A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Agrupacións forestais: un modelo para facer o monte máis produtivo, seguro e rendible

A colaboración entre propietarios supón unha vía clave para gañar eficiencia, incrementar os beneficios e reducir riscos

Publicidade
Agrupacións forestais: un modelo para facer o monte máis produtivo, seguro e rendible

O modelo de propiedade en Galicia, marcado historicamente polo minifundio, presenta importantes retos á hora de conseguir o maior valor para os propietarios. A xestión de parcelas de reducida superficie —moitas veces inferiores a media hectárea— enfróntase hoxe a un mercado que esixe, cada vez máis, unha mecanización avanzada e unha eficiencia de custos que cada parcela de minifundio non pode asumir de forma independente.

A realidade para moitos propietarios galegos é recorrente: fincas pequenas, dispersas e con accesos complexos. Esta fragmentación non é só un problema xeográfico, senón económico. A xestión illada dispara os custos de produción e reduce drasticamente a marxe de beneficio.

Entre as principais dificultades identificadas destacan os sobrecustos de produción, aproveitamento e loxística, reducindo as marxes do produtor, e a dificultade para introducir maquinaria moderna en moitas fincas, o que pode impedir o acceso; a parte de posibles conflitos e problemas de lindes e falta dunha rede de pistas adecuada. Tamén barreiras de mercado, dado que se xeran obstáculos para acceder a certificacións forestais e diminúese o prezo recibido polo propietario.

En conxunto, estas limitacións reducen a eficiencia, aumentan os custos de explotación, reducen o prezo para recibir pola madeira e fan que parte do potencial produtivo do monte quede sen aproveitar.

A unión como solución estratéxica
Fronte a este escenario, as agrupacións forestais xorden como unha alternativa que permite incrementar beneficios sen que o propietario teña que renunciar á titularidade da súa terra, nin limitar as súas decisións. “Un propietario forestal cunha parcela pequena ten varias opcións para xestionar o seu monte”, explica Pilar Orol, desde Tenzas Enxeñería, destacando o interese de gañar eficiencia a través da xestión conxunta.

A agrupación de parcelas permite xestionar de forma conxunta fincas próximas, aínda que pertenzan a distintos propietarios. Non é a única solución nin aplica a todos os casos, pero si é unha alternativa que cada vez se está explorando máis no territorio. O obxectivo é sinxelo: gañar eficiencia e diminuír riscos.

Ao traballar de forma coordinada coas parcelas lindeiras, prodúcense cambios operativos inmediatos. O primeiro deles, na produtividade, dado que se facilita a mecanización e elimínanse interferencias entre leiras (como sombras de plantacións veciñas). Derivado diso, xérase unha redución na quenda de curta, o que aumenta o rendemento das plantacións, e auméntase a superficie útil, o que permite planificar mellor e traballar con maior homoxeneidade.

Doutra banda, lógrase reducir custos ao compartir operacións optando a mellores prezos pola madeira, á vez que se accede a unha xestión máis profesionalizada, que de forma individual sería inasumible polo custo.

Ademais, aumenta a seguridade das plantacións, dado que as agrupacións contribúen a unha menor exposición a incendios, pragas e enfermidades, grazas a unha ordenación profesional nunha contorna máis ampla.

Cabe destacar, igualmente, que, a partir dunha ordenación conxunta, hai formas xurídicas que permiten ampla flexibilidade á hora de que cada propietario tome decisións independentes, xa que mantén a propiedade en todo momento, cunha ampla marxe de decisión. E cada membro da agrupación paga o seu para producir (menos que de forma independente pola eficiencia das operacións) e cobra o seu ao vender a madeira (máis, grazas á mellora de produtividade e a redución de riscos).

Barreiras e futuro do modelo
A pesar das vantaxes evidentes, o modelo de xestión conxunta aínda enfronta retos culturais e formativos.

Con todo, o sistema empeza a consolidarse grazas ao impulso de iniciativas privadas, como as que ofrecen empresas especializadas do sector. É o caso de Ence Terra, que estableceu un equipo de profesionais que achegan asesoramento técnico e coordinación loxística para impulsar as agrupacións forestais: axudan a coordinar parcelas, achegar asesoramento técnico e mellorar tanto o aproveitamento como a planificación futura do monte.

Este tipo de apoio permite aos propietarios acceder a modelos de xestión máis estruturados e a mellores condicións na comercialización da madeira.

A colaboración entre os propietarios para xestionar agrupacións de territorio dunha superficie moi superior á parcela media en Galicia (preto da cuarta parte dunha hectárea) é clave para a xestión activa e profesionalizada do monte, incrementando o interese da actividade forestal e reducindo os riscos que ameazan aos propietarios, achegando unha maior produtividade e garantindo a imprescindible accesibilidade que un sector forestal moderno e eficiente require.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información