A cooperativa agroalimentaria AIRA acolleu esta mañá na súa planta láctea Dairylac, situada en Melide, a visita dunha comitiva do Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), integrada por membros da Comisión Europea e representantes do Ministerio de Agricultura.
A visita institucional contou tamén coa presenza da Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, así como por autoridades locais e outros representantes da Xunta.
Durante o percorrido polas instalación os representantes europeos puideron coñecer de primeira man os investimentos realizados por AIRA para a valorización do leite mediante a transformación en ingredientes lácteos de alto valor engadido. A Cooperativa realizou un investimento de máis de 20 millóns de euros nesta planta, na que continúa a facer importantes esforzos de investimento de forma periódica co obxectivo de continuar manténdose á vangarda na produción de ingredientes lácteos de alta calidade e de contar con procesos respectuosos co medio ambiente.
Cada ano, a planta procesa arredor de 42 millóns de litros de leite e 30 millóns de litros de soro, converténdoa nun dos principais centros industriais do sector en Galicia. Na actualidade, traballan nas instalacións 50 persoas e conta cun destacado departamento de I+D, que impulsa a innovación continua no desenvolvemento de novos produtos e procesos. Estes ingredientes lácteos son exportados a numerosos países de todo o mundo.
Este proxecto de transformación láctea é unha mostra máis do compromiso de AIRA cos seus 3.000 socios, contribuíndo a achegar valor engadido ao leite que se produce nas gandarías socias da Cooperativa.
Durante a súa visita, a Conselleira destacou a importancia de proxectos como o de AIRA para o desenvolvemento do medio rural e a dinamización do sector lácteo galego, aliñados cos obxectivos do Plan Estratéxico da PAC no marco da sustentabilidade e a competitividade agraria.
Galego









Control OJD