarán drenaxes e augas acedas. Segundo indican dende o SLG, nas análises realizadas, constatouse a presenza de niveis considerables de arsénico, cobre, chumbo e cinc. Ademais, nas permatitas adoitan atoparse minerais radiactivos, o que confirmaron as analíticas, constatando cantidades significativas de cesio e rubidio “co perigo que a radiación supón para as poboacións asentadas na zona e os eventuais traballadores da mina”, indican dende o Sindicato Labrego. Sinalan, tamén, que as vivendas de Acevedo se atopan a menos de 300 metros da explotación para a que se está a solicitar permiso.

Xunto coa carencia do informe de impacto ambiental, dende o Sindicato Labrego apuntan tamén que existe un informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño –Sil no que solicitan un estudo hidroxeolóxico para determinar os posibles impactos nas augas subterráneas e superficiais. Ademais, alertan de que nos informes presentados para avaliar o impacto da explotación mineira tampouco figura o que debería realizar o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, que resulta esencial neste tipo de tramitacións.

Protexer recursos gandeiros e forestais

O Sindicato Labrego reprocha a “absoluta desidia da Consellería de Medio Rural que esquece no seu informe a enorme riqueza forestal da zona afectada e as actividades gandeiras que se desenvolven nela”. O proxecto afecta a varias comunidades de montes veciñais como as de Lamacega, Betiscobo, Correa, Framia e Abeleira.

Na superficie ocupada polo proxecto inclúense uns 10.000 metros cadrados de bosques de frondosas na zona de Porto Espiño. Nos 69.000 metros cadrados restantes neste monte, a maioría está repoboado con plantacións de piñeiros financiadas pola Consellería de Medio Rural. O resto do monte de Doade tamén está practicamente repoboado, a súa maior parte con piñeiros, así como con pequenas zonas de bidueiros e castiñeiros.

Nos montes de Correa, Framia e Abeleira tamén se asenta unha gandería de vacún con case un cento de reses que contou con financiamento da Consellería de Medio Rural para realizar varios quilómetros de peches, así como unha manga de manexo, pasos canadenses e outras infraestruturas. Ó mesmo tempo, no entorno dos lugares de Doade e Acevedo tamén se aproveitan os pastos en extensivo para gando vacún e cabalar.

Esta non é a primeira vez que o Sindicato Labrego denuncia as irregularidades en proxectos mineiros desta firma. A organización agraria xa alertou no 2013 de irregularidades noutros proxectos como o Alberta II ou Vilatuxe, que en conxunto afectarían a 11.000 hectáreas nas comarcas de Deza, Tabeirós –Terra de Montes e O Carballiño. Daquela, a empresa tamén pretendía levar a cabo o seu proxecto sen a preceptiva declaración de impacto ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información