Na Gandería Agroxaqui, situada na parroquia de Pedroso (Rodeiro), unha zona cunha gran actividade agrogandeira, Luis Fernández ten claro que as rutinas de limpeza e hixiene nunha granxa de vacún de leite en intensivo son un dos aspectos que hai que coidar no día a día, xa que contribúen tanto ó benestar dos animais como dos gandeiros. “É preferible esmerarse e facelo ben tódolos días a ilo deixando pasar”, apunta.
Baixo esta filosofía tamén optou hai xa case 2 anos por previr problemas derivados da contaminación puntual da auga que rexistraba na granxa, dada a importancia que ten dispor dun caudal de auga con garantías sanitarias para o gando. “Cada certo tempo algunha das analíticas que se viñan facendo saían contaminadas e decidimos atallar eses problemas”, comenta o gandeiro.
Para potabilizar a auga empregan unha solución proposta pola empresa Proquideza, Acuadex C, un tratamento de auga a base de cloro co que reducen a posible contaminación e garanten un subministro potable. “É un tratamento preventivo co que ademais aforras gastos e problemas. Son moitas as vantaxes que proporciona cun custo moi asumible na gandería”, concreta. Ademais de garantir o subministro de auga potable para o gando, Luis detalla que esta medida foi unha das claves para reducir a incidencia de mamites na gandería.
Luis tamén utiliza na granxa outros produtos da firma lalinense como o limpador Derman, co que consegue garantir a limpeza e a hixiene na sala de muxido. “Gústame traballar nun ambiente limpo para min e para os animais, por iso a sala de muxido é un dos espazos que máis coidamos”, explica. Coas 50 vacas que ten en produción, acada unha media de entre 35 e 40 litros por vaca, cunhas calidades de 3,6% de graxa e 3,20% de proteína.
Na rutina de muxido, é outro dos ámbitos nos que o gandeiro opta por utilizar produtos de Proquideza como a escuma hixienizante Hygi-Foam, previa ó muxido, ou o baño de tetos Lactox, a base de dióxido de cloro, dermoprotectores e aloe vera. Nos meses de inverno adoita utilizar o selador de tetos Yodesp, elaborado principalmente de iodo e co que consegue unha prolongada protección contra os xermes entre cada muxido. “Os produtos de Proquideza ofrécennos uns bos resultados con prezos módicos, por iso estamos traballando con eles”, recoñece o gandeiro, que ademais valora o feito de que sexa unha empresa local, que crea postos de emprego na zona.
Outro dos aspectos que Luis ten en conta para garantir o confort dos animais é a limpeza diaria das camas do gando, que teñen en colchoneta cunha capa a base de carbonato cálcico e serraduras de madeira. “Somos moi conscientes da importancia de que as camas estean limpas e secas, aínda que coa colchoneta é difícil conseguilo”, comenta.
Na granxa tamén tentan coidar ó máximo as condicións do corredor de alimentación. “Sempre procuramos ter esta zona o máis limpa posible, para garantir as condicións da alimentación das vacas”, concreta. No seu caso, este mantemento diario cobra vital importancia no inverno, xa que esta zona está na entrada principal da granxa e conta cun amplo espazo aberto en todo o lateral da granxa. “Cando construímos a granxa tiñamos claro que queriamos un espazo aberto, pero tamén ten os seus inconvenientes”, recoñece.
Bagazo no canto de millo
Na alimentación do gando, Luis dispón, dende hai 4 anos, de carro mesturador propio. “Xa levabamos 11 anos traballando cun carro comunitario, pero adquirir un carro propio marcou un antes e un despois na granxa”, apunta. Agora a ración prepárana polas tardes, antes de muxir e bótana pola noite. “Procuramos facer bastantes arrimados da comida polo día para que estea nas mellores condicións para o gando”, concreta.
A ración para as vacas en produción está composta a base de 30 quilos de silo de herba, 11 quilos de bagazo, 12 quilos de penso e 1,2 quilos de palla. “A ración complementámola punteando para aquelas vacas con maior produción”, indica o gandeiro. Tanto o silo como a herba seca prodúcena nas fincas da granxa, mentres que o bagazo mércano procedente de Oporto (Portugal).
Decidiron abandonar a produción de forraxe de millo e centrar a ración no silo de herba, o bagazo e o penso
Hai anos que optaron por abandonar a produción de forraxe de millo. “Nesta zona é difícil conseguir boas producións de millo, estabamos nos 25.000 quilos por hectárea, e botamos conta que nos saía máis rendible optar polo penso e o bagazo”, concreta o gandeiro.
Nas 35 hectáreas que xestiona a gandería, a metade delas alugadas, producen tanto as forraxes para o rabaño como excedentes de herba seca que acaban vendendo a outras ganderías da zona. Teñen sementado Ray Grass inglés polos bos resultados que lles dá este tipo de herba, no canto doutras variedades coas que traballaron hai anos como Westerwold. “Renovamos moito menos as pradeiras e conseguimos forraxes de calidade”, indica o gandeiro. Precisamente para garantir a calidade dos silos, Luis emprega Aciensil S, un conservante específico para manter as condicións do frontal do silo.
A recría sempre fóra
Xunto ás vacas en produción, teñen arredor dunhas 10 vacas secas e outras 40 xovencas. A recría téñena nas antigas instalacións, situadas a uns 2 quilómetros, co que durante os 3 primeiros días aliméntanas con calostro pero logo pasan ó leite en po.
Cando as becerras acadan entre 110 e 115 quilos, arredor dos 90 días, destétanas e pasan a alimentalas a base de penso e palla ata os 9 meses. Neste tempo xa están todo o día fóra, nunha parcela colindante coa antiga granxa e que ten unha superficie dunhas 2 hectáreas, con zonas de pasto e arborado.
A xovencas comezan a inseminalas cando acadan os 400 quilos, arredor dos 14 meses, e dependendo da dispoñibilidade que teñan na granxa trasládanas xa para esas instalacións ou agardan ós días previos ó parto.
O porcino como garante
Á marxe da gandería de vacún de leite, Luis ten varias granxas de cebo de porcino, unha actividade que xa realizaban seus pais xunto coa gandería de vacún de leite, pero que nos últimos anos foi transformando. Antes as granxas estaban dedicadas á cría de nais e agora as tres están dispostas como cebadeiros cunhas 2.200 prazas.
No último ano afrontou a renovación dunha das granxas de porcino, que agora conta con teitos de madeira, maior ventilación e entradas de luz, entre outras melloras, para proporcionar un maior confort ós animais. Nestas granxas un dos aspectos que coidan é a calidade da auga, para o que empregan unha solución de peróxido, que tamén lle proporciona Proquideza, e coa que garantir a desinfección da auga e evitar contratempos na cría dos animais.
“Para nós o porcino é fundamental, porque a granxa das vacas soa non dá”
“Para nós o porcino é fundamental, porque a granxa de vacas soa non dá. Tal e como está o prezo do leite e os custos de produción eu non creo que poida chegar a xubilarme coa granxa das vacas”, recrimina o gandeiro. Xunto cos baixos prezos do leite e as estratexias abusivas das industrias, Luis responsabiliza tamén á administración da situación de abandono que atravesa o agro galego. “Son moitas as trabas que che poñen as distintas administracións no canto de brindar apoio ás pequenas explotacións que son as que fixamos poboación e mantemos vivo o rural”, reivindica o gandeiro.