Aira estuda a súa entrada no proxecto de Dairylac

A cooperativa de segundo grao, adicada á fabricación de pensos, baralla facerse cunha ampliación de capital da industria láctea que lideran Icos e Codeira. O novo socio contribuiría a capitalizar a iniciativa, de cara a futuros investimentos

Aira estuda a súa entrada no proxecto de Dairylac

Interior da planta de Dairylac en Melide. / Arquivo.

O proxecto de Dairylac, a industria láctea con base en Melide que lideran Icos e Codeira, continúa a dar pasos para a súa consolidación. Se nada se torce, a cooperativa de segundo grao Aira aprobará nas próximas semanas a súa entrada no accionariado de Dairylac. A incorporación permitiría capitalizar a iniciativa, de cara a futuros investimentos, e representaría un fortalecemento da base gandeira da industria.

Aira é unha agrupación de cooperativas que se constituíu hai unha década co obxectivo de fabricar os pensos en conxunto. As entidades socias montaron no 2008 unha planta en Taboada (Lugo) na que centralizaron a produción de concentrado para a alimentación animal. O éxito do proxecto, que presenta unhas contas saneadas, permite agora que a cooperativa de segundo grao se plantee novos obxectivos, pasando da mera produción de materias primas a participar tamén na transformación do leite.

Aira constituíuse hai unha década para fabricar pensos en conxunto. O éxito da iniciativa permítelle agora encarar novos retos

Para a incorporación de Aira a Dairylac baralláronse varias fórmulas. Unha posibilidade consistía en transformar Aira nunha cooperativa de primeiro grao na que se integrarían todas as cooperativas socias, se ben esa opción semella terse descartado. Sobre a mesa, segundo confirmaron fontes próximas á operación, está agora a entrada de Aira en Dairylac como cooperativa de segundo grao, un movemento que permitiría que as cooperativas que forman parte de Aira manteñan a súa autonomía económica á vez que, dun xeito indirecto, participan no proxecto industrial de Dairylac.

Entidades socias
A cooperativa de segundo grado Aira está conformada por algunhas das principais cooperativas de Lugo, como Agris, a propia Icos, Lemos, Mopán (Monterroso), Tierra Llana (Castro de Rei), Cogasar (Sarria), Leira (Paradela) e Coelplan (Becerreá), ás que hai que sumar Coafor, de Forcarei (Pontevedra). A entrada de Aira en Dairylac, por tanto, aportaríalle á industria melidense unha forte base gandeira, así como unha capitalización que precisa para acometer os proxectos nos que está embarcada.

A incorporación aportaríalle a Dairylac unha forte base gandeira e a capitalización que precisa para acometer novos investimentos

O movemento da cooperativa de segundo grao constitúe así un paso máis na implicación dos gandeiros no proceso de industrialización do seu leite. Sobre o taboleiro do cooperativismo galego vanse debuxando dous grandes grupos. Dun lado o proxecto de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), no que participan polo de agora Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto; e polo outro lado Dairylac, co liderado de Icos (Chantada) e Codeira (Portomarín), e coa inminente entrada de Aira.

Á luz das declaracións dos dirixentes de ambos grupos, non é de descartar que nun futuro se establezan colaboracións entre Clun e Dairylac, na liña de buscar unha integración de todo o cooperativismo galego baixo un paraugas común.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información