Agromuralla detecta irregularidades nas analíticas do leite feitas polo Ligal

A asociación asegura que hai disparidades con respecto aos resultados obtidos en probas privadas de contraste realizadas no laboratorio oficial doutra comunidade autónoma. Advirten nas probas do Ligal baixadas inxustificadas nas porcentaxes de graxa e no punto crioscópico desde comezos do verán, o que penaliza o prezo do leite cobrado polas explotacións

ANÁLISE TÉCNICO LEITE LIGAL MOSTRA DE LEITE LABORATORIOA asociación de gandeiros Agromuralla pon en dúbida o resultado das analíticas do leite levadas a cabo polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), o centro de referencia na comunidade para a determinación das calidades do leite recollido polas industrias nas explotacións e no que se basea o sistema de pago ás granxas. 

En concreto, asegura que desde comezos do verán se están a recibir en numerosas ganderías galegas mostras con variacións substanciais a respecto dos valores habituais da granxa en parámetros como a porcentaxe de graxa e proteína do leite, o punto crioscópico, a bacterioloxía ou a presenza de inhibidores, “sen que haxa ningunha razón que o xustifique”.

Por iso, Agromuralla fai un chamamento “a todos os gandeiros produtores de leite en Galicia, para que revisen con detalle os resultados das análises feitas polo LIGAL e, se é o caso, tomen as medidas que consideren máis oportunas”.

Desde Agromuralla piden tamén aos representantes dos gandeiros nos órganos de dirección do Ligal “que non se manteñan pasivos, permitindo que as industrias lácteas que operan en Galicia se lucren a costa das perdas económicas que sofren os produtores”.

Lembran que Galicia é a comunidade autónoma na que os gandeiros cobran menos polo leite e relaciónano tamén directamente con estes feitos. “Non descartamos que estas irregularidades nas análises do leite estean directamente relacionadas con ese menor prezo do leite que as industrias pagan aos gandeiros galegos, sendo outro factor engadido máis que permite ás industrias lácteas baixar o prezo do leite en orixe, tendencia que marcou a renovación dos contratos fai escasas semanas sen haber xustificación obxectiva algunha neste momento para que esas baixadas se leven a cabo”, conclúen.

Mostras de contraste noutros laboratorios de referencia

O único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite é o Ligal, que está integrado pola FENIL (Federacion Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

“Logo de recibir as queixas de multitude de gandeiros, dende Agromuralla optamos por levar diversas mostras, aleatoriamente, ao laboratorio oficial doutra comunidade autónoma para facer análises de contraste, sendo a nosa sorpresa que, non só no punto crioscópico se observa un valor que penaliza máis ó gandeiro, senón que outros parámetros que se analizan e que inflúen directamente no prezo do leite en orixe, como é o caso do contido en graxa, tamén ofrecen resultados dispares, o cal se traduce nun menor prezo do leite para as granxas”, denuncian desde a asociación de gandeiros.

Enviáronse medio cento de mostras durante este mes de agosto a outros laboratorios, que confirmaron as discrepancias

En total foron medio cento de mostras as enviadas por Agromuralla, durante varios días distintos deste mes de agosto, a outros laboratorios oficiais, servindo os resultados obtidos para “confirmar a existencia de discrepancias importantes”.

Por exemplo, mentres no Ligal os resultados dunha mostra concreta dunha gandería ofrecían niveis do 3,59% de graxa, 3,25% de proteína e -516 no punto crioscópico, na mostra de contraste realizada noutro laboratorio oficial os resultados obtidos foron de 3,78% de graxa, 3,32% de proteína e -528 no punto crioscópico.

Punto crioscópico

“Dende que comezou o verán, un alto porcentaxe de gandeiros produtores de leite de vaca galegos veñen tendo problemas coas analíticas do punto crioscópico. Nembargantes, despois de facer todas as revisións técnicas necesarias, puideron comprobar que non se debe a un problema que exista nas súas granxas”, aseguran desde Agromuralla.

O punto crioscópico é un parámetro que se analiza para medir a cantidade de auga que ten o leite. Trátase dun valor negativo, de xeito que, se sube a presenza de auga no leite os gandeiros son penalizados pola industria láctea que lles merca o produto, penalización que se traduce nunha reducción no prezo final a percibir.

A maioría de empresas poñen o punto de corte do punto crioscópico en -520, mentres que outras téñeno en -517, de maneira que as granxas que non superen eses niveis son penalizadas.

Bacterioloxía e inhibidores

Agromuralla asegura que os problemas detectados nas analíticas teñen que ver tamén cos parámetros relativos á calidade hixiénico-sanitaria do leite. “En moitos casos disparouse a bacterioloxía, mantendo as mesmas rutinas de muxido e de lavado posterior dos equipos de muxido ou do tanque, polo que os gandeiros non atopan explicación ao aumento exponencial no número de xermes en determinadas mostras concretas”, denuncian desde a asociación.

Estase xerando unha indefensión absoluta no gandeiro (José Luis Pérez Barreiro, Agromuralla)

Explican ademais que varios socios víronse obrigados a tirar o leite, nun caso durante 7 días seguidos e noutro durante 11 días, por mor da presenza de inhibidores no leite. “Sen embargo, despois, cando acudía o Ligal á granxa non aparecían estes inhibidores no tanque, nin posteriormente na cisterna nin na fábrica, polo que chegaron mesmo a anularse todas as mostras dalgunhas rutas de recollida”, indican.

“Estase xerando unha indefensión absoluta no gandeiro e supón perdas económicas importantes para as granxas, con baixadas no prezo final do leite mesmo de varios céntimos”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

As industrias confirman as queixas dos gandeiros

Desde as industrias leiteiras, encargadas da toma de mostras nas explotacións e na súa custodia até que chegan ao Ligal, confirman as queixas dos gandeiros, que se volveron habituais desde o pasado mes de xullo, sobre todo polas baixadas xeralizadas nas porcentaxes de graxa, sen que existan razóns por cambios na ración ou nas condicións de aloxamento e confort térmico dos animais.

Unha diferenza de dúas décimas na graxa pode supoñer nalgúns casos máis dun céntimo no prezo final do leite

A graxa é un dos parámetros que maior incidencia ten no prezo final do leite. En función da industria, a maioría de contratos de compra do leite ás explotacións recollen penalizacións por non acadar os niveis de graxa requeridos e primas por superar valores a partir de 3,70 ou 3,80%, dependendo da empresa.

Reunión coa conselleira

Ante esta problemática, dende Agromuralla “solicitamos unha reunión con carácter urxente cos responsables do Ligal, non tendo resposta a data de hoxe, a pesar da gravidade da situación”, afirman.

Por outra banda, membros de Agromuralla mantiveron unha reunión este xoves coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, “para informala do que está a acontecer e pedirlle que, desde a Consellería, se tomen as medidas oportunas para regularizar a situación, xa que se nos está a prexudicar económicamente, pois os resultados das analíticas feitas polo Ligal tómanse como base para fixar o prezo final que as industrias nos pagan aos gandeiros polo noso produto”, quéixase Pérez Barreiro, socio dunha explotación leiteira no concello da Pastoriza.

A Xunta proporá unha mesa técnica para analizar a evolución das calidades do leite en Galicia

Desde a Consellería do Medio Rural confirman a reunión celebrada este xoves pola tarde con representantes de Agromuralla e enmárcana “no diálogo constante con todos os axentes do sector para escoitar as súas demandas e necesidades”.

Neste caso concreto, Medio Rural excúdase en que o Ligal “é un laboratorio independente á Xunta de Galicia, no que están representados tanto a parte da industria como a dos produtores, e non a Administración”, lembran.

Con todo, desde a Consellería proporase ao Ligal “celebrar unha mesa técnica de traballo co fin de que, en colaboración co CIAM, se poida realizar un estudo histórico da evolución do punto crioscópico do leite en Galicia, de conformidade ao establecido no Real Decreto 989/2022, de axentes do sector lácteo”.

Actualización 24-VIII

Pendentes de aplicarse os cambios no sistema de trazabilidade das mostras

recolledor Leyma Manuel Veiga toma mostra leite tanque fío2Tal como explicaba fai un ano nesta entrevista en Campo Galego o director-xerente do Ligal, Roberto Lorenzana, estase a implantar un novo sistema para garantir a trazabilidade das mostras tomadas polos recolledores do leite das distintas industrias nas explotacións, consistente nun código de barras individual no tanque do leite e un novo bote que permite que sexa aberto unicamente nas instalacións do Ligal en Mabegondo. Pero aínda que xa se instalaron os novos códigos na maioría de explotacións, este novo sistema de identificación das mostras non está aínda plenamente operativo.

O novo sistema de código de barras e novos botes do Ligal no está aínda operativo

Sen embargo, desde Agromuralla consideran que esta nova metodoloxía para a custodia das mostras “non resolve os problemas detectados nin a indefensión dos gandeiros” e insisten na necesidade de que se implante un sistema de dobre mostra lacrada como que se aplica en Castela e León.

“Cando unha granxa cambia de industria, dun día para outro os resultados das análises tamén cambian, sen ningunha razón aparente para que isto suceda. Hai mesmo diferenzas entre os resultados do Control Leiteiro e os das industrias, cando nos dous casos as mostras son analizadas no mesmo sitio, porque as dúas van ao Ligal”, xustifican para alimentar as suspicacias sobre a falta de imparcialidade das análises realizadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información