Agromuralla pide unha declaración de zona catastrófica polo millo tumbado polo temporal

A asociación agraria calcula unha perda de 4.000 euros / hectárea nas superficies afectadas, incluíndo tanto a perda do cultivo como a alimentación suplementaria que terán que mercar as granxas

Agromuralla pide unha declaración de zona catastrófica polo millo tumbado polo temporal

Millo tumbado pola borrasca Kirk. / Arquivo.

Os efectos do temporal Kirk e as continuas borrascas que están a deixar choiva en Galicia neste outuno están a causar “perdas importantes” nas principais producións agrarias, en especial no millo e na pataca. A asociación Agromuralla informa en nota de prensa de que está a manter contactos con outros colectivos afectados de cara a presentar unha iniciativa conxunta diante da Xunta de Galicia na que se pide a declaración de zona catastrófica das áreas onde se concentran máis danos. O obxectivo é acceder a axudas para paliar as perdas.

No caso das granxas de leite, unha hectárea de millo que non se poida apañar equivale a uns 4.000 euros, segundo Agromuralla, tendo en conta os gastos de abonado, sementeira e tratamentos (uns 1.500 euros), máis o gasto que terán que facer as explotacións para encher os seus silos para alimentar ao gando durante o inverno (uns 2.500 euros para un rendemento medio equivalente ao obtido nunha hectárea).

As zonas máis afectadas

Os fortes ventos e a intensa chuvia asociada á borrasca Kirk produciron danos importantes nas plantacións de millo forraxeiro por toda Galicia, deitándoo e deixándoo inservible en moitos casos. O encharcamento das terras dificulta ademais a entrada da maquinaria para o seu ensilado e a posterior sementeira das pradeiras. As comarcas máis afectadas foron as da Terra Chá en Lugo, amplas zonas da Coruña, como Curtis ou Trazo, e a comarca do Deza na provincia de Pontevedra.

No caso da comarca da Limia, o sector máis afectado é o da pataca, con parcelas completamente anegadas onde o tubérculo non poderá ser recollido e pudrirá na terra, polo que os gandeiros de leite se solidarizan cos agricultores ourensáns e apoian as súas reivindicacións e as xestións que están a levar a cabo.

Agromuralla pide ademais que as axudas directas se estendan a outros colectivos, como a castaña ou a faba, cuxas producións este ano foron estragadas polo mal tempo, tirando ao chan a castaña antes de que estivera madura e pudrindo a faba na planta no caso dos produtores de horta.

Modificar as cláusulas do Agroseguro
“Na maioría dos casos o problema para os produtores agrávase porque a maioría non contan con seguros que cubran estes danos, polo que pedimos que sexan valorados e cubertos mediante axudas directas da Administración, debido a que a maioría de agricultores e gandeiros non contan con pólizas que cubran estas perdas ou, no caso dos que teñen seguro, as súas condicións leoninas van impedir o cobro das indemnizacións”, asegura Agromuralla.

Neste sentido, explica, “en moitas delas ten que haber un mínimo do 8% da superficie afectada”, mentres que noutros seguros “a franquicia é moi alta” e impide que boa parte dos danos sexan abonados.

O xabarín, outro “desastre natural”
As perdas polos temporais deste ano nos cultivos de millo únense ás do xabarín, que todos os anos provoca cuantiosos destrozos nas principais zonas produtoras e este ano de xeito máis intenos.

“O maior desastre natural que ten o millo neste momento segue a ser o porco bravo, que se converteu nunha auténtica praga totalmente descontrolada, ao igual que está a acontecer co lobo”, asegura Agromuralla, que considera que a decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética e permitir a caza do xabarín sen limitacións en 260 concellos “chega moi tarde”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información