A cooperativa Aira escolleu este xoves novo consello reitor durante a celebración da súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo). A única candidatura presentada, encabezada por José Ramón Ratón Varela, da granxa Riazón SC, (Chantada, Lugo), foi ratificada por maioría.
Ratón, que xa formara parte do anterior consello, pasa a presidir un equipo no que se incorpora como vicepresidenta Inés Jul López e no que tamén continúan persoas con experiencia previa como Óscar López Sánchez, secretario; Eladio Sánchez López, tesoureiro; así como José Salgueiro Pérez e José Manuel Gómez Feás, ambos como vocais. A eles súmanse tamén como vocais: Ana María Freire Fernández, Román Torres Labrada, Carmen Silva Vázquez, Adrián Blanco Ulloa, Jessica López Sobrado, Antonio López Rodríguez, Ana Negro García e José Manuel Mahía Porto.
Este novo consello reitor busca representar a diversidade do sector agrogandeiro e ten un marcado carácter interxeracional, ó contar con membros de entre 23 e os 60 anos. Así a gandeira Ana María Freire Fernández, da gandería O Castelo SC, (Palas de Rei, Lugo), con 23 anos, é un claro exemplo da renovación xeracional que se está a producir en moitas ganderías socias de Aira. Non é un caso illado, xa que a media de idade deste novo consello reitor sitúase nos 44 anos.
Ó mesmo tempo, este novo órgano reitor tamén valora a experiencia e o saber daqueles gandeiros e gandeiras que xa contan cunha ampla traxectoria no agro e no mundo do cooperativismo.
“Imos continuar traballando con compromiso sobre todo o que, con tanto esforzo, se foi construíndo ata hoxe, e seguir sumando vontades para que Aira sexa sentida e vivida por todas as socias e socios que a conforman”, apuntou o novo presidente de Aira, José Ramón Ratón.
Aira convértese en pioneira ó contar no seu consello reitor con cinco mulleres
Con cinco mulleres no consello reitor, Aira consolídase como unha das primeiras cooperativas do Estado cunha representación feminina destacada neste órgano. Inés Jul López, da gandería Currás Xiá López (Friol, Lugo), convértese na primeira vicepresidenta de Aira. Xunto con ela, Ana María Freire Fernández, Carmen Silva Vázquez, Jessica López Sobrado e Ana Negro García exercen como vocais do consello, reforzando o compromiso coa igualdade de xénero.
Representación e territorialidade
O novo consello tamén reflicte a diversidade territorial de Aira, que conta con máis de 3.000 socios e socias distribuídos polas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. Cada membro do consello reitor pertence a unha das áreas onde Aira ten delegacións, garantindo así unha ampla representación do conxunto do sector.
Durante a asemblea, José Manuel López Tellado, presidente saínte, presidiu a sesión e quixo agradecer persoalmente a confianza depositada durante estes oito anos de mandato, sinalando “o orgullo de pertencer a unha Cooperativa que é un exemplo de unión, responsabilidade e compromiso co futuro do noso rural”.
Conta de resultados
No transcurso da asemblea tamén se presentaron as contas do exercicio anterior e realizouse un balance dos datos obtidos. Daniel Ferreiro, exdirector xeral de Aira, que continuou ó longo destes meses a colaborar coa Cooperativa, encargouse de presentar este balance de resultados, xa que é tamén o último exercicio baixo a súa dirección.
Ferreiro destacou que no 2024 Aira acadou un volume de negocio de 205,5 millóns de euros e un EBITDA de 8,5 millóns de euros, un dato que continúa a amosar a solidez financeira da Cooperativa. Dos 5,1 millóns de euros de beneficio neto, 2,006 millóns de euros pasan a aumentar o capital social dos socios e socias de Aira.
Mirada ó futuro
Coa incorporación en xaneiro deste ano do novo Director Xeral, Cándido Cancelo Cabanas, Aira inicia unha nova etapa na que se reforza o compromiso coa sostibilidade, a cercanía coas persoas socias e unha clara proxección de futuro, co obxectivo de seguir fortalecendo a Cooperativa como referente do cooperativismo agroalimentario galego e estatal.