Agromuralla apoia a manifestación dos gandeiros de vacún de carne o vindeiro martes en Lugo

Agromuralla apoia a manifestación dos gandeiros de vacún de carne o vindeiro martes en Lugo

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que reúne a produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña, mostra a súa solidariedade cos produtores de carne e acudirá o vindeiro martes 18 á manifestación que a asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten convocada polas rúas de Lugo. 

Desde Agromuralla comparten os motivos que levan á convocatoria das protestas: “as granxas de leite entendemos perfectamente os motivos que levan aos produtores de carne a manifestarse ante a situación actual de prezos baixos e altos custos de produción que están a sufrir”. 

“Estamos todos no mesmo barco, porque unha parte dos ingresos das granxas de leite proceden tamén da venda de carne, tanto vacas de desvelle como becerros”, afirma Agromuralla, que pide aos seus asociados que acudan á manifestación deste martes.

Indefensión na negociación dos contratos do leite e dos xatos

Agromuralla insiste en que “a Lei da Cadea Alimentaria segue sen protexer aos produtores primarios”. “Durante anos sufrimos nos prezos do leite a mesma situación que están a vivir hoxe os nosos compañeiros produtores de carne”, asegura Agromuralla, que esixe unha “actuación decidida” das Administracións, tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura. 

Agromuralla considera que tanto os produtores de leite como os de carne están en “desvantaxe” ante as industrias lácteas e o matadoiros á hora de vender os seus produtos. “Os gandeiros non temos capacidade ningunha de negociación dos contratos, demostrouse agora claramente na renovación dos contratos lácteos, cunha baixada unilateral por parte das industrias e o mesmo acontece coa compra das vacas e os xatos por parte dos matadoiros”, din. 

Unha reforma da PAC insuficiente 

Ademais das marxes negativas que están a padecer neste momento os produtores de carne e que durante anos sufriron tamén os gandeiros de leite, a reforma da PAC que entra en vigor este ano é outro dos motivos de procupación para o sector.

“A nova PAC para o período 2023-2027 segue sen beneficiar a Galicia, pois a maioría dos cartos seguen a ir para Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha cando a maior parte da produción gandeira está no norte de España”, asegura Agromuralla, que denuncia ademais que “o reparto de fondos segue sen primar aos produtores profesionais que viven en exclusiva da actividade agrogandeira”. 

Baixadas aos consumidores a costa dos produtores

Finalmente, Agromuralla critica a decisión das grandes superficies comerciais de “reducir os prezos dos alimentos a costa de castigar aos produtores”. “Todos sabemos que as multinacionais da alimentación e as cadeas de supermercados non son ONG, senón que están para gañar cartos, os anuncios de baixadas de prezos son propagandísticos, destinados a enganar aos consumidores, pero a carga final desas medidas ímolas pagar coma sempre os produtores de base”, denuncian. 

A Xunta reafirma o seu compromiso co sector e defende suprimir o IVE para a carne

Pleno Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne vacún de Galicia

Pleno do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne vacún de Galicia

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá no Pleno do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia, logo da renovación do órgano. Alí, o conselleiro destacou o apoio do seu departamento aos selos de calidade en xeral e ao sector da carne en particular.

Neste senso, puxo en valor -entre outras actuacións- a campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia para aumentar a sensibilización e o consumo dos produtos baixo este selo de Ternera Gallega Suprema. Nesta campaña investíronse 1,4 millóns de euros.

Ademais, precisamente no tocante ao apoio institucional, sinalou que preto de 8.000 gandeiros da carne recibirán nas próximas semanas máis de 15,6 millóns de euros en axudas da Xunta para paliar as consecuencias no sector da invasión rusa de Ucraína, tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres, 31 de marzo. E concretamente, matizou, preto de 14 millóns dese importe serán para máis de 7.300 gandeiros do vacún de carne.

Estas axudas véñense sumar a outras excepcionais do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión de Ucraína, achegas que foron xestionadas pola Xunta e que ascenderon a case 8 millóns de euros para o vacún de carne. Ademais, xa durante a pandemia, e coa finalidade de paliar os seus efectos, a Xunta convocou para este eido outros 9 millóns de euros en axudas.

Finalmente, José González fixo referencia ao protocolo de entendemento que impulsou a Xunta entre toda a cadea de valor da carne para frear a venda a perdas entre os produtores da IXP Ternera Gallega. Neste senso, lembrou que entre todas as administracións se pode baixar a inflación con medidas como o IVE cero no que se refire á carne, sen ter que baixar os prezos que se lles pagan aos produtores para que as súas explotacións poidan seguir sendo rendibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información