A fusión da cooperativa San Antonio de Pol (Poluga) con Agris tradúcese nalgunhas novidades como a creación deste establecemento comercial, situado na delegación de Agris en Pol, na localidade de Mosteiro.
O espazo, que inclúe un amplo catálogo de produtos, dispón tanto de áreas destinadas á alimentación e produtos básicos como de seccións especializadas en produtos agrarios, entre elas ferraxería, fitosanitarios, zoosanitarios, pensos ou produtos de hixiene para o muxido.
Ademais, a estratexia comercial do supermercado permitirá axustar os prezos para ofrecer as mellores opcións de compra aos clientes.
Técnicos de Delagro S. Coop., entidade á que está asociada Agris, colaboraron para a planificación da nova superficie comercial.
Asistiron á inauguración Lino Rodríguez, alcalde de Pol; José Luís Fernández e José Manuel López (presidente e vicepresidente de Agris), ademais de socios da cooperativa.
A inauguración da tenda agraria vén reforzar os plans de crecemento da cooperativa, que vén de fusionarse con San Antonio de Pol (Poluga), co fin de establecer sinerxías, optimizar recursos e mellorar os servizos e a rendibilidade dos socios.