Agromuralla cumpre 10 anos, nos que o prezo do leite aumentou pero o número de granxas reduciuse á metade

A finais do 2015 os tractores saían á rúa e rodeaban durante semanas a Muralla de Lugo para protestar polos baixos prezos en orixe. Para conmemoralo, a asociación xurdida desas protestas organiza un acto o día 21 deste mes para desmontar bulos sobre o leite e os gandeiros que o producen

Tractoradas do ano 2015 arredor da Muralla de Lugo, que deron pé ao nacemento de Agromuralla

Tractoradas do ano 2015 arredor da Muralla de Lugo, que deron pé ao nacemento de Agromuralla

Os baixos prezos do leite sacaron á rúa no outono do ano 2015 a centos de gandeiros e gandeiras cos seus tractores. Aquelas protestas, que rodearon durante semanas a muralla de Lugo, foron o xerme de Agromuralla, que cumpre 10 anos de defensa do sector.

A asociación de gandeiras e gandeiros, que conta na actualidade con máis de 400 socias e socios nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, “converténdose así na entidade máis representativa do sector productor”, afirma Agromuralla, que continúa coa súa labor, fiel ao espíritu que a fixo nacer, na procura de condicións de vida dignas e prezos xustos.

A situación actual de prezos do leite é diferente á de fai 10 anos (o prezo medio en Galicia no mes de setembro situouse en 52 céntimos, fronte aos 28 de setembro do 2015), garantindo a necesaria rendibilidade das granxas.

No 2015 o prezo do leite era de 28 céntimos e había en Galicia 9.238 granxas, fronte ás 5.011 actuais

Pero problemas como o peche de explotacións, a falta de relevo xeracional, a excesiva carga burocrática ou o endurecemento das normas ambientais seguen a ser os grandes retos que afronta a produción de leite en Galicia e enfermidades emerxentes como a EHE ou a Dermatose Nodular Contaxiosa suman incertidume de cara ao futuro.

Quedan neste momento 5.011 granxas producindo leite en Galicia (8.894 no conxunto de España), practicamente a metade das que había no 2015 (9.238 en Galicia e 16.620 en España).

Unión e solidariedade entre gandeiros

A unión e solidariedade entre gandeiros e a representación dos seus intereses diante da Administración foron dende o inicio e seguen a ser na actualidade dous dos eixos principais de actuación da Agromuralla, que este ano, tralos devastadores incendios forestais sufridos no verán na provincia de Ourense, centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares.

Desde o verán Agromuralla entregou 27 tráilers de forraxe a gandeiros de Ourense afectados polos incendios

Até o momento foron xa entregados 27 camións de rolos e pacas de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que continuará durante todo o inverno. A forraxe foi donada por socios de Agromuralla e outros gandeiros non socios e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.

Acto público o venres 21 de novembro en Lugo

Para celebrar os seus 10 anos de vida, Agromuralla celebrará o vindeiro venres 21 de novembro un acto público baixo o lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos alimentarios, que busca concienciar ao consumidor dos beneficios de introducir produtos lácteos e cárnicos na dieta e da labor positiva sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no mundo rural das explotacións agrogandeiras.

O médico Manuel Viso, a xogadora de baloncesto Elba Garfella e o xornalista Emilio Gómez falarán dos beneficios do leite para a saúde e da labor dos produtores 

Este acto terá lugar ás 11 da mañá no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, na Ronda da Muralla, epicentro das protestas do ano 2015 que deron pé ao nacemento de Agromuralla.

Na mesa redonda participará o doutor Manuel Viso, médico e divulgador científico, autor do libro Supersanos; Emilio Gómez, xornalista da cadena Cope en Andalucía, documentalista e divulgador do medio rural; a deportista Elba Garfella, xogadora do equipo de baloncesto feminino Duran Maquinaria Ensino e medalla de ouro coa Selección Española sub 20 no Campionato Europeo celebrado no ano 2022; e José Luís Pérez Barreiro, gandeiro produtor de leite da Pastoriza e presidente de Agromuralla.

cartel acto Agromuralla 21 novembro 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información