Agromuralla denuncia ante a AICA a seis industrias lácteas por “prácticas ilícitas” nos contratos

A asociación de gandeiros asegura que as empresas "aproveitaron a conxuntura de alerta sanitaria por coronavirus para presionar aos produtores con modificacións á baixa no prezo asinado"

Planta de Intelit en Teixeiro (Curtis)

Unha das empresas denunciadas é Inleit, ubicada en Teixeiro (Curtis), por modificar os contratos en vigor

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denunciou diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, “que desde que se levantou a declaración de estado de alarma, decretada a través do RD 463/2020, co fin de xestionar a alerta sanitaria provocada polo COVID-19, distintas industrias lácteas que operan dentro do territorio de Galicia, veñen actuando ilicitamente”.

“Desde que o pasado 14 de marzo do presente ano foi decretado o estado de alarma para xestionar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19, as industrias lácteas, concretamente as que operan no territorio de Galicia, víronse beneficiadas por unha flexibilización da normativa a cumprir, no que se refire aos contratos de compra de leite cru de vaca en orixe”, expón no escrito de denuncia Roberto López, presidente de Agromuralla.

Como consecuencia desta flexibilización, tendo en conta que o sector primario foi considerado en todo momento durante a vixencia do estado de alarma como actividade esencial, moitos contratos que tiñan que ser renovados durante o estado de alarma, viron prorrogada a súa vixencia para, unha vez establecida a chamada “nova normalidade”, subscribir novos contratos que empeoran as condicións previas, denuncian os gandeiros.

As industrias denunciadas son Inleit, Danone, Lactalis, Reny Picot, Leite Río e Celega

“A maiores de que a situación por parte das industrias lácteas pode ser constitutiva dun ilícito penal, están a infrinxir varios conceptos da Lei da Cadea Alimentaria ao aproveitar a situación xerada pola situación de alerta sanitaria para presionar aos produtores para que asinen contratos con redución do prezo pactado”, indican.

Contratos impostos, non negociados

“As industrias manteñen unha postura impositiva e, lonxe de negociar as condicións dos contratos cos produtores, impoñen a súa vontade e criterio, coma se dun contrato de adhesión se tratase, deixando ao produtor sen capacidade de manobra”, denuncia Roberto López, quen asegura que “na práctica os contratos non son negociados, senón impostos e o produtor corre o risco, se non acepta, de que a industria en cuestión non lle recolla máis leite”.

As industrias están a presionar aos produtores, coaccionándoos para que asinen de inmediato baixo ameaza de non recollerlles o leite

Agromuralla asegura que este tipo de prácticas por parte das industrias “véñense mantendo nos últimos vinte anos ou máis” e aprecia síntomas claros de acordo entre as empresas, xa que “os criterios de negociación dos contratos non difiren dunhas industrias a outras”.

Ofertas sen dous meses de antelación

“Estas prácticas infrinxen varios preceptos do Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo cal se establecen as condicións de contratación no sector lácteo”, asegura Agromuralla na súa denuncia, admitida a trámite pola AICA.

Entre outras cuestións, Agromuralla indica que “se infrinxe a obrigatoriedade de facer a oferta do novo contrato con dous meses de antelación”, expoñendo os casos de Lactalis, Reny Picot, Inleit ou Danone, “cuxa práctica habitual é poñer os contratos á firma sen esa antelación de dous meses, coaccionando aos produtores para que asinen de inmediato”.

Modificación nos prezos asinados

Ademais, denuncia Roberto López, “nalgúns casos as modificacións dos contratos que se poñen á firma do produtor contradín o contrato en vigor, ao pretender introducir un cambio no prezo establecido a través dun anexo ao contrato cando non pode realizarse un cambio deste tipo a través de devandito instrumento”, considera.

Na práctica, a modificación da Lei da Cadea Alimentaria para que os prezos pagados en orixe cubran os custos de produción está a ser usada polas empresas para empeorar os contratos, con cláusulas que trasladan esa responsabilidade ao gandeiro

A maiores, de acordo coa modificación acometida o pasado mes de febreiro na Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da Cadea Alimentaria a través do Real Decreto Lei 5/2020, os contratos alimentarios haberán de indicar expresamente que o prezo pactado entre o produtor e o seu primeiro comprador cubre o custo efectivo de produción.

Con todo, segundo Agromuralla, “na práctica a cláusula que se fai constar nos contratos está a ser utilizada polas industrias lácteas para acometer un cambio de contrato e presionar os prezos á baixa”.

Represalias por parte das industrias

A asociación de gandeiros e gandeiras, con presenza nas provincias de Lugo e A Coruña, considera que “o feito de non existir un índice referencial público, validado e admitido polos operadores para tomar de referente á hora de determinar se os prezos establecidos nos contratos cubren ou non os custos de produción deixa ao produtor nunha clara situación de indefensión”.

O feito de non existir un índice referencial público, validado e admitido polos operadores á hora de determinar os custos de produción deixa ao produtor nunha clara situación de indefensión

Ademais, denuncia Agromuralla diante do organismo dependente do Ministerio de Agricultura, “están a darse casos de ameazas e represalias por parte dalgunhas industrias, como Leite Río, Inleit ou Lactalis, contra algúns gandeiros que se negan a asinar os contratos nas condicións que a industria impón”.

Agromuralla sospeita que as industrias, que son as encargadas da toma de mostras para o posterior pago por calidades, non as conservan en condicións idóneas antes da súa chegada ao laboratorio para “responsabilizar aos produtores da perda de calidades do leite (empeoramento do punto crioscópico ou da bacteriología)”.

Garantía de anonimato

Ante estes feitos, Agromuralla, no seu escrito, solicita á AICA que “se dea orde inmediata ás industrias lácteas para que cesen nas prácticas abusivas que veñen exercendo” e “se incoen os correspondentes expedientes sancionadores”.

Para que a Axencia Pública poida levar a cabo as accións de investigación e comprobación necesarias inclúese unha serie de documentación, como copias dos anexos e as cláusulas abusivas introducidas nos contratos por varias das empresas ou cartas ameazantes enviadas aos gandeiros que se negaban a asinar, ofrecendo tamén a toma de declaración a gandeiros vítimas destas prácticas ilícitas, aínda que preservando o seu anonimato para evitar posibles represalias por parte das industrias que lles recollen o leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información