Os gandeiros da tractorada de Lugo, que están a realizar diversos actos na cidade desde o pasado xoves, convocaron unha manifestación a pé para este luns a partir das 12 horas do mediodía. A protesta sairá da Ronda da Muralla, nas proximidades da porta de San Fernando, e percorrerá diversos edificios administrativos da cidade.
Coa serie de actos de protesta que están a facer en Lugo, os gandeiros, convocados por Agromuralla, queren chamar a atención sobre a continuidade da crise láctea, para a que non se albiscan solucións a curto prazo. En setembro pasado asinouse un acordo en Madrid entre cadeas de distribución, industria e parte dos produtores, pero as melloras aínda non chegaron a pé de campo.
De xeito paralelo ás protestas lucenses, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo está a protagonizar un bloqueo das cadeas de distribución Carrefour e Alcampo na Coruña.