Agroamb recolleu o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Universidade de Santiago e a firma lucense Aresa, promotoras do certame, fixéronlle entrega do galardón a Severiano Ónega, administrador único de Agroamb

Agroamb recolleu o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Severiano Ónega recolle o premio Aresa.

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu a entrega do XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que recaeu na empresa Agroamb, que centra a súa actividade no reciclado de residuos orgánicos para a súa aplicación como fertilizantes. O acto contou coa asistencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; do fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez; e de Jesús Quintá e Javier Guitián, membros do xurado.

Guitián, formado en Lugo e actualmente catedrático de Saúde Pública Veterinaria do Royal Veterinary College da Universidade de Londres, foi o encargado de ofrecer a lección maxistral, que versou sobre o que pode facer a universidade polo sector agrícola.

Durante a súa intervención referiuse a gandeiros, agricultores, agrónomos e veterinarios como “pezas fundamentais” nos procesos de produción de alimentos inocuos e de calidade, resaltou a necesidade de mantemento dunha colaboración estreita entre os investigadores e o sector agropecuario e criticou que os actuais sistemas de avaliación das universidades enfaticen a calidade científica pero ignoren o impacto da investigación na sociedade, así como a adopción dos resultados por parte dos diferentes sectores.

Guitián criticou que os actuais sistemas de avaliación das universidades ignoren o impacto da investigación na sociedade

Seguidamente á conferencia tivo lugar a entrega do galardón por parte do reitor e mais do presidente de Aresa, quen destacou da empresa gañadora que “contribúe de forma decisiva a xerar emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro a través da posta en valor dos produtos da terra e da recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros. Polo tanto, contribúe ao desenvolvemento e á mellora do medio rural galego, que é o obxectivo do Premio Aresa”.

Valores que tamén puxo de relevo o reitor da USC ao afirmar que “a economía rural precisa de innovación, de talento e de recursos” e que o Premio Aresa constitúe “un claro exemplo do éxito que se pode acadar cando unha empresa responsable como Aresa pon recursos, outra empresa como Agroamb pon innovación e un investigador como Javier Guitián pon talento”.

Grupo Agroamb
O grupo Agroamb, con sede na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), foi o primeiro xestor en Galicia en ser autorizado pola Administración para o uso de residuos orgánicos na agricultura e en converterse na empresa líder desta actividade. Ademais, deu lugar a 38 postos de traballo directos e máis de 150 indirectos, e diversificouse coa creación de novas iniciativas empresariais en torno á explotación en común da terra, a prestación de servizos agrícolas ou a loxística con contedores.

Outro dos aspectos subliñados foi a súa especial contribución a xerar riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, procesando e reciclando máis de 250.000 toneladas ao ano de residuos.

Por último, o xurado tivo en conta a súa internacionalización, iniciada coa implantación dunha oficina comercial no Paraguai, e o seu investimento en investigación, en colaboración coas universidades galegas.

Severiano Ónega dedicoulle o Premio Aresa ao seu pai, “o verdadeiro promotor e alma máter, xunto con nosa nai, deste proxecto que anda e avanza”, e lembrouse das súas orixes: “Este é un proxecto antigo que non se inicia con nós (Álvaro e eu), os actuais promotores e responsables, senón que vén de atrás, da semente de implicación, compromiso e esforzo titánico que deixaron nosos pais, e, á súa vez, de toda unha xeración de mulleres e homes autónomos que, en circunstancias moi difíciles de posguerra, fixeron unha especie de emigración interior para a mellora das condicións socioeconómicas propias e do seu entorno e, sen moverse do seu sitio, o rural, levantaron a penuria e acadaron niveis de desenvolvemento impensables”.

O palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013) e a DO Queixo San Simón da Costa (2014).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información