A cooperativa AIRA celebrou este venres o segundo Encontro de traballadores baixo o lema AIRA, xuntos de raíz, no hotel Finca Quinteliña, de Chantada. Deste xeito, a Cooperativa agroalimentaria puxo o foco nas raíces que a sustentan e a vinculan ó territorio. Ó mesmo tempo, tamén reivindicou o poder da cooperación e o esforzo do equipo de profesionais de AIRA, que son parte imprescindible da gran ‘Tribo AIRA’.
“Xuntos de Raíz é moito máis ca unha frase. Define o que somos e o que queremos seguir sendo: unha tribo. Nunha tribo, todos importan. Cada persoa conta. Aquí non hai pezas pequenas nin papeis secundarios. O traballo de cada quen é fundamental para que o conxunto funcione. AIRA é moito máis ca unha Cooperativa, AIRA é unha gran tribo formada por gandeiros, agricultores, traballadores e técnicos, que compartimos un obxectivo claro: fortalecer o noso sector, protexer o noso medio de vida e garantir o futuro das próximas xeracións no rural galego”, expón Cándido Cancelo, Director Xeral de AIRA, nunha clara declaración de intencións de cara ó devir da Cooperativa nos próximos anos.
AIRA, cooperativa agroalimentaria de referencia
No Encontro, no que participaron arredor dos 300 traballadores e traballadoras que integran AIRA, Cancelo destacou que AIRA se converteu nunha cooperativa agroalimentaria de referencia no noroeste de España, liderando a evolución do sector cun modelo sostible e centrado nas persoas.
“O sector agroalimentario enfróntase a retos complexos, como a dixitalización, a demanda de produtos sostibles e respectuosos co medio ambiente, a necesidade de atraer e reter talento de xente moza… Pero o reto non é só adaptarnos, o verdadeiro reto é evolucionar sen perder a nosa esencia. Modernizar a cooperativa, mellorar procesos, ser máis eficientes e innovadores, sen deixar nunca de ser o que somos: unha cooperativa de persoas, de socios, de familias, de traballadores comprometidos co seu traballo e coa terra”, indica Cancelo.
Cambio de directiva en AIRA
A Convención de Empregados serviu ademais de presentación oficial ante todo o persoal de AIRA do novo Director Xeral da Cooperativa, Cándido Cancelo, que tomou o relevo a comezos de ano, trala xubilación de Daniel Ferreiro. Foi o propio Ferreiro, que continúa a colaborar de xeito significativo coa Cooperativa durante estes primeiros meses da incorporación de Cándido, quen fixo a súa presentación ante o persoal.
Ferreiro realizou ademais un percorrido pola traxectoria de AIRA, dende os primeiros pasos daquelas 30 cooperativas relevantes que comenzaron a traballar en común no 2005 para dar lugar á fusión no 2018 así como os proxectos que permitiron que AIRA sexa hoxe unha cooperativa agroalimentaria de referencia. Ferreiro agradeceu a todos os compañeiros a súa colaboración e os momentos vividos ó longo destes máis de 20 anos vinculado á Cooperativa.
Tamén a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou, a través dun breve vídeo, o papel relevante de AIRA como motor do rural galego. “Sodes fundamentais para asegurar un rural sostible dende todos os puntos de vista. Moitos parabéns polo voso esforzo, compromiso co medio rural e polo voso traballo”, destacou Gómez.
A Convención resultou unha xornada de encontro, confraternidade e fortalecemento entre o equipo AIRA con dinámicas formativas que ocuparon boa parte do día. Ademais de contar con outros saúdos especiais, como o do presentador da Televisión de Galicia, Xosé Ramón Gayoso.