Alegacións do Sindicato Labrego ao decreto de creación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

Alegacións do Sindicato Labrego ao decreto de creación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

Isabel Vilalba, secrearia xeral do Sindicato Labrego Galego. Foto: Arquivo

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, vén de presentar alegacións ao borrador de Proxecto de Decreto do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia da Consellaría do Medio Rural (CMR).

En concreto, dende a organización agraria reclaman que “a frecuencia mínima das xuntanzas ordinarias sexa trimestral -a Consellería propón só unha xuntanza ordinaria e obrigatoria ao ano-, a fin de evitar que este Observatorio remate por ser unha ferramenta inútil e afastada da realidade do sector”.

No ámbito das funcións atribuídas a este órgano (Artigo 3), e na liña da reivindicación do SLG á Consellería da urxencia de contar con índices oficiais públicos de custos de produción sobre os cales poder calcular con transparencia o prezo do leite, propoñen engadir que sexa o Observatorio a ferramenta empregada para a elaboración destes informes periódicos de índices de custos de produción.

Asemade, solicitan que “os prezos percibidos polas persoas produtoras ´serán´ tomados en conta, entre outros factores, para analizar a evolución do sector lácteo, e non o hipotético ´poden ser´recollido no texto que propón a Consellaría”. “O prezo é un indicador imprescindíbel e é totalmente inapropiado que a Consellería pretenda relegalo a un aspecto secundario que pode ou non ser tomado en conta”, subliñan dende o SLG.

Non tocante ás Vogalías deste órgano (Artigo 7), valoran positivamente que entren a formar parte do Observatorio representantes da distribución e persoas consumidoras. Nembargantes, reclaman que “as organizacións profesionais agrarias con maior representatividade de Galiza, e con presenza no Consello Agrario Galego (Sindicato Labrego, Unións Agrarias e ASAGA) , teñan garantidas alomenos o mesmo número de vogalías que os representantes da industria neste Observatorio, pois a proposta da Consellaría é limitar a representación das organizacións agrarias a únicamente dúas”.

Entre outras achegas presentadas, no tocante á composición do Observatorio (Artigo 4), enfatizan dende o Sindicato Labrego tamén a pertinencia de que a paridade non só “se procure”, senón que sexa un requisito no mesmo. Con respecto á realización dos plenos (Artigo 10), suxiren que “estes poidan ser convocados a solicitude de cando menos un terzo dos seus membros, en lugar de só cando ´a presidencia o considere oportuno´, como propón a Consellaría”.

Por último, e a fin de dinamizar unha activación real do Observatorio Lácteo, solicitan dende o SLG que “o prazo máximo para convocar a primeira xuntanza sexa dun mes dende a entrada en vigor do presente proxecto de Decreto”.

Descarga aquí as alegacións presentadas polo Sindicato Labrego ao borrador de Proxecto de Decreto do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información