A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Agroamb impulsa a creación dun polígono agroambiental en Castro de Rei

A planta de biometano porase en marcha en colaboración con Enagás Renovables e Genia Bioenergy e producirá 107 GWh/ano, equivalentes ao 11% do consumo de gas dos fogares da provincia de Lugo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visita as instalacións de Agroamb. Castro de Rei, 18/11/22.

Alfonso Rueda, acompañado de directivos das empresas impulsoras, nas instalacións de Agroamb en Castro de Rei.

A empresa Agroamb, especializada na produción de biofertilizantes a partir da reciclaxe de distintos tipos de residuos orgánicos, impulsa a creación en Castro de Rei dunha planta de biogás que producirá ao ano 107 GWh de biometano, equivalentes ao 11% do consumo de gas dos fogares da provincia de Lugo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este venres as instalacións de Agroamb para coñecer de primeira man o proxecto de desenvolvemento deste polígono agroambiental e garantiu o apoio da Xunta a este proxecto, declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria, que suporá un investimento de 20 millóns de euros e a creación de 40 postos de traballo.

As tres empresas prevén investir neste proxecto 20 millóns de euros e crear 40 postos de traballo

Rueda resaltou o apoio do Goberno galego ás iniciativas privadas respectuosas co medio ambiente e destacou este tipo de proxectos estratéxicos que combinan innovación e sustentabilidade coa posta en valor dos piares tradicionais da economía galega. “Cremos que o interior de Galicia ten moito que achegar á consecución dun próspero porvir”, afirmou Severiano Ónega. 

Empresa pioneira na fabricación de biofertilizantes

O presidente da Xunta loou a figura do fundador de Agroamb, unha empresa que agora continúa nas mans dos seus herdeiros e que hai máis de dúas décadas comezou a comercialización de fertilizantes a partir dos residuos orgánicos das granxas.

Hoxe Agroamb é unha compañía punteira que quere dar un paso máis no eido da economía circular coa creación dun polígono agroambiental da man de Enagás Renovables e Genia Bioenergy. “Son grandes empresas que están unindo as súas forzas e estamos convencidos de que o resultado vai ser moi bo”, indicou o presidente da Xunta, quen animou tamén a aproveitar “o gran potencial” que Galicia ten na industria agraria.

Agroamb busca dar un paso máis no eido da economía circular nas súas instalacións de Ponte de Outeiro

Alfonso Rueda fixo fincapé no apoio que Agroamb tivo sempre da Administración autonómica e confirmou ese compromiso resaltando que a planta de biometano, que é o primeiro piar do proxecto agroambiental da empresa ubicada en Ponte de Outeiro, conta xa coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria por parte do Consello da Xunta. “En Galicia temos moitas posibilidades coas enerxías renovables e os primeiros que o fagan irán con vantaxe”, subliñou.

Pendente a lei galega de xurros

Alfonso Rueda destacou as boas prácticas que xa se están aplicando no agro galego, coa posta en marcha a nivel autonómico de medidas que buscan unha xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras “sen perder nunca a perspectiva das particularidades do noso campo”, indicou.

Na procura dunha xestión sustentable das dexeccións gandeiras, a Xunta ten previsto aprobar unha lei autonómica para regular os residuos agrarios 

Entre esas medidas figura a futura lei galega para regular as dexeccións gandeiras, as axudas da Consellería do Medio Rural para a adquisición de cisternas con novos sistemas de aplicación de xurros ou melloras na xestión da superficie agraria útil a través da aprobación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *