Vieiros é a última aldea de Quiroga cara ao Courel. Dúas familias viven na actualidade no pobo, que durante anos chegou a estar deshabitado. Pero o abandono das terras e o monte que rodea as casas constitúe un risco importante en caso de incendio.
Os cinco habitantes da aldea comprobárono en carne propia este verán, cando o lume que afectou a amplas zonas da serra do Courel se achegou perigosamente ás súas casas e tiveron que ser desaloxados.
Ata os anos 70 Vieiros pertencía a Folgoso pero na actualidade a parroquia de A Seara, da que forma parte, está incluída no termo municipal de Quiroga
Pero unha vez pasado aquel perigo decidiron poñer en marcha medidas preventivas para que aquela situación non volva acontecer. “Os animais son a mellor ferramenta para evitar os incendios”, aseguran. Por iso están a levar a cabo unha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar fondos para desenvolver un proxecto de pastoreo con ovellas e cabras.
Recuperar a actividade agrogandeira
O gando desapareceu dos prados e os montes de Vieiros cando o fixo a xente, aló polos anos 70 e 80, e agora que as persoas regresaron, queren que tamén volva o gando. Na plataforma de crowdfunding Verkami teñen aberta unha suscrición para colaborar con esta iniciativa.
Baixo o nome Vieiros con vida, o proxecto consiste en adquirir un rabaño de 30 ovellas e 5 cabras, así como un burro e dous mastíns para a protección do gando fronte ao lobo. Levan xa recadados neste momento máis de 11.400 euros, froito das 247 aportacións recibidas. Pero o prazo para colaborar co proxecto segue aínda aberto até este venres. “Pódense facer aínda aportacións, porque a verdade é que imos moi xustos”, aseguran.
Até este venres pódense facer aportacións para colaborar co proxecto
Ademáis de para mercar os animais, o recadado destinarase á preparación dos terreos, á adquisición do material para os cercados do gando e ao asesoramento necesario para aprender o manexo de cabras e ovellas.
As recompensas por colaborar na iniciativa van desde apadriñar calquera dos animais e recibir fotos periódicas deles a unha visita guiada pola Devesa da Rogueira e a Lagoa de Lucenza, ou participar na vida da aldea e en actividades como cocer o pan ou visitar as colmeas e o muíño restaurado.
Manexo do gando
Nas vindeiras semanas os animais empezarán a chegar a Vieiros para que poidan adaptarse á zona e de paso poidan ir xa limpando os pastos do outono antes de que comecen as primeiras nevaradas.
Empezarán por pacer a zona de hortas e prados de regadío a carón das casas. Son unha superficie dunhas 5 hectáreas, difíciles de manter limpas por medios mecánicos. “Ata agora tratabamos de rozalos a base de desbrozadora, pero non dabamos feito”, recoñece Roi Estévez, un dos 5 habitantes permanentes da aldea.
Estamos a recibir formación e asesoramento porque non tiñamos experiencia co gando
Aínda que é enxeñeiro de montes, está a recibir formación sobre como xestionar os pastos, manexar o gando e protexelo do lobo. “Imos traballar con peches electrificados móbiles, porque os peches fixos en parcelas pequenas coma estas, que ademais teñen muros, é complicado; os móbiles dan máis flexibilidade”, asegura.
Os terreos que van pacer as cabras e ovellas son propiedade das distintas casas do pobo, que non puxeron impedimento algún á iniciativa e a intención é ir ampliando despois paulatinamente a zona de pasto.
O proxecto vai arrincar pacendo os prados arredor das casas para ir subindo despois cara os soutos, a devesa e o monte baixo
“Despois de pacer arredor das casas pasaremos aos prados de secano e iremos subindo cara aos soutos e a devesa”, avanza. Pola parte de enriba, a máis de 1.000 metros de altitude, está o monte que bordea a aldea, constituído por monte baixo de uces principalmente. En total, a superficie acada unhas 500 hectáreas.
O lume deste verán chegou ás portas da aldea
No pasado mes de agosto o incendio forestal que afectou á zona do Courel achegouse ás casas de Vieiros e os seus habitantes tiveron que fuxir. “Desaloxaron a aldea e o lume andivo moi cerca, pero por sorte non chegou, porque os esforzos que se fixeron por parte dos equipos de extinción para protexer A Devesa da Rogueira salváronnos a nós tamén”, explica Roi. “O medo que collemos todos foi o que nos empurrou a facer algo”, recoñece.
Temos a todos os propietarios dacordo, están moi implicados porque o abandono da aldea é relativamente recente e lémbranse aínda de cando Vieiros tiña moita vida
O proxecto Vieiros con vida conta coa colaboración de todos os veciños, mesmo dos que xa non viven na aldea. “Creamos unha asociación. Somos unas 15 ou 20 persoas con implicación directa e temos o apoio do resto de familias, dos veciños que se marcharon pero que teñen aquí aínda casa ou fincas. O abandono da aldea é relativamente recente e os propietarios lémbranse de cando tiña moita vida”, explica Roi.
“O obxectivo é que se asenten novos veciños”
Até os anos 70 Vieiros era unha aldea illada á que non chegaba a estrada. Pero a chegada das comunicacións non freou o declive demográfico e a emigración, máis ben ao contrario. “Foi curioso, porque a chegada da estrada baleirou as casas de xente”, conta Roi.
Até o punto de que a aldea estivo deshabitada durante anos. “No 2011 fun o primeiro en chegar. Tiñamos casa aquí”, explica. Teresa, a muller de Roi, é bióloga, e teñen unha filla, Taroa, de 2 anos.
Vieiros estivo incomunicada por estrada até os anos 70 e a emigración levou ao declive demográfico e ao abandono
Xunto a eles, outra parella está a recuperar a vida na aldea. Son José Manuel e Paula, que teñen unha casa de apartamentos turísticos. Paula está embarazada. Sae de contas en decembro, así que no 2023 Viveiros terá 6 habitantes en vez de 5, un incremento demográfico do 20%.
Pero non se conforman e buscan que veñan máis veciños, para o que están dispostos a ceder terreos e mesmo algunhas das casas para quen desexe poñer en marcha algún proxecto na zona.
Están dispostos a ceder terreos e vivenda a quen queira desenvolver un proxecto na zona
Sete familias vivían no pobo antes do seu abandono, e case todas contaban con varias edificacións. Entre segundas residencias en uso regular e casas habitables existen hoxe en día 9 vivendas, pero hai moitas outras construcións abandonadas ou en mal estado, que están tratando de recuperar.
Coa súa iniciativa, Roi, Teresa, Taroa, José Manuel e Paula queren demostrar “que hai futuro no rural e que merece a pena loitar por el”. “Agardamos inspirar a outras persoas e a outras aldeas para que vexan que é posible vivir no rural”, din.