Agromuralla advirte dunha nova baixada do prezo do leite

A asociación solicita unha reunión coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para abordar esta situación, así como outros temas, caso da planta de Altri prevista para Palas de Rei

Agromuralla advirte dunha nova baixada do prezo do leite

As primeiras propostas para renovación de contratos do leite que vencen no verán xa comenzaron a chegar ás granxas, con cifras “moi preocupantes”, segundo Agromuralla, que advirte de que as ofertas que comezan a presentar as empresas chegan con ata 2 céntimos de baixada, despois de que en abril se produciran tamén descensos de entre 2 e 5 céntimos, dependendo da empresa.

“Neste momento as ganderías de leite están a sufrir baixadas de prezo que poñen en risco a viabilidade das explotacións”, considera o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. “Os prezos en orixe téñense devaluado xa un 25% no último ano, tras sufrir unha caída duns 15 céntimos, desde os 60 céntimos do inverno pasado ao entorno dos 45 céntimos actuais”, quéixase o presidente de Agromuralla. “Queremos saber que medidas hai previstas para frear esta caída de prezos”, di.

Desde a asociación de gandeiros reclaman á Xunta que publique mensualmente, dentro do Observatorio Lácteo, os custos de produción das explotacións galegas, ao igual que se publican os prezos medios de venda do leite na comunidade, para contar con “datos obxectivos que permitan que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria”.

Consulta de medidas sobre a EHE
“De cara á reunión coa conselleira queremos saber tamén que medidas hai previstas para facer fronte á EHE, que é unha gran ameaza para as ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, e que non nos pode coller desprevidos, como aconteceu o ano pasado”, argumenta Pérez Barreiro.

Preocupación por Altri
Outro dos asuntos a abordar na xuntanza é “o impacto que poida ter Altri no sector agrogandeiro, tanto da comarca da Ulloa como doutras zonas subministradoras de materia prima para a planta”.

Agromuralla considera que hai “falta de información” e pídelle á nova conselleira “que se reúna co sector e explique os detalles do proxecto e a súa compatibilidade co actividade agrogandeira”. “O forestal ten que existir, igual que o sector agrario e gandeiro, pero cada cousa no seu lugar”, defende a asociación de produtores de leite.

Agromuralla quere saber cal vai ser “a afección real” se a planta de celulosa se chega a instalar en Palas de Rei, xa que “os proxectos no papel cumpren todos, pero outra cousa é despois a realidade práctica”, argumenta Pérez Barreiro, que pide á Xunta que “mire con lupa” o proxecto para que cumpra toda a normativa, tanto a urbanística como a forestal e medioambiental, “igual que nos obrigan a cumprir ás granxas”, compara.

“Non estamos en contra de que proxectos deste tipo se leven a cabo, pero vai estar implantado nunha zona agrogandeira e de pouco serve xerar uns poucos postos de traballo se como contrapartida se inviabiliza a existencia de explotacións na zona, porque quen fai moverse a economía nas zonas rurais son as granxas e as pequenas empresas, que somos as que dinamizamos a economía local”, asegura Pérez Barreiro.

Autorización do prato invertido para o xurro
Finalmente, desde Agromuralla pediráse á nova conselleira que faga os trámites legais necesarios para autorizar “canto antes” a utilización do prato invertido como sistema para a aplicación de xurros en Galicia.

“A entrada en vigor o 1 de xaneiro deste ano do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, obrigando á utilización de sistemas de inxectores ou tubos colgantes, deixou sen alternativa a miles de granxas en Galicia para o abonado, dado que a normativa non se adapta ás condicións e características da nosa comunidade”, explica Pérez Barreiro.

Sen embargo, a raíz das protestas levadas a cabo esta primavera por agricultores e gandeiros de toda España, o Ministerio flexibilizou a norma e anunciou que se poderá usar o sistema de prato invertido previa autorización por parte das comunidades autómomas. “Atopámonos nunha situación de alegalidade, polo que é necesario que a Xunta autorize canto antes o seu uso no territorio galego”, xustifica o presidente de Agromuralla.

A Administración autonómica manifestou a súa intención de autorizalo, pero aínda non existe disposición legal ao respecto.

Novo sistema de toma de mostras do LIGAL
Nas últimas semanas estánse adaptando as granxas ó novo sistema de toma de mostras do LIGAL, a través do cal se vai dotar de maior proteción ás mostras tomadas nas granxas, a través dun sistema de dixitalización. Nembargantes, dende Agromuralla consideran que “non é suficiente, pois é preciso que se faga a toma de dobre mostra, posto que o novo sistema vén a dotar de maior seguridade ás mostras tomadas, pero o gandeiro segue a sufrir indefensión nun caso de erro nas analíticas”, di José Luis Pérez.

Agromuralla reivindica a toma de dobres mostras lacradas por parte do Ligal

“A dobre mostra lacrada é unha reivindicación de Agromuralla dende o ano 2015, e ata o de agora sempre recibimos algún tipo de excusa para non implantalo.” En realidade, Agromuralla considera que, manter o sistema actual vén a reforzar a postura de superioridade das industrias en casos de discrepancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información