Agromuralla propón desabastecer as cidades durante o Nadal para visibilizar os baixos prezos do sector primario

A asociación de produtores de leite mantén contactos con agricultores e gandeiros doutras comunidades para organizar unha folga de entregas a nivel estatal coincidindo co paro anunciado entre o 20 e o 22 de decembro pola patronal do transporte

Protesta de Agromuralla o pasado 4 de novembro polas rúas de Lugo

Protesta de Agromuralla o pasado 4 de novembro polas rúas de Lugo

Folga de desabastecemento coincidindo coa semana de Noiteboa para que o consumidor se dea de conta do valor do sector agrogandeiro e de outros sectores básicos, como o do transporte de mercadorías. É a proposta que fai Agromuralla para tratar de resolver o problema de falta de rendibilidade á que se enfrontan os produtores de leite galegos.

“Algo teremos que facer para que nos escoiten. Durante a pandemia demostramos ser un sector esencial para algo tan básico como dar de comer á poboación. Agora atopámonos nunha situación límite e as Administracións non toman ningunha medida para resolver o grave problema de encarecemento dos custos de produción que están a ter as nosas granxas”, argumenta José Luis Pérez Barreiro, gandeiro da Pastoriza e presidente de Agromuralla.

Temos a sensación de que isto non se vai resolver ata que falten os alimentos nos supermercados. Durante a pandemia demostramos ser un sector esencial para dar de comer á poboación e agora atopámonos nunha situación límite

A folga de entregas de leite e doutros produtos básicos agrogandeiros (carne, froitas, hortalizas) que propón Agromuralla concentraríase nos días previos á Noiteboa, coincidindo co paro no sector dos transportes anunciado dende o 20 ao 22 de decembro.  

Agricultores e gandeiros “arruinados”, man a man cos camioneiros

Trala marcha fúnebre organizada o pasado 4 de novembro en Lugo para demandar accións inmediatas por parte da Xunta e do Ministerio de Agricultura, Agromuralla quere agora aproveitar os paros anunciados no transporte para deixar de entregar o leite durante unha semana e tratar de desabastecer os mercados das principais cidades.

Chegou o momento de demostrar que somos imprescindibles porque comer cómese todos os días

“O sector do transporte vai parar e os agricultores e gandeiros temos que parar tamén. Somos sectores complementarios, porque nós producimos e os transportistas levan eses produtos á distribución para que haxa alimentos para todos. E temos a sensación de que desabastecer os mercados é o único xeito de que podamos conseguir algo, así que temos que unirnos e dar o paso que falta e se temos que deixar de vender o leite unha semana teremos que facelo, pero non podemos tolerar o que nos está pasando”, xustifica Pérez Barreiro.

As administracións non fan nada e están dispostas a deixar caer o sector primario. Por iso queremos visibilizar o noso problema diante dos consumidores para conciencialos

 “Os gandeiros necesitamos medidas inmediatas porque un 90% das granxas están en situación de perdas pola suba desorbitada e sen precedentes dos custos de produción (cereais, gasóleo, luz, fertilizantes) dos ultimos seis meses e prevemos que a situación vaia empeorar aínda máis a comezos de ano”, alerta o presidente de Agromuralla, que quere “facer chegar esta problemática ao conxunto da sociedade e obrigar deste xeito a reaccionar ao Ministerio de Agricultura para que faga cumplir a Lei da Cadea Alimentaria, impedindo a venda de leite a perdas e establecendo o prezo dos produtos de alimentación de abaixo cara arriba”, reclama.

Contactos con asociacións de produtores de toda España

“Hai que facer o movemento necesario para aglutinar xente e estamos abertos a que se sumen todas as organizacións, así como gandeiros que non estean asociados a ningunha entidade. Nos últimos días estivemos contactando con xente de toda España para ver se hai quen se sume ao carro. Falamos con asociacións de produtores, agricultures e gandeiros, de distintas comunidades, de lugares como Talavera, Valencia, Andalucía, Cantabria ou Asturias”, defende o presidente de Agromuralla.

En Cantabria estase a promover unha folga de entregas de leite a partir do 1 de decembro

En Asturias xa hai organizada unha tractorada en Oviedo en defensa o medio rural o vindeiro xoves 2 de decembro convocada pola Asociación Asturias Ganadera que levará o seu gando diante do Goberno do Principado, mentres que en Cantabria estase promovendo un paro de entregas de leite a partir do 1 de decembro no que van da man organizacións de produtores e sindicatos agrarios.

Negociacións coas industrias

Pola súa banda, Unións Agrarias, convocante das concentracións das últimas semanas fronte á planta de Lactalis en Vilalba e diante da de Larsa en Outeiro de Rei, así como nos supermercados Carrefour e Alcampo en Santiago, concretará este mércores novas accións a levar a cabo, aínda que Félix Porto, responsable de coordinación sectorial do sindicato, avanza que seguirán centradas nestas dúas industrias, as que máis leite recollen en Galicia, á espera da resposta por parte destas empresas, ás que acusan de estar bloqueando a suba do leite desde as cadeas de supermercados ata os gandeiros.

Estamos esperando un movemento por parte das industrias, coas que queremos abrir un periodo de diálogo

“Manteremos os actos puntuais na distribución para seguir co boicot ás marcas que se negan a subir o leite e agardamos que as industrias, coas que queremos abrir un periodo de negociación, movan ficha, porque as mobilizacións non son un fin en si mesmo, senón que están encamiñadas a conseguir resultados por parte das industrias”, afirma, sen aclarar se foi presentada xa a denuncia diante da AICA que o sindicato anunciou a pasada semana durante a concentración levada a cabo en Outeiro de Rei.

Deberes para a Xunta e o Ministerio

Desde o Sindicato Labrego Galego insístese en poñer o foco sobre a desidia das Administracións públicas diante da actual situación e consideran que unha suba do prezo do leite por parte das industrias aliviaría a situación extrema das granxas pero non solucionaría o problema a futuro. “Hai un problema grave a día de hoxe co prezo do leite e a nosa preocupación é aínda maior polo que vai pasar nos vindeiros meses, segundo o que nos trasladan as cooperativas e as empresas fabricantes de pensos”, alerta Isabel Villalba, secretaria xeral do SLG. 

Por iso, para o Sindicato Labrego, “hai dúas cuestións básicas a resolver: unha suba inmediata no prezo do leite e o establecemento dunha fórmula para que a configuración de prezos futura incorpore un sistema que teña en conta as subas dos custos de produción”. 

Propoñemos un documento duns puntos básicos nos que esteamos de acordo e sumar aos máximos colectivos posibles nunha fórmula que aglutine ao sector

“A Lei da Cadea é un marco legal ao que lle falta un último desenvolvemento normativo, porque a cláusula dos custos de produción está baleira de contido porque non hai índices de referencia obxectivos, que é algo que ten que facer a Administración cunha mostra de granxas representativa e que iso sexa vinculante de cara á sinatura dos contratos, establecendo un sistema de mediación de contratos agrarios e gandeiros a nivel de comunidades autónomas que impida situacións abusivas”, defende Isabel Villalba.

Unidade sindical en España, desunión en Galicia

Protesta convocada por UUAA la semana pasada ante la planta de Larsa en Outeiro de Rei

Protesta convocada en solitario por UUAA a semana pasada ante a planta de Larsa en Outeiro de Rei

As organizacións sindicais agrarias españolas, ASAJA, COAG e UPA, anuncian que lanzarán un gran proceso conxunto de mobilizacións de ámbito estatal durante o mes de decembro que sacará de novo os tractores ás estradas e que podería finalizar coa organización dunha gran manifestación conxunta en Madrid.

Os tres sindicatos, de distinta ideoloxía política, levan meses traballando unidos a nivel de toda España en defensa do sector primario tras o histórico proceso de mobilizacións de principios de ano 2020 baixo o lema Agricultores ao Límite, un proceso de mobilización freado pola pandemia pero que logrou modificacións legais, como os cambios na Lei da Cadea Alimentaria para prohibir a compra de produtos en orixe por baixo dos custos de produción.

UPA, COAG e ASAJA ultiman un calendario de protestas conxuntas para o mes de decembro

Desta volta, baixo o lema SOS rural, UPA, COAG e ASAJA volverán sacar os tractores ás estradas españolas para esixir que a lei se cumpra e a posta en marcha por parte das Administracións públicas dun plan que salve ao sector primario “da ruína”.

Galicia, sitio distinto

Pero mentres isto ocorre a nivel estatal, en Galicia o sindicato Unións Agrarias (UUAA) desmárcase da estratexia de UPA, a matriz estatal á que pertence, rexeitando a unidade de acción proposta recentemente polo Sindicato Labrego Galego (SLG), integrado en COAG.

As tiranteces entre UUAA e SLG veñen de atrás e aínda que tanto o Sindicato Labrego Galego como a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), que integra a antigos membros de Xóvenes Agricultores, participaron nas protestas ante Lactalis e Larsa convocadas en solitario por UUAA nas últimas semanas, por detrás uns e outros non deixan de reprocharse mutuamente a súa actitude.

O sector ten a percepción de que o sindicato maioritario, UUAA, non quere compartir protagonismo co SLG

“Asistimos a esas concentracións por responsabilidade, porque pensamos que hai que arroupar todas as accións que se poidan facer neste momento, pero é un erro que cada organización vaia cunha mostra pequena de xente diante dunha industria concreta ou dun supermercado. Desde o primeiro momento a nosa valoración foi que necesitamos unha resposta forte do sector. Hai máis de 6.000 granxas de leite en Galicia, polo tanto, máis de 6.000 familias afectadas directamente pola actual situación e ningunha organización por separado pode garantir un número representativo”, recoñece a secretaria xeral do SLG, Isabel Villalba.

“Seguiremos facendo cousas como organización pero insistiremos en que para que hoxe haxa mobilizacións fortes no sector leiteiro en Galicia non deberíamos ir cada un polo seu lado”, di, recuperando a idea da plataforma creada para as protestas do 2015, onde ademais dos sindicatos agrarios estaban tamén as cooperativas, as OPL ou grupos de gandeiros creados en distintos concellos, pero que non volveu celebrar xuntanzas desde entón nin hai previsión a día de hoxe dun calendario de mobilizacións conxuntas.

Se hai 6.000 familias que directamente viven de producir leite é un erro ir con 150 persoas a diante dunha industria concreta

Así, mentres no resto de España os produtores lácteos mobilízanse unidos, co apoio mesmo das Cooperativas en Andalucía, en Galicia, que concentra o 40% da produción láctea estatal, cada organización fai a guerra pola súa conta, con escaramuzas de pequena entidade e limitada eficacia que non fan máis que estender a sensación de impotencia e o desánimo entre os produtores (na última convocatoria diante de Larsa a asistencia foi reducida, notablemente inferior á da semana anterior ante Lactalis). E nada fai presaxiar que a situación vaia cambiar, cando menos a curto prazo. 

Á gresca nas redes sociais

Ás concentracións fronte ás industrias en Vilalba e Outeiro de Rei asistiron tamén membros da directiva de Agromuralla, aínda que a asociación de gandeiros produtores de leite creada a raíz das protestas do 2015, con implantación fundamentalmente na provincia de Lugo, mantén nas súas redes sociais o seu tradicional discurso antisindicatos, cun vídeo, compartido na páxina de facebook da asociación, no que o expresidente de Agromuralla, Roberto López, acusa os sindicatos agrarios de cobrar subvencións mentres os gandeiros e agricultores seguen arrastrando os mesmos problemas ano tras ano.

Os gandeiros integrados en Agromuralla son uns descreídos dos sindicatos e explican así os seus motivos: “Vemos que os sindicatos non fan nada ano tras ano: mentres nós seguimos tendo os mesmos problemas, eles seguen cobrando subvencións públicas e nas últimas semanas están máis interesados en sacarse a foto nunha serie de accións totalmente pactadas e orquestradas que en resolver o problema”, insisten.

Os gandeiros integrados en Agromuralla son uns ‘descreídos’ dos sindicatos. Desde as organizacións agrarias interprétase a súa vez que hai interese da Xunta en potenciar a Agromuralla como ‘contrapoder’ a Unións Agrarias e Sindicato Labrego

UUAA non dubida á súa vez en responder aos ataques lanzados desde Agromuralla cualificándoa nas súas notas de prensa como “asociación minoritaria” no sector, ao non contar esta con representación en foros como o Consello Agrario Galego, a pesar de ter unha forte implantación na provincia de Lugo e unha importante capacidade de mobilización entre os produtores, demostrada nas tractoradas do ano 2015 ou na marcha do pasado día 4 de novembro.

Namentres, desde as organizacións agrarias interprétase que a Xunta ten interese en potenciar a Agromuralla como contrapoder aos sindicatos agrarios. Como exemplo, a presenza a pasada semana do conselleiro do Medio Rural, José González, nunha charla informativa con gandeiros asociados a Agromuralla sobre o funcionamento da aplicación Conta Láctea, unha presenza, a do conselleiro, que non se prodiga nos encontros de presentación de Conta Láctea.

Una idea sobre “Agromuralla propón desabastecer as cidades durante o Nadal para visibilizar os baixos prezos do sector primario

  1. Jose

    Claro , hasta que no les llevéis la guerra al felpudo de casa , los sanchistas pasarán vuestra .

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información