Agromuralla convoca unha manifestación o vindeiro martes 17 en Lugo en defensa de prezos xustos

A asociación de gandeiros e gandeiras xurdida das tractoradas do 2015 asegura que "se o rural esmorece a cidade morre" e invita a participar na marcha tanto a produtores como a persoas que viven na cidade

Manifestación de Agromuralla en Lugo no ano 2015

Manifestación de Agromuralla en Lugo no ano 2015

Agromuralla convoca para o vindeiro martes, 17 de marzo, unha manifestación que discorrerá polas rúas de Lugo en defensa do rural e de prezos xustos para os produtores como a mellor garantía contra o despoboamento e de alimentos de calidade para os consumidores.

A asociación de gandeiros e gandeiras xurdida das históricas tractoradas que rodearon durante semanas a Muralla de Lugo fai 4 anos e da que forman parte gandeiros das provincias de Lugo e da Coruña, quere sumarse con esta mobilización aos actos reivindicativos que están a levar a cabo desde fai máis dun mes agricultores e gandeiros en distintos puntos de España.

A convocatoria da manifestación ten carácter aberto e Agromuralla convida a participar tanto a produtores e persoas que residen no rural como ás que viven na cidade, así como a todos aqueles que directa ou indirectamente viven do rural, porque “se o rural esmorece a cidade morre”, afirma o lema da marcha.

Valoración da situación actual do sector

manifestacion Agromuralla 2015-4A mobilización do vindeiro martes pretende a “concienciación da poboación sobre os problemas que afectan ao rural galego” e reclamar medidas das Administracións públicas. Segundo indica Agromuralla, o sector produtor de leite é “fundamental para o asentamento de poboación, a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza en Galicia” pero enfróntase a problemas derivados dunha lexislación que “non garante a igualdade de condicións” nas relacións entre os produtores e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca un “reparto desigual” da cadea de valor que “prexudica” aos gandeiros e gandeiras.

A lexislación non garante a igualdade de condicións nas relacións entre os produtores e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca un reparto desigual da cadea de valor que prexudica aos gandeiros e gandeiras

Os “importantes danos” provocados pola fauna salvaxe e o “incremento considerable nos custos de produción” motivado pola suba do gasoil ou da enerxía eléctrica son factores que comprometen tamén a viabilidade de moitas explotacións. A isto engádese un problema de relevo xeracional e de falta de persoal en moitas granxas e incertidumes como poden ser as novas esixencias medioambientais no uso do purín ou a liberalización do sector tralo fin das cotas lácteas na UE, que provoca altibaixos e oscilacións de prezos á baixa.

Campaña do Sindicato Labrego, con manifestación en Santiago o 17 de marzo

O Sindicato Labrego está desenvolvendo por distintas comarcas de Galicia a campaña “O rural galego sobre a mesa”, coa que pretende chamar a atención sobre a necesidade de poñer en marcha políticas dende todas as administracións dirixidas a dignificar a profesión labrega e a vida no campo. Esta campaña, como xa era público, culminará o 17 de marzo cunha manifestación en Compostela consistente en rodear a Xunta de Galicia.

Podes consultar aquí o decálogo de medidas que demanda o Sindicato Labrego, entre as que figuran a petición de garantías de prezos xustos, a protección da terra agraria ou a xestión pública da fauna salvaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información