Agromuralla reitera que hai que aclarar as discrepancias nas analíticas do leite

A asociación gandeira, que nega estar propagando “bulos”, insiste en que hai diferenzas con mostras do mesmo tanque en función do laboratorio no que se analicen

Agromuralla reitera que hai que aclarar as discrepancias nas analíticas do leite

Agromuralla insiste en que non está comunicando “bulos” sobre as analíticas de leite no Ligal, senón que conta con “mostras contrastadas nun laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, tamén acreditado pola ENAC -como o Ligal- e non só duas nin tres, bastantes mais. Mostras sacadas ó mesmo tempo, pola mesma persoa, do mesmo tanque de frío”, afirman.

A organización destaca que os resultados de calidades do laboratorio doutra comunidade son máis positivos que os obtidos no laboratorio galego, que sostén que son máis prexudiciais para as granxas.

“Por dito motivo, afirmamos que dende Agromuralla non estamos inventando bulos, senón que estamos facendo públicos os resultados discrepantes das analíticas feitas en distintos laboratorios oficiais. Casualmente, esas discrepancias afectan negativamente no prezo que cobramos os gandeiros polo leite producido”, conclúen.

Sobre as explicacións do director do Ligal e das organizacións agrarias que participan no organismo, Agromuralla considera que non dan resposta as súas dúbidas.

“Somos coñecedores de que existen múltiples factores que inflúen nos resultados das analíticas (calibrado dos equipos, o proceso interno de cada laboratorio, os reactivos usados, etc.), por eso existe un marxe de error tolerable, pero o que salta á vista é que non é normal, por exemplo, que unha mostra analizada no LIGAL teña un punto crioscópico de -518 e outra mostra sacada ó mesmo tempo que a primeira, pola mesma persoa e no mesmo tanque de frío, noutro laboratorio oficial teña un punto crioscópico de -526. Esa diferencia, claramente, excede o marxe de erro tolerable”, valoran.

Análise directo do Ligal
En caso de dúbidas coas análises, Agromuralla sinala que é coñecedora da opción de chamar a un inspector do Ligal para que tome unha mostra directa, pero pide a posibilidade de facer unha mostra de contraste oficial noutro laboratorio alternativo.

Dobre mostra
En canto á posibilidade de que as granxas queden cunha dobre mostra, para unha análise posterior, opinan que é insuficiente: “É certo que o gandeiro pode pedir que se lle saque dobre mostra, pero a data de hoxe non existen, en Galicia as mostras lacradas, que serían as que garanticen que as mostras non se manipulan ata chegar ó laboratorio”, valoran.

O Ligal está en proceso de cambio dos botes das mostras, introducindo un bote con código QR e tapón lacrado, pero ese sistema está aínda en fase inicial de implantación.

Petición de medidas
Así as cousas, Agromuralla demanda medidas: “Por mais que se diga, os gandeiros sempre somos o eslabón mais feble da cadea. A modificación de normativas ou o cambio de protocolos é cuestión de vontades”, sinalan, para pedir a intervención no asunto da Consellería do Medio Rural, coa que xa se reuniron a pasada semana para abordar a cuestión.

Agromuralla espera ter tamén unha reunión proximamente co Ligal, na que abordar todas estas cuestións. Por último, a asociación lembra que estas discrepancias sobre as analíticas de leite teñen que ver co pago de calidades ás granxas, pero “en nada afectan ós consumidores”.

Cofinanciación do Ligal
A organización agraria lembra que son os gandeiros os que cofinancian o Ligal. “A industria compradora, cando lle paga o leite ó gandeiro, descóntalle unha porcentaxe de diñeiro en concepto de gastos de mantemento e funcionamento do LIGAL, o cal se traduce en que os gandeiros sufragamos parte dos gastos de funcionamento do laboratorio, obtendo o resto de financiación por outras vías. Polo tanto, é fácil entender que os gandeiros sexamos os principais interesados en que o laboratorio funcione correctamente”, afirma Agromuralla.

A asociación subliña que “o LIGAL (Laboratório Interprofesiomal Galego de Análise do Leite) é o único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite. Está integrado pola FENIL (Federacion Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego”.

Cómpre lembrar que no organismo tamén está representada a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, ambos con voz pero sen voto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información