Agromuralla pide a “retirada inmediata” da norma que restrinxe o uso de maquinaria agrícola e forestal no verán

A asociación culpa á Consellería do Medio Rural de "criminalizar aos agricultores e gandeiros, tratando de responsabilizar dos lumes aos que manteñen limpos, co seu traballo todo o ano, os camiños e os perímetros das vivendas"

Os traballos de recollida da herba seca vense especialmente dificultados pola orde da Xunta

Os traballos de recollida da herba seca vense especialmente dificultados pola orde da Xunta

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que reúne a 400 explotacións de vacún de leite e de carne de toda Galicia, esixe “a retirada inmediata” da orde da Xunta que restrinxe o traballo da maquinaria agrícola e forestal desde as 12 do mediodía até as 6 da tarde durante os meses de xullo, agosto e setembro cando o índice de risco de incendios é moi alto ou extremo.

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, advirte de que esta normativa “impide a realización de traballos agrarios, como a recollida da herba seca, que necesariamente se teñen que realizar na franxa central do día”. “Semella unha perogrullada ter que explicarlle á Administración que a herba seca para o gando temos que recollela seca, precisamente pola acción do sol, para que a forraxe manteña o seu valor e calidade e estea libre de fungos provocados pola humidade, que son prexudiciais para os animais; é dicir, non podemos recollela cando chove ou fai mal tempo”, evidencia.

A herba seca hai que recollela cando fai sol e calor, non se pode recoller chovendo

A Consellería do Medio Rural publicou o pasado luns 29 de xuño no DOG unha Orde pola que se regula a utilización da maquinaria durante o verán, do 1 de xullo e o 30 de setembro, na faixa horaria comprendida entre as 12 do mediodía e as 6 da tarde en caso de risco alto ou moi alto de incendio, en fincas que estean a menos de 400 metros do monte, e que, a xuízo de Agromuralla, “dificulta enormemente a realización dos traballos agrícolas”. 

Culpabilizar a quen evita os lumes

Noelia Rodríguez tacha de “despropósito” esta normativa, “aprobada sen consenso e sen nin sequera consultar aos sectores directamente prexudicados”. “Son medidas ademais, que se volven obrigatorias cando xa estamos metidos na campaña do verán, sen marxe algunha de adaptación ou adquisición de equipos”, quéixase. Destaca, ao mesmo tempo, que “os traballos agrícolas en fincas próximas ao monte contribúen precisamente a evitar a propagación dos lumes”, polo que considera “totalmente fóra de lugar” a orde aprobada.

“A pesar da vaga de lumes que arrasou Ourense o verán pasado, a Administración non fixo nada durante todo o ano para evitar que a situación se repita e semella que resulta máis doado estar de brazos cruzados e demonizar aos que vivimos e traballamos no medio rural”, quéixase.

É unha norma aprobada sen consenso, sen nin sequera consultar aos sectores directamente prexudicados e sen tempo para adquirir os equipos que se fan obrigatorios

“A Xunta estanos demostrando unha vez máis que o gran negocio está na extinción dos incendios e non na prevención dos mesmos e limítase a esixirnos unha serie de medios e a copiar e pegar unha normativa que existe xa noutras comunidades autónomas, como por exemplo en Castela e León, pero que se aplica ás colleitadoras de cereal, cando, nin o tipo de fincas, nin o tipo de traballos que se realizan, nin o tipo de maquinaria son os mesmos que hai en Galicia”, denuncia a presidenta de Agromuralla, que chama a atención sobre o gastos que supoñen ter que contar con depósitos de auga de 400 litros e persoal de vixiancia dos traballos agrícolas e forestais que se realicen en parcelas que se atopen a menos de 400 metros do monte.

Os traballos agrícolas en fincas próximas ao monte contribúen precisamente a evitar a propagación dos lumes

“Quen vai pagar este sobrecusto que se volve obrigatorio para as explotacións? Quen vai formar aos gandeiros nas terefas de extinción dun posible lume? Non sería máis práctico que desde a Administración se adopten as medidas de prevención durante todo o ano para que os montes estean limpos cando chega o verán?”, pregúntase.

Facilitar o uso de fincas abandonadas por parte de granxas próximas

Agromuralla enfatiza “o valor da gandería na prevención de incendios” e pide que se adopten “medidas eficaces” para evitar que Galicia sufra unha nova vaga de lumes como a sucedida no 2025 na provincia de Ourense e que afectou a ducias de explotacións agrogandeiras, como por exemplo que se facilite o uso das fincas abandonadas por parte de granxas próximas.

“As gandería cumpre unha función esencial na xestión activa do territorio e no mantemento da paisaxe e do medio rural, xa que as explotacións agrogandeiras contribúen ao mantemento dos mosaicos agroforestais, esenciais na prevención dos incendios”, asegura.

Por iso, Agromuralla pide á Xunta de Galicia que “facilite” o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas e a posta en marcha dos mecanismos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia aprobada no ano 2021.

“A Administración non pagou aínda as axudas polos lumes ás explotacións afectadas”

Tralos devastadores incendios forestais sufridos o verán pasado na provincia de Ourense, Agromuralla centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares.

Desde entón foron xa entregados 40 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que se iniciou nas semanas posteriores aos lumes e que continuou durante todo o inverno. A forraxe foi donada por socios de Agromuralla e por outros gandeiros e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.

“A día de hoxe, a Administración nin sequera lles pagou ás explotacións damnificadas o verán pasado polos lumes as axudas prometidas. Se non tivesen apoio de veciños e outros gandeiros a día de hoxe teriamos que lamentar a perda de ducias de explotacións na montaña de Ourense”, asegura a presidenta de Agromuralla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información