A innovación e a optimización dos procesos produtivos forma parte dos eixos nos que se move a cooperativa agrogandeira AIRA. Por iso, hai dous anos puxo en marcha o proxecto Trac Plus, financiado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dentro da convocatoria Red.es. Para levalo a cabo realizouse unha inversión de 391.895 euros e contouse cunha axuda pública de 156.758 euros.
A través desta iniciativa, buscábase desenvolver solucións dixitais específicas, a través de tecnoloxía de intelixencia artificial e conseguir a dixitalización dos axentes implicados na cadea de valor do sector lácteo, garantir a seguridade alimentaria e unha trazabilidade completa dende a terra ata os produtos que saen da planta de Melide.
Este proxecto desenvolveuse a través de seis grupos de traballo: produción vexetal, alimentación animal, clínica, calidade do leite, reprodución e asesoramento, sendo esta última a base de todas as demais. Nunha primeira fase congregouse toda a información que hai detrás dun produto lácteo, dende os alimentos que comen os animais ata que o consumidor consome o produto. É dicir, toda a información que se obtiña de diversas fontes (OVGAN, Ligal, CEGACOL, Delagros, ODOO, Laboratorio de Mouriscade, Rock River, ASM Lácteo,Kmilk, Gando e información das ADS) dixitalizouse e congregouse nun sistema no que se pode ver cada valor de maneira sinxela.
Conseguiron obter a trazabilidade de dentro da planta de Melide dos lotes que serviron de piloto para o proxecto
Para poder levar a cabo a investigación contouse coa colaboración de 10 ganderías que empregan diversos servizos (alimentación, clínica, carros ou ADS, entre outros) e entregan o leite á Cooperativa, de maneira que se podía integrar a información nos produtos transformados.
Con todos os sistemas de información e coa colaboración das ganderías, actualmente cóntase con ferramentas que foron probadas nun contexto controlado, coas granxas participantes e uns lotes de produtos que se fabricaron na planta de Melide. Así, tamén se conseguiu obter a trazabilidade de dentro da planta de Melide deses lotes que serviron de piloto para o proxecto. O seguinte obxectivo é automatizar todos os procesos de introdución de datos.
Finalizado o prazo de execución e cumpridos os obxectivos do proxecto, dende AIRA indican que este traballo continuará en desenvolvemento, dentro das liñas de dixitalización da cooperativa e seguirase profundando para que poida ser unha realidade para todos os socios/as e que as ferramentas desenvoltas se poidan integrar na rutina diaria da cooperativa.