A Cooperativa agroalimentaria AIRA lanza unha campaña especial nas redes sociais para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, reunindo a destacadas figuras da cultura galega, nunha proposta coa que contribuír a visibilizar a identidade galega dende distintos ámbitos.
A iniciativa, que se leva a cabo ó longo de todo este mes de maio, inclúe unha serie de vídeos protagonizados por escritoras, músicas, artistas plásticos e outras voces recoñecidas do ámbito cultural galego. Baixo o lema, “ AIRA, voces que unen” a Cooperativa quere celebrar as Letras Galegas dende o corazón do rural, conectando
tradición, creatividade e lingua.
Entre as persoas participantes destacan recoñecidas voces da cultura galega como as escritoras Paula Carballeira, Eva Veiga, Olga Novo, Enma Pedreira, Estíbaliz Espinosa; a compositora e regueifeira Ana María, a soprano Esperanza Mara, a etnomusicóloga e intérprete Branca Villares e o pintor Alfonso Costa. A campaña conta tamén con varios socios da Cooperativa AIRA que achegan unha ollada directa dende o rural e o compromiso cotián coa lingua e a
identidade galegas.
“Este mes de maio as voces das cantareiras volverán soar non só como eco do pasado, senón como unha homenaxe viva ás mulleres que foron alma e raíz do noso pobo, porque a tradición non é só pasado, é tamén o fío invisible que nos une, que nos inspira e que nos impulsa a avanzar co orgullo das nosas raíces”, valora Cándido
Cancelo, Director Xeral de AIRA.
Con esta acción, AIRA reafirma o seu compromiso coa defensa e promoción da cultura galega, tendendo pontes entre o tecido cooperativo, o sector agroalimentario, a creación artística e a sociedade.
Galego









Control OJD