Agromuralla propón repensar o papel das oficinas agrarias comarcais

A asociación gandeira reclama á Xunta que dote ás sucursais agrarias dos medios para cumprir coa súa función. Recrimina que as oficinas están centradas na xestión administrativa de fondos europeos e perderon o contacto directo co sector

Agromuralla propón repensar o papel das oficinas agrarias comarcais

Xornada informativa organizada pola oficina agraria comarcal de Lugo.

A asociación gandeira Agromuralla propón á Xunta repensar o papel das actuais oficinas agrarias comarcais. Pide que as dote do persoal e os medios necesarios para que poidan cumprir a súa función de asesoramento e apoio técnico ás explotacións asentadas no medio rural.

Agromuralla apunta que as oficinas agrarias derivaron a súa función principal cara as xestións agrarias, en especial á tramitación e cobro de axudas públicas procedentes de Europa como a PAC, os plans de modernización ou outras subvencións vinculadas á actividade agraria. Roberto López, presidente de Agromuralla, recrimina que “as oficinas agrarias, pouco a pouco, foron perdendo a súa función orixinaria de asesoramento directo ós gandeiros para converterse, en moitos casos, en simples oficinas burocráticas de tramitación de expedientes administrativos”.

Maior contacto co sector

Segundo defenden dende Agromuralla, é preciso relanzar as oficinas agrarias como servizo público máis próximo ás explotacións. Reclaman que se centren en cuestións como a formación e a transmisión de coñecementos e avances no canto de cumprir unha función burocrática. “Deben manter máis o contacto cos gandeiros e coa realidade do sector para implicarse cos seus problemas e buscarlles solucións”, indica Roberto López.

En concreto apuntan á necesidade de ofrecer unha formación especializada ós gandeiros sobre as xestións que deben realizar de xeito telemático. “A falta de axuda por parte dos servizos públicos está obrigando a moitas explotacións a teren que contratar xestorías, o que supón un custo engadido para o seu funcionamento diario”, denuncia López.

Baixo mínimos

Á par que reclaman unha revisión da orientación das oficinas agrarias, dende Agromuralla tamén esixen que se dote a estas entidades dos medios e persoal necesario para poder desempeñar o seu labor. Denuncian a precariedade de medios da rede de oficias agrarias logo de que o ano pasado se evidenciase a falta de persoal en oficinas como a de Lugo, Xinzo da Limia ou Teixeiro.

Denuncian que un 15% dos postos de traballo das oficinas agrarias están sen cubrir

Apuntan a que un 15% dos postos de traballo das oficinas agrarias comarcais están sen cubrir na actualidade e sería preciso incorporar un cento de traballadores. A maior parte das vacantes corresponden a persoal técnico, pero tamén faltan veterinarios e persoal administrativo. Inciden en que esta situación se verá agravada nos próximos anos por mor das xubilacións, posto que a media de idade destas entidades está por encima dos 50 anos.

A estrutura periférica da Consellería de Medio Rural está composta por 68 oficinas comarcais repartidas por todo o territorio galego. A provincia de A Coruña conta con 20 oficinas, Lugo dispón de 18 e Pontevedra e Ourense contabilizan 15 cada una.

Exemplo a seguir

A asociación gandeira reclama unha aposta efectiva por parte da administración autonómica para combater tamén o despoboamento do rural. “O primeiro que se precisa son profesionais que poidan colaborar estreitamente coas persoas que viven no rural e que se encargan de que produza”, argumenta Roberto López.

Neste senso, o presidente de Agromuralla aproveitou para destacar a labor de profesionais destas oficinas como o xefe da oficina agraria comarcal de Lugo durante os últimos 6 anos, Xabier Bruña, que acaba de abandonar o posto para incorporarse como técnico do Distrito Forestal de Lugo. “Dende Agromuralla queremos agradecerlle o apoio que atopamos os gandeiros no seu labor na oficina agraria”, apuntou López nun comunicado de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información