Agromuralla teme represalías de Inleit contra as granxas que non asinaron os contratos á baixa

A asociación pide a intervención de Xunta e Ministerio de Agricultura ante a modificación de contrato proposta por Inleit, que considera “ilegal” de acordo coas normas do Paquete Lácteo

Agromuralla teme represalías de Inleit contra as granxas que non asinaron os contratos á baixa

A asociación Agromuralla denuncia “coaccións intolerables” da empresa Inleit aos produtores galegos aos que lles recolle o leite para rachar o contrato asinado no mes de marzo e cambialo por un novo con peores condicións de prezos e prazos.

Segundo explica o presidente de Agromuralla, Roberto López, a empresa asentada en Teixeiro, “está a presionar” aos gandeiros aos que recolle o leite en Galicia, para que acepten cambiar o contrato que teñen asinado por outro, con prezos á baixa de entre 2 e 3 céntimos, “baixo ameazas de deixar de recollerlles o leite e emprender accións legais contra eles”.

Agromuralla reclama “a intermediación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura” ante a “indefensión” que están a sufrir os case 150 gandeiros que se enfrontan a esa proposta de cambio do contrato en vigor.

“A empresa leva semanas celebrando reunións individuais cos gandeiros para presionalos para que acepten rebaixar as cláusulas dos contratos que teñen asinados, algo que é totalmente ilegal, con presións e ameazas que son intolerables”, denuncia Roberto López.

A asociación Agromuralla lembra que Inleit, a empresa de nova creación asentada no polígono industrial de Teixeiro, de capital español e americano (Liasa e Rich’s Corporation), “contou co respaldo da Xunta de Galicia e recibiu unha importante inxección de fondos públicos para a posta en marcha da súa planta, polo que a Xunta de Galicia non pode agora lavarse as mans e mirar para outro lado cando os dereitos dos produtores se están vendo gravemente vulnerados”.

Preocupación pola xestión das mostras do leite
Inleit argumentara no seu día que a proposta de cambio de contratos debíase á situación provocada polo coronavirus, “unha circunstancia que non é responsabilidade dos gandeiros”, valora Agromuralla, que lembra que “fai un ano, cando Inleit aterrou en Galicia, fíxoo con ofertas conducentes á captación de proveedores, cunhas condicións que agora empeora ó obrigar ós produtores a romper os contratos que estarían vixentes ata 2021 e establecendo, unilateralmente os prezos á baixa, provocando que as granxas sufran importantes prexuízos”.

Do mesmo xeito, os gandeiros afectados temen “represalias” por parte de Inleit se se negan a modificar o contrato asinado e que está en vigor até o vindeiro ano, xa que “a toma e custodia de mostras do leite está en mans das empresas, que son as encargadas de envialas ao Ligal, de xeito que os produtores están indefensos en casos de analíticas sospeitosas”, explica Roberto López.

Cambios nos protocolos do Ligal
De feito, segundo Agromuralla, algúns produtores están tendo problemas cos resultados do punto crioscópico do leite, un aspecto intimamente vinculado á conservación das mostras e que xunto á bacterioloxía penaliza moito no prezo final ao gandeiro, polo que os gandeiros temen que este tipo de prácticas coercitivas sexan usadas por parte da empresa para rebaixarlles igualmente o prezo en orixe en caso de negárense a asinar o novo contrato empeorado.

Por iso, desde Agromuralla reclaman “un cambio nos protocolos do Ligal” para que se garanta “a correspondencia dos resultados das analíticas coas mostras do leite tomadas nas explotacións”, sen que se deixe, como acontece neste momento, “a cadea de custodia en mans das industrias”.

A oposición ó cambio de contratos de Inleit xa fora trasladada nas últimas semanas por outras organizacións do campo, caso de Unións Agrarias.

Reunión con membros da OPL Agraprol

agromuralla agaprol

Dentro das habituais xuntanzas que a asociación Agromuralla mantén con outras entidades do sector, varios membros da Xunta Directiva de Agromuralla celebraron a semana pasada unha xuntanza con integrantes da Organización de Produtores de Leite AGAPROL, que reúne a case 600 gandeiros de 8 comunidades autónomas, co obxectivo de explorar vías de colaboración conxuntas para a defensa dos gandeiros e a mellora dos contratos lácteos, que malia ás últimas reformas legais introducidas, “seguen beneficiando claramente a unha das partes, as industrias, en detrimento dos produtores”.

No encontro, celebrado na sede de Agromuralla en Lugo, analizouse a situación xerada trala recente modificación da Lei da Cadea para a inclusión dos custos de produción nos contratos, “que as empresas están a saltar”, así como ás revisións xeralizadas á baixa nos novos contratos por parte da maioría de industrias, “algo que claramente incumpriría as normas da Competencia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información