A asociación Agromuralla considera “claramente insuficientes” as melloras nos contratos que se produciron nos últimos meses, así como as ofertadas polas empresas lácteas aos produtores para os meses de decembro e xaneiro, polo que mantén o seu apoio á convocatoria dunha folga de entregas a nivel estatal, promovida pola plataforma Gandeiros Lácteos Unidos, da que forma parte Agromuralla.
O paro, que se materializaría a nivel de todo o Estado e tería carácter indefinido, comprendería accións como deixar de mandar o leite ás industrias transformadoras ou bloquear a circulación das cisternas de leite polas estradas, como xeito de desabastecer os mercados dun produto de primeira necesidade.
Este mércores día 15 rematou o prazo dado pola plataforma Gandeiros Lácteos Unidos ás industrias para facer efectivas subas por riba dos custos de produción no prezo do leite que pagan aos gandeiros aos que lles recollen
Esta medida de presión “extrema e dolorosa” é “a única alternativa que nos deixan aos gandeiros”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, unha vez que tanto as cadeas de distribución como as industrias lácteas se negan a trasladar ás granxas a suba no prezo do leite e os produtos derivados que se produciu nos supermercados, di.
Sumar ao maior número de produtores ao paro
Nos días previos a que expirara o prazo do 15 de decembro fixado pola plataforma Gandeiros Lácteos Unidos para que as industrias subiran o prezo do leite que recollen por enriba do que custa producilo, Agromuralla mantivo encontros coas distintas empresas para coñecer de primeira man cal é a súa postura ao respecto, constatando que “unicamente están dispostas a acometer subas dun céntimo na maioría dos casos que son totalmente insuficientes para paliar a situación actual do sector”, considera a asociación de gandeiros, polo que segue secundando a convocatoria dunha folga de entregas “xeralizada”.
Se en Galicia paramos de entregar o leite, España sufriría inevitablemente desabastecemento dun produto básico
O paro, convocado a nivel de todo o Estado pola plataforma Gandeiros Lácteos Unidos, na que participa Agromuralla, “entra agora nunha nova fase, na que se tratará de sumar ao maior número posible de produtores á folga para que sexa efectiva”, defende José Luis Pérez Barreiro, que lembra que neste momento quedan en Galicia 6.500 explotacións producindo leite, a metade das existentes a nivel de todo o Estado, polo que “se Galicia para de entregar o leite, España sufriría inevitablemente desabastecemento dun produto básico”.
Neste sentido, Agromuralla anuncia que manterá nas vindeiras horas contactos coas distintas organizacións agrarias, que se desmarcaron inicialmente da proposta de folga, e con grupos de gandeiros dos principais concellos produtores “para que de Galicia non saia nin un só litro de leite”, ao tempo que están pendentes novas reunións con asociacións de gandeiros do resto de comunidades para que fagan o mesmo nos seus territorios.
Reclaman un prezo mínimo de 41 céntimos a partir do mes de xaneiro
Malia as tímidas subidas practicadas por algunhas industrias desde xullo, Agromuralla denuncia que o prezo do leite no campo se mantén “practicamente estancado” nos últimos meses, fronte ao “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro”, que fai que “producir un litro de leite custe entre 40 e 41 céntimos, mentras a media á que as industrias nolo están pagando aos gandeiros é de 32 céntimos”, din.
Debido a este desfase, aseguran, o sector productor de leite está neste momento “en números vermellos e vendendo a perdas, algo que impide a Lei da Cadea Alimentaria”, explican. “O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece”, reclama o presidente de Agromuralla, que engloba a produtores da provincia de Lugo, principalmente.
A situación que se prevé de cara a comezos de ano, con novas subas nos cereais e os fertilizantes, fai que non podamos seguir producindo nestas condicións
“Estámonos arruinando, perdendo cartos todos os meses, e a situación que se prevé de cara a comezos de ano, con novas subas anunciadas nos cereais e os fertilizantes, fai que non podamos seguir producindo”, asegura José Luis Pérez Barreiro, gandeiro do concello da Pastoriza.
Ofertas insuficientes de 1 céntimo por parte das industrias
Agromuralla carga contra as grandes cadeas de supermercados, “que controlan o mercado e fixan os prezos”, e contra as industrias lácteas, “que se negan a subir o prezo aos gandeiros”. “Encarecer ao consumidor a cesta da compra non é a solución se ese incremento de prezo non repercute no produtor. Nos últimos tempos os prezos subiron nos liñais do supermercado pero descoñecemos quen leva a ganancia ou como se reparten o pastel a industria e a distribución”, di Pérez Barreiro.
A nivel institucional, Agromuralla reparte culpas tamén entre o Goberno central e a Xunta de Galicia, administracións ás que acusan de “deixar abandonados á súa sorte aos produtores e non facer nada para evitar a ruína dos gandeiros e o peche das súas granxas”.