Víctor Castro leva unha explotación atípica en Galicia: porcos de raza Duroc criados en liberdade nas carballeiras de Sobrado dos Monxes. É precisamente a mestura dunha das razas máis valoradas comercialmente, a Duroc, cun método de crianza tradicional ao aire libre o que proporciona unha carne e uns embutidos que baixo a marca “Aldea de Barrio” están a ter unha gran aceptación comercial.
A idea de Aldea de Barrio “xurdiu para diversificar a produción familiar, temos unha granxa de 190 vacas de leite, pero queríamos aproveitar un terreo dunhas 12 hectáreas de carballeiras, con bastante pendente, que era moi difícil de traballar para forraxes e foi entón cando xurdiu a idea de criar alí porcos”, explica Víctor Castro.
A elección da raza Duroc Batallé “debeuse a que producen moito en peso e de moita calidade, cunha graxa infiltrada que da un excelente sabor, e se a iso unimos a cría en liberdade o resultado é unha carne de calidade exquisita”, explica.
Os porcos tráense á explotación con 70 kilos dunha granxa da Estrada e métense na finca, na que predominan os carballos e os castiñeiros. Os cochos dormen fóra e teñen unha caseta para resgardarse do mal tempo. O gasto máis importante do proxecto foi o valado das 12 hectáreas de finca, consistente nunhas estacas de madeira tratada a unha distancia de 2,5 metros que levan unha malla cinexética e unha liña de corrente interior e exterior.
Alimentación tradicional e moito exercicio
En canto á alimentación, Victor Castro explica que “a base son landras, castañas, raíces e herba que se complementa cun suplemento pequeno de penso a base de cereais, en pouca cantidade porque nos interesa unha crecemento lento”.
A parte da dieta, é igualmente importante a cría en liberdade “xa que o exercicio que fan axuda a que o porco infiltre a graxa entre os músculos, cuns resultados moi satisfactorios”.
Cun ano e medio de vida, case o triple que un porco convencional, os cochos de Aldea de Barrio son sacrificados no matadoiro cun peso medio de 270 kilos en canal. A época de máis traballo é entre Nadal e O Entroido, con tres sacrificios á semana.
E a continuación ven a segunda parte desta explotación: a elaboración de embutidos e salazóns que segundo reza o lema de Aldea de Barrio “Os nosos embutidos….como os da casa!!!”
Os produtos que elaboran son chourizo e salchichón en variantes doce, picante, cular e fuet. E logo na parte salgada: lacón, cabeza, espiñazo, costela e touciño.
En canto á distribución, Víctor Catro explica que “facémola en superficies pequenas, en tendas tradicionais e tendas especializadas da Coruña e comarca, e tamén temos un punto de venda en Sobrado dos Monxes, na propia explotación”.
Dende Aldea de Barrio recoñecen que “o prezo dos nosos produtos é máis elevado que a carne de porcino convencional porque o tempo de crianza é moito máis longo, a alimentación é de calidade e os condimentos que utilizamos son de primeira”.
“A Administración exíxenos o mesmo que unha gran industria cárnica”
Como valoración, desta iniciativa que botou a andar en 2013, Víctor Castro salienta como puntos positivos que “o traballo de manexo é mínimo e os problemas sanitarios son prácticamente inexistentes”. Igualmente salienta que “o consumidor valor ao noso produto, e iso danos confianza no futuro”.
Como aspectos a mellorar, lamenta que “a Administración pónnolo difícil porque nos exixen os mesmos requisitos que unha gran industria cárnica”, en espera dun Decreto de Artesanía Alimentaria que, despois de case unha década de promesas, o goberno da Xunta non acaba de aprobar.
En canto ao futuro, Víctor Castro afirma que “por agora queremos sentar unhas bases sólidas e ir medrando a modiño para garantir a calidade”.
Podes contactar con Aldea de Barrio na súa páxina web, no enderezo aldeadebarrio@gmail.com ou no teléfono 687 029 235