O progresivo abandono que experimenta o monte no Morrazo levou a unha empresa da zona, Maderas Freire, a organizar unhas xornadas para promover a posta en valor dos terreos forestais. “O abandono provoca que a produtividade do monte baixe, co que non se alimenta ningún tipo de ilusión polo seu coidado e aproveitamento” -explica Manuel Freire- “Se os propietarios nos organizamos, lograremos maior rendemento económico e xeraremos máis valor ambiental, xa que no monte hai sitio para todo tipo de especies”.
As xornadas, organizadas en Bueu co título ‘O noso monte: a realidade abandonada’, puxeron de manifesto as posibilidades do asociacionismo forestal para aumentar a rendibilidade do monte.
“Se os propietarios nos organizamos, xeraremos máis rendemento económico e valor ambiental” (Manuel Freire)
Comparacións de rendibilidade do monte
Ilustra a a potencialidade do asociacionismo un exemplo que expuxo o xefe de servizo de Montes Veciñais en Man Común e Infraestruturas Forestais, Carlos González Andrés: “Poñamos por caso un propietario tipo que teña 10 parcelas de 1.000 metros cadrados cada unha e que decida ter 3 a eucalipto, 4 a piñeiro e 3 a carballos”.
A cuestión que propuxo González é comparar a rendibilidade anual que obtería do seu investimento o propietario individual fronte a un propietario que, con esas mesmas 10 parcelas, participase nunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) de alomenos 50 hectáreas. O cálculo está realizado sobre un periodo de 10 anos.
Rendabilidade para o propietario individual:
– Eucalipto: 3,6 % anual
– Piñeiro: – 1,3%
– Carballo: – 0,3%
– Rendibilidade media: 0,7%
Rendabilidade para o propietario nunha Sociedade de Fomento Forestal:
– Eucalipto: 6,7%
– Piñeiro: 2,9%
– Carballo: 0,8%
– Rendibilidade media: 3,5%
En conclusión, o propietario que participa nunha Sofor obtén cinco veces máis rendemento pola súa parcela que o individual. A diferenza explícase principalmente pola redución de custos derivados da xestión e corta das parcelas, así como polos mellores prezos que poden lograr os lotes grandes e de maior calidade dunha sociedade forestal.
“A recomendación para o propietario que non se queira asociar é clara, que venda a madeira e as parcelas e invista en Bonos del Estado” (Carlos González)
“Se pensamos que a rendibilidade dun bono do Estado a 10 anos está nun 2%, a recomendación para o propietario individual que non se queira asociar é clara. Que venda a madeira, que venda as parcelas e que invista os cartos en Bonos del Estado” -suxire Carlos González.- “Outra posibilidade sería deixar o monte abandonado, co cal a rendibilidade sería do 0%”, valora.
Modelos de asociacionismo
A Asociación de Propietarios de Monte do Morrazo, que colaboraba na organización das xornadas, puxo de manifesto as dificultades de agrupar parcelas en couto redondo para a posta en marcha dunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor), posto que con frecuencia hai parcelas de propietarios descoñecidos ou que non están interesados en participar na sociedade.
Desde a Administración, Carlos González suxeriulles que comezasen por unha fórmula de traballo similar ás Promas (asociacións de produtores de madeira) do norte galego, orientadas a unir lotes de madeira para a súa venda en conxunto.
Eucaliptización ‘versus’ diversidade
Outro dos debates do primeiro día das xornadas, o pasado xoves, estivo no proceso de expansión do eucalipto que se rexistra en Galicia. Pedro Alonso, biólogo e integrante do colectivo ecoloxista Erva, subliñou que non estaba en contra do eucalipto, senón en contra da eucaliptización do territorio. “Precisamos planificar, ordear e restrinxir os aproveitamentos de eucalipto para garantir un modelo de monte diversificado”, defendeu.
“Cando un Goberno abdica de facer política forestal, os propietarios quedan sen dirección” (Pedro Alonso)
Alonso cuestionou a falta de directrices políticas da Administración para limitar a expansión do eucalipto. “A forestación indiscriminada en terras agrarias, que está prohibida por lei, constitúe unha ameaza para a capacidade produtiva do agro e para a paisaxe” -criticou.- “Cando un Goberno abdica de facer política forestal, os propietarios quedan carentes de dirección e o monte segue a liña do mercado actual, que marca que todos os ovos estean na mesma cesta”, sinalou en alusión ó eucalipto.
O biólogo propuxo unha lexislación estricta para promover a escala local unha porcentaxe de reserva de bosques autóctonos e de paisaxes tradicionais. Avogou tamén por prohibir a plantación do eucalipto en liña de costa e na franxa próxima ós camiños de Santiago, por onde circulan máis de 300.000 turistas ó ano, lembrou.
“O monte galego ten un gran potencial, o abandono non é unha alternativa”
Toda a madeira que o propietario forestal quere cortar atopa comprador en Galicia. Esa é a realidade que se agarda tamén para o futuro, nun contexto internacional de aumento sostido da demanda de madeira. A potencialidade de aproveitamento do monte galego dista, sen embargo, de estar optimizada. Cada ano córtanse só dous terzos do volume de piñeiro e eucalipto que medra en Galicia. En frondosas, a situación é peor: só se corta o 13% do volume de frondosas que medra na comunidade.
“Os novos usos da madeira ligados á bioeconomía constitúen unha oportunidade para Galicia” (Jaime Reis, BSL)
“O monte galego ten un grande potencial e nos próximos anos agárdase un aumento da demanda de madeira para novos usos ligados á bioeconomía. O abandono non é unha alternativa. Galicia ten capacidade para buscar novos mercados e para diversificar clientes e destinos”, valorou Jaime Reis, da firma portuguesa BSL, que move cada ano máis de medio millón de toneladas de madeira a nivel internacional con destino á industria do papel, da biomasa e da madeira.
Reis sinalou por exemplo as boas perspectivas para a produción de pellets, que xa están a ter uso en países como Gran Bretaña en centrais térmicas de xeración de enerxía eléctrica. Só en Gran Bretaña, Suecia e Dinamarca espérase unha demanda de pellets para uso industrial superior ós 12 millóns de toneladas anuais. Tamén aludiu Reis ás investigacións que traballan na obtención de bioplásticos e biocarburantes a partir da madeira.
Celulosa e nitens
No mercado da celulosa, desde BSL non agardan fortes incrementos da demanda a nivel internacional, se ben Jaime Reis sinalou o valor do eucalipto nitens -en expansión en Galicia- para producir celulosa: “En Chile, o 85% da pasta de papel obtense do nitens e un 15% do globulus”.
Ence, que tamén estaba presente nas xornadas, admitiu que estaba a incrementar as súas compras de nitens, a pesar de que di, segue preferindo o eucalipto globulus: “Nos últimos tres anos triplicamos a compra de nitens”, recoñeceu. Hai un par de anos, a papelera cuestionaba a posibilidade de aumentar as compras de nitens pola menor calidade que lle aportaba esa materia prima.
Unha boa mostra do que temos e non queremos ou non queren alguns que se valore como o que e verdadeiramente bo pra sociedade.Moita sorte e adiante.