A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Agafac) advirte de que a paralización das importacións de cereal ucraíno pola invasión rusa pode provocar nunhas semanas escaseza de millo, unha das principais materias primas coas que se elaboran os pensos que alimentan á cabana gandeira.
E é que, aínda que hai cereal nos portos galegos para aproximadamente para mes e medio, o alongamento do conflito podería incrementar o risco de desabastecemento debido, entre outras razóns, a que algunhas das zonas das que saen os barcos de Ucraína están entre os obxectivos a curto prazo do exército ruso.
Así mesmo, os fabricantes de pensos de Galicia lembran que as consecuencias para a industria agroalimentaria serán moi negativas debido á imposibilidade de sementar novas colleitas a curto prazo pola terrible situación que sofre o país e o pobo ucraíno, co que se solidarizan.
As medidas que propón AGAFAC
“A situación para a subministración de millo é moi crítica, non só agora, senón tamén no futuro”, afirma do director de Agafac, Bruno Beade. Así, ante un escenario tan complicado, o sector solicitou ao Ministerio de Agricultura a posta en marcha dunha serie de medidas extraordinarias para paliar os efectos desta crise no prezo do millo e/ou evitar desabastecementos de materias primas.
En concreto, reclama:
1. Facilitar a entrada de millo procedente de EEUU.
2. Autorizar a entrada do millo de colleita vella arxentina.
3. Frear a iniciativa de incrementar ao tipo ordinario de tipos reducidos cos que se gravan os cereais, oleaXinosas e fariñas que se desexa levar a cabo por parte do Ministerio de Facenda a nivel nacional.
4. Solicitar un descenso das exportacións de trigo da UE a terceiros países, co fin de poder utilizar esa produción en Europa e paliar os efectos do encarecemento ou falta de subministración do millo.
“A adopción destas medidas contribuiría a paliar en gran parte a difícil situación á que se enfronta o sector e que afectará a produtores e consumidores”, precisan desde a asociación. Neste sentido, hai que lembrar que España é un país deficitario en materias primas para a alimentación da súa cabana gandeira, e por tanto, un claro importador de cereais como o millo ou o trigo, así como doutras subministracións como as fariñas de soia.
A dependencia de Galicia: Un 40% do millo que importa para pensos procede de Ucraína
Neste aspecto, España, Portugal e Italia son dos máis afectados polo conflito bélico en Ukrania debido á gran dependencia que teñen das colleitas de millo procedentes desta zona durante os meses de febreiro a xuño, xa que non existe a posibilidade de dispor de abastecerse noutras partes do mundo (por temas lexislativos ou de colleitas).
Deste tres países, España é o máis afectado, xa que importa ao redor de 7.500.000 Tm. de millo dos cales 3.075.000 Tm. proceden de Ucraína (41%) que consome e Galicia é especialmente sensible porque importa ao redor de 450.000 Tm. de millo de Ucraína (un 40% das 1.100.000 Tm/ano de consumo total de millo de Galicia) “o que pon en clara situación de risco o aprovisionamento de millo para o noso sector”.
Por outra banda, AGAFAC informa de que “aínda que as colleitas nacionais de cebada e trigo do mes de xullo puidesen frear a evolución dos prezos das nosas materias primas, todo fai prever que a actual seca fará que ditas colleitas sexan menos das esperadas, o que suporía un novo risco para o mercado”.
Así, os fabricantes galegos de pensos advirten de que “moitos produtores só poderán sobrevivir á escalada de prezos se trasladan os aumentos dos custos ao seguinte elo da cadea o que obrigará a subir os prezos nos supermercados e, en consecuencia, elevarase a inflación dos meses de abril e maio”.