A cooperativa agroalimentaria AIRA celebrou esta mañá en Taboada a súa Asemblea Xeral Ordinaria, unha cita na que os socios e socias aprobaron as contas correspondentes ó exercicio 2025 e respaldaron os principais acordos estratéxicos para o futuro da entidade.
No transcurso da asemblea tamén se deron a coñecer os resultados económicos correspondentes ao exercicio 2025. AIRA pechou o ano cunha cifra de negocio de 219,3 millóns de euros e uns resultados antes de impostos de 5,361 millóns de euros, uns datos que evidencian a solidez da cooperativa e a súa capacidade para afrontar con garantías os retos dun sector cada vez máis esixente. A entidade consolida así a súa posición como unha das principais cooperativas agroalimentarias de Galicia.
Integración de Codeira
Un dos puntos destacados da Asemblea foi a ratificación da fusión por absorción da cooperativa Codeira, con sede en Portomarín, un paso que reforza o modelo cooperativo de AIRA e a súa aposta por sumar capacidades, servizos e base social. A integración permitirá incorporar ós socios e socias de Codeira a un proxecto cooperativo sólido, con ampla implantación territorial e unha oferta integral de servizos orientada a mellorar a competitividade e o traballo diario das ganderías.
Dende AIRA valórase esta operación como un novo avance no proceso de fortalecemento da cooperativa, consolidando un modelo baseado na colaboración, na dimensión empresarial e na creación de valor no territorio, ao tempo que contribúe a manter emprego, fixar poboación e impulsar o desenvolvemento sostible das zonas rurais.
Compromiso co rural e coas persoas socias
Durante a asemblea tamén se realizou un balance da actividade desenvolvida ao longo do ano nas distintas áreas de negocio da Cooperativa, destacando os investimentos realizados, o reforzo dos servizos ás granxas e o compromiso permanente co desenvolvemento económico e social do rural galego.
O presidente de AIRA, José Ramón Ratón, agradeceu a confianza dos socios e socias e destacou a importancia de seguir avanzando desde a unidade para afrontar os retos de futuro do sector. “Os resultados acadados e a integración de Codeira son unha mostra da fortaleza do noso modelo cooperativo. Seguiremos traballando para ofrecer máis servizos, máis valor e máis oportunidades ás ganderías socias, mantendo sempre o compromiso co territorio e coas persoas que forman parte de AIRA”, sinala o presidente de AIRA.
A cooperativa conta actualmente con 3.000 socios e socias e desenvolve a súa actividade en boa parte do territorio galego, prestando servizos estratéxicos para o sector gandeiro e contribuíndo á dinamización económica e social do medio rural.
Galego










Control OJD