Agrociocende SC e Ugasma SL: A experiencia de dúas explotacións leiteiras no cultivo de alfalfa en Galicia

Situadas en Brates e en San Martiño de Andabao, no concello de Boimorto, estas dúas ganderías explicaron nas xornadas de Seragro os resultados da súa aposta por un cultivo proteico de alta calidade nutricional que precisa solos enxoitos e con pH alto

alfalfa

A alfalfa (Medicago sativa), é unha planta herbácea da familia das fabáceas empregada como leguminosa forraxeira

A alfalfa é pouco frecuente en Galicia. Trátase dunha leguminosa que achega altos contidos en proteína á ración, o que permite aumentar a autosuficiencia en alimentación propia e non depender da volatilidade da calidade e prezo do mercado de insumos (sobre todo en oleaxinosas como a soia e a colza), pero o seu cultivo require coñecer certas claves para o seu manexo debido ás súas especificidades a nivel de sementeira e ensilado.

En primeiro lugar, non todas as fincas son axeitadas para cultivar alfalfa, que ten raíces profundas e soporta ben a seca no verán pero tolera mal a humidade e o encharcamento no inverno. Ademais, no momento da sementeira, para lograr unha boa implantación do cultivo, é necesario ter un solo cun pH que se sitúe arredor de 6.

Para que a alfalfa se implante o pH do solo debe ser superior a 6

Trátase dun cultivo plurianual cunha duración duns 5 anos e que permite realizar de tres a cinco cortes por ano, con rendementos que roldan os 12.000 kg de materia verde por corte, e beneficios tanto a nivel nutricional como agronómico, ao mellorar a estrutura do solo e a fixación de nitróxeno para o seguinte cultivo en rotación.

Ademais dos seus aportes nutricionais, achega beneficios a nivel agronómico para o seguinte cultivo en rotación

A relación entre a produción e a calidade é un equilibrio difícil de conseguir en Galicia debido aos efectos meteorolóxicos. O ideal é segala cando aparece a primeira flor (os estudos din que cun 10% de floración no alfalfar), que é onde se atopa o punto óptimo entre a materia seca e a proteína bruta.

A alfalfa pode ensilarse soa ou mesturada con outros silos de herba, por exemplo de raigrás, pero hai que ter en conta unha serie de especificidades, como non superar porcentaxes de materia seca superiores ao 50% nin superar niveis excesivos de proteína.

Niveis de máis do 50% de materia seca no forraxe que entra a ensilar provocarán un mal proceso de ensilado

O contido de materia seca óptimo para forraxe ensilado de alfalfa sitúase entre o 40 e o 45%. Este rango debe acadarse no mínimo de horas posibles desde o momento do corte, para lograr a máxima cantidade de azucres fermentables, que deberían estar por riba do 10%. Estes niveis son un bo indicador para conseguir un adecuado proceso fermentativo posterior do silo, sempre que non teñamos niveis de proteína excesivos. En todo caso, o contido de proteína obxectivo estaría en superar o 20%.

Por que apostar pola alfalfa en Galicia?

Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, dúas explotacións leiteiras ubicadas no concello coruñés de Boimorto, Ugasma SL e Agrociocende SC, explicaron a súa experiencia co cultivo forraxeiro de alfalfa para alimentación de gando vacún.

Ugasma leva máis de vinte anos traballando con alfalfa, pero non foi até hai 15 anos cando comezou a sementala sistematicamente. Esta explotación decantouse por este tipo de cultivo ao querer buscar unha alternativa proteica que se producise na explotación. “Con este cultivo conseguimos un achegamento á ración de proteína, que era o noso principal obxectivo, e incorporamos tamén fibra sen necesidade de ter que engadir palla”, valora Laura Seoane.

Necesitamos forraxes de alta calidade; iso obríganos a ir a herbas tenras e a facer máis cortes, o que incrementa os custos

Nos últimos anos comprobamos que as producións de raigrás nas pradeiras permanentes nos períodos de verán eran reducidas e incluso en moitas ocasións acababan cubríndose de malas herbas. Así mesmo, estamos convencidos que para producir moito leite necesitamos forraxes de alta calidade. Iso obríganos a ir a herbas tenras, con menor rendemento, o que fai que o seu custo se incremente. Despois de ver resultados de alfalfa moi bos na contorna, tanto en calidades coma en rendementos, fxeron que este último ano decidísemos implantar este cultivo”, detalla José Manuel Sánchez, da veciña Agrociocende SC.

Laura Seoane (Ugasma SL):

“Non só é un alimento rico e palatable para os animais, senón que notamos unha mellora en canto á preparación do terreo para o cultivo seguinte”

xornadas Seragro 2024 alfalfa Laura Seoane (Ugasma SL)

Ugasma SL é unha gandería fundada en 1969 con 14 vacas holstein importadas de Holanda por Francisco Seoane Porto, pai e avó dos seus actuais xestores, xunto con outros veciños e familiares. En 1972, a explotación comeza a medrar importando 75 de Canadá. No ano 2002 prodúcese unha reforma integral da explotación coa construción dunha nova nave en estabulación libre con cama quente e a instalación dunha sala de muxido traseiro de 12×2.

Actualmente esta granxa conta con 300 vacas en produción, 55 secas, 325 xatas e xovencas e 120 animais de ceba, xa que é unha explotación que pecha todo o ciclo da produción animal (leite e carne). Para iso, dispón de diferentes naves para acoller aos distintos grupos de gando.

Ugasma logra pechar todo o ciclo de produción animal coa ceba dos xatos

As vacas de leite están divididas en catro grupos de muxido: posparto, alta produción, baixa produción e descarte. Noutra nave están as xovencas próximas ao parto e a parideira e outra instalación alberga á recría de 3 a 12 meses. As vacas secas comparten outro establo, onde tamén se atopan as xovencas para inseminar. Finalmente, está o cebadoiro, onde se crían os machos e femias de cruce cárnico nacidos na explotación.

Ademais de Laura e o seu pai, na explotación traballan 8 persoas contratadas máis un veterinario que acode todos os días á granxa

Fan até 8 racións diferentes cada día e o carro para as vacas en produción está composto por: 20 kg de silo de millo, 8 kg de silo de herba, 9 kg de silo de alfalfa, 9 kg de bagazo de cervexa, 5 kg de grao húmido de millo, 2,5 kg de soia, 2,5 kg de colza e 3,5 kg de núcleo. A produción media de leite é de 38 litros por vaca e día ao 3,88% de graxa e 3,31% de proteína. A lonxevidade do rabaño sitúase en 2,7 partos por vaca.

20 anos de experiencia no cultivo de alfalfa

Ugasma dispón de 210 hectáreas de terreo, que están distribuídas en 125 para millo e 90 para herba (30 son de pradeira permanente e 27 de alfalfa). Realizan practicamente todas as tarefas agrícolas con maquinaria propia, incluído o sementado e ensilado, polo que a explotación ten gran parte do seu capital investido neste apartado.

O rendemento do cultivo de alfalfa rolda os 12.000 kg/ha por corte (2.300 kg de materia seca)

As 27 hectáreas destinadas ao cultivo de alfalfa están divididas en dúas parcelas. “Sácanse uns cinco cortes ao ano, sempre para ensilar e que se conserva de tres maneiras diferentes: bolos, silo trincheira e salchicha. O rendemento do cultivo, de media de todos os cortes, anda sobre os 12.000 kg de materia fresca, o que quere dicir uns 2.300 kg de materia seca, unha proteína bruta de 20,6% e unha FAD do 33%”, detalla Laura.

Para a sementeira da alfalfa, Ugasma aplica primeiro un herbicida (glifosato 36%) cunha dose de 5 litros por hectárea. A continuación, encálase, para lograr os niveis óptimos de pH no solo, con carbonato cálcico magnésico (4T). O laboreo posterior realízase mediante subsolador e o abonado inclúe superfosfato 45% (350 kg/ha) mesturado con cloruro de potasio 60% (350 kg/ha) para a súa aplicación nun único pase.

As tarefas de sementeira lévanas a cabo con maquinaria propia

Tras pasar un arado de vertedeira procédese ao abonado nitrogenado de fondo con nitrato amónico cálcico 27% cunha dose de 200 kg/ha. A continuación, aplícase o herbicida de preemerxencia (9 litros/ha). A continuación, realízase un pase de grade e desterronador e séntase con sementadora de liñas cunha dose de 40 kg de semente por hectárea. Finalmente, pásase un rolo.

“O alfalfar adoita durar na nosa zona aproximadamente uns cinco anos e o ano que se levanta o cultivo séntase millo, xa que ao ser a alfalfa unha leguminosa, deixa o solo con moito nitróxeno e moi preparado o terreo en canto a textura e estrutura para o cultivo seguinte”, asegura.

Cinco cortes

Ugasma obtén 5 cortes de alfalfa para ensilar. “O primeiro corte será de limpeza, cara finais de marzo, principios de abril, e posteriormente a este corte realizarase un abonado con 200 kg no noso caso de 0-14-14, cun prezo de 490 € por tonelada, o que vén saíndo por hectárea en uns 98 € máis o custo do tractor coa abonadora, que son propios. O segundo e terceiro corte serán os de maior produción, diminuíndo xa no cuarto e quinto”, explica Laura.

O momento óptimo para a sega é á primeira hora da mañá para concentrar a maior parte de azucres e amidóns na planta

“Durante estes cortes abónase con xurro, que no noso caso ten case todo o nitróxeno volatilizado polo uso de separador de sólidos e líquidos. O momento óptimo de sega, din os expertos, é a primeira hora da mañá, que é cando o facemos nós, debido a que, ao ter maior contido de humidade a planta, quedan na parte segada a maior parte de azucres e amidóns. Isto é o ideal para facer a alfalfa en silo”, asegura.

Á hora de ensilar, utilizan un conservante a base de Lactobacillus, que poñen no depósito da máquina e vai directamente aplicado sobre o forraxe. O custo do conservante é duns 42 euros por tonelada de forraxe. En canto aos custos totais de ensilado (sega, transporte, pisado, tapado, etc) roldan os 730 €/tonelada (875 €/ha).

Ugasma ten como obxectivo nos próximos anos incrementar a superficie de alfalfa sementada se atopan terreo dispoñible. Isto permitiríalles facer unha ración para o lote de xovencas só a base de alfalfa, da que enumeran os seus múltiples beneficios: “ao longo dos anos, non só vimos que é un alimento rico e palatable para os animais, senón a mellora en canto á preparación do terreo para o cultivo seguinte”, destacan.

José Manuel Sánchez (Agrociocende SC):

“As producións de raigrás nas pradeiras permanentes son cada vez menores nos períodos de verán; hai que buscar alternativas”

xornadas Seragro 2024 alfalfa Jose Manuel Sanchez (Agrociocende SC)Agrociocende SC é unha explotación leiteira con máis de 50 anos de percorrido que no último ano optaron por introducir alfalfa en parte das pradeiras permanentes da granxa, que data do ano1989 cando José Sánchez colleu a remuda de seus pais cunha estabulación trabada e parrillas.

En 1994 constrúese unha nave para 40 vacas e unha sala de muxido 2×4 en espiña de peixe e desde entón fixéronse varios investimentos para aumentar a capacidade da granxa, que moxe hoxe 180 vacas dun rabaño total de 350 cabezas de gando. Dispoñen de dúas naves, unha onde sitúa a produción de leite, vacas secas e a zona de amamantadora, e outra para recría destetada ata o parto.

Na actualidade forman parte da granxa José Sánchez, a súa muller María José Vigo e o seu fillo José Manuel, que se incorporou no ano 2023. Contan con dous obreiros a tempo completo, Víctor e Fran, que lles axudan nas tarefas diarias da explotación. A produción media da granxa sitúase na actualidade en 41 litros por vaca e día, cun 3,36% de graxa e un 3,40% de proteína.

Agrociocende dispón de 90 hectáreas de superficie agrícola, das que 10 están destinadas a alfalfa

Agrociocende conta cunha superficie total para a produción de forraxes de 90 hectáreas, das cales 10 hectáreas están destinadas a cultivo de alfalfa. Unhas 5 hectáreas son de pradeira permanente con raigrás inglés e as 75 hectáreas restantes destínanse á produción de millo (nunha parte delas, 45 ha, realízase rotación con herba, sobre todo mesturas de raigrás híbrido con trevos, e nas outras sementan cultivos de cobertoira).

Traballan con ciclos longos para o millo (400-600), con producións no ano 2022 de 42.718 kg/ha. A calidade do silo no 2023 foi dun 35,5% de materia seca e un 38,08% de amidón. Dependendo da produción de millo e dos prezos da fariña no mercado, deciden facer grao húmido ou non. Actualmente levan tres anos consecutivos facéndoo, cunha produción no 2022 de 11.759 kg/ha.

Logo de implementar melloras no sistema de cultivo e ensilado da herba, no 2023 obtiveron un silo con un 27,18% de materia seca e un 20,63% de proteína, unha porcentaxe que lograron incrementar en 8 puntos na última década. A produción media acada os 9.192 kg/ha de media por corte.

Na ración botan 2 kg de silo de alfalfa, 33 de millo e 5 de herba

A ración diaria está composta por 33 kg de silo de millo, 5 kg de silo de herba, 2 kg de silo de alfalfa, 4 kg de grao húmido, 10 kg de bagazo de cervexa, 5,5 kg de colza e 3 kg de núcleo. O silo de alfalfa emprégano tamén na ración da recría, xa que a partir do destete (que se produce aos 90 días de vida) as xatas pasan a tomar a ración das vacas de leite até que son inseminadas (engadíndolle máis alfalfa dos 5 aos 14 meses). Unha vez preñadas, pasan a tomar a ración das vacas secas. A idade ao primeiro parto sitúase en 22,40 meses.

Cambio de raigrás por alfalfa nas pradeiras permanentes

Implantamos en setembro do 2023, 10 hectáreas en fincas que tiñan herba permanente con raigrás inglés. Estas fincas estaban a pradeira permanente porque a seca minguaba moito as producións de millo nelas. A alfalfa é unha leguminosa; polo tanto, non tolera ben o encharcamento, e estas parcelas pensamos que eran aptas para isto.

A alfalfa é unha leguminosa que non tolera ben o encharcamento

O proceso de implantación foi o seguinte:

  • 1. Aplicación de glifosato para queimar os restos de raigrás e as malas herbas presentes.
  • 2. Introdución de xurro (50 m3/ha) e esterco en función das analíticas do terreo.
  • 3. Pase de subsulador, xa que a alfalfa necesita que as raíces afonden moito para soportar ben a seca.
  • 4. Arado de vertedoira para enterrar todos os restos.
  • 5. Aplicación dun encalado a base de calcaria magnesia a unha dose de 2.500kg/ha (o cultivo de alfalfa necesita ter pH altos).
  • 6. Pase de grade de discos para enterrar o cal.
  • 7. Aplicación dun fertilizante de fondo NPK (9-23-30) a 600 kg/ha.
  • 8. Pase de grade rotativa para preparar o leito da sementeira. Isto fai que o terreo quede homoxéneo para aplicar o herbicida.
  • 9. Aplicación dun herbicida para o control de folla ancha e estreita. Este herbicida hai que incorporalo ao chan, polo que se fixo outro pase de grade rotativa superfcial.
  • 10. Unha vez pasados os nove días de período de seguridade do herbicida, fíxose a sementeira, neste caso cun equipo combinado de grade rotativa e sementadora de discos. Usouse unha dose de 50 kg/ha de semente, usando alfalfa de dormancia 7, é dicir, alfalfas que no inverno paran o seu ciclo vexetativo.
  • 11. Finalmente, rulouse toda a superfcie para enterrar algunha semente que puidese quedar sen tapar e compactar ben o terreo.
  • 12. En febreiro de 2024 aplicóuselle un herbicida de control de folla ancha e estreita
  • 13. En marzo, xa pensando no 1.º corte, meteuse un NPK (9-18-27) a unha dose de 300 kg/ha.

A alfalfa necesita solos con pH alto, polo que en Galicia é imprescindible encalar para labrala

“A implantación foi moi rápida e boa, pero o inverno de 2024 foi moi chuvioso e en moitas zonas o cultivo sufriu bastante, sobre todo por asolagamentos. Aínda así, a alfalfa resistiu”, explica José Manuel. “Débese poñer moito coidado nos labores de sementeira, xa que se trata dun traballo para os próximos cinco anos, polo menos”, defende.

Ensilada mesturada co raigrás ou en rolos

O primeiro corte de alfalfa para ensilar en Agroceicende fíxose o 8 de maio de 2024, coincidindo co segundo corte das pradeiras anuais e ensilouse todo xunto en trincheira. Obtivéronse uns rendementos de 8.250 kg/ha.

Dúas semanas despois, xa que debido ás chuvias non se puido facer antes, con toda a alfalfa rebrotada meteuse un nitrato cálcico co 15,5%  de nitróxeno a unha dose de 250 kg/ha.

A implantaión da alfalfa foi moi boa, aínda que no inverno o cultivo sufriu debido ás chuvias constantes. Pero, a pesar diso, o cultivo resistiu

O segundo corte fíxose o 24 de xuño. Por loxística, decidiu optarse polo sistema de bolos, facéndose 91 rolos. O rendemento medio foi de 6.370 kg/ha.

Uns días despois, volveuse fertilizar con nitrato cálcico 15,5% N a 250 kg/ha. O 28 de xullo fíxose o terceiro corte, un total de 87 bolos. O rendemento medio foi de 6.090 kg/ha.

As analíticas medias foron:

  • 1.º corte: 39,40% MS e 21,94% PB
  • 2.º corte: 41,50% MS e 20,76% PB

“Os rendementos deste primeiro ano foron aceptables, pero estamos seguros de que nos vindeiros anos obteremos uns rendementos moito mellores”, afirma José Manuel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información