Aira entra en Dairylac cunha participación que supera o 20%

A cooperativa de segundo grao, que ata agora se adicaba só á fabricación de pensos, acorda investir un millón de euros na adquisición de capital social da industria. Icos e Codeira manteñen preto do 50% do accionariado

Aira entra en Dairylac cunha participación que supera o 20%

Deseño da torre de leite en po que está a construír Dairylac en Melide.

Dairylac, a industria láctea impulsada por Icos e Codeira, asenta a súa base gandeira coa entrada de Aira, unha cooperativa de segundo grao na que participan nove sociedades de Lugo e Pontevedra. A asemblea de Aira aprobou hoxe a súa entrada en Dairylac por medio da adquisición de máis do 20% do accionariado, un proceso que se formalizará a través dunha ampliación de capital da industria .

Aira é unha cooperativa creada hai 10 anos para producir penso en conxunto. A sociedade conta cunha planta en Taboada (Lugo), que o ano pasado produciu 146.000 toneladas de penso e facturou 37,2 millóns de euros.

Dairylac considera a incorporación de Aira un paso de cara a consolidar un “modelo industrial cooperativo galego”

As nove cooperativas que integran Aira son Agris, a propia Icos, Lemos, Mopán (Monterroso), Tierra Llana (Castro de Rei), Cogasar (Sarria), Leira (Paradela), Coelplan (Becerreá) e Coafor, de Forcarei (Pontevedra). A entidade suma en total 2.400 gandeiros, o 85% de vacún de leite, e unha produción láctea de 300.000 toneladas ó ano.

Solvencia e ampliación da base social
O investimento de Aira en Dairylac ascenderá a un millón de euros. A incorporación da agrupación de cooperativas permitirá ampliar a solvencia financieira da compañía, así como a súa base social. A participación de Aira en Dairylac é de carácter inversor, pois cada unha das cooperativas socias de Aira mantén a súa autonomía económica e de xestión.

No apoio ó proxecto de Dairylac, a asemblea da cooperativa de segundo grao valorou o traballo da industria na liña de xerar maior valor engadido polo leite. Tamén tivo en conta a alternativa que representará para os gandeiros a torre de secado de leite e soro de Dairylac á hora de canalizar posibles excedentes de produción.

Proxecto
A torre de leite en po, que iniciou a súa obra civil este outono, está previsto que comece a funcionar na primavera do 2018. Coa súa posta en marcha, Dairylac proxecta entrar no mercado dos produtos de alimentación infantil e na comercialización de proteína láctea e doutros ingredientes para a industria alimentaria.

A compañía tamén proxecta a elaboración de queixos premium para a comercialización a través de cadeas de alimentación especializadas en produtos gourmet.

O 70% do accionariado corresponde a Icos, Codeira e Aira; outro 25% a XesGalicia (Xunta), e o restante 5% a pequenos inversores

A entrada de Aira en Dairylac implica que o 70% do accionariado queda en mans cooperativas. (Icos, Aira e Codeira). Outro 25% corresponde á Xunta de Galicia, a través de XesGalicia, en tanto que o 5% restante é propiedade de pequenos inversores, entre os que figura Eugenio Rey.

Para Dairylac, a incorporación de Aira supón un paso máis para consolidar un “modelo industrial cooperativo galego”. O obxectivo da industria pasa por xerar valor engadido para o leite, tanto polos beneficios que acade a propia empresa, que repercutirán nos gandeiros, como pola vía de orientarse a produtos de maior rendibilidade que o leite envasado, o que lle permitirá en teoría pagar mellores prezos no campo.

“O futuro do sector lácteo non pode sosterse só na venda de leite e na elaboración de queixos”, valora a dirección da compañía.

Dairylac conta na actualidade cunha planta operativa en Melide, nunha parcela de 10.000 metros cadrados, e está xa construíndo tamén en Melide, nunha parcela anexa, unha torre de secado de leite e soro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información