O selo Productos Lácteos Sostenibles (PLS) reformularase en breve para establecer unha nova normativa de certificación. Agricultura prevé endurecer os requisitos para que as industrias lácteas poidan utilizar o logo nos seus envases. En canto a norma entre en vigor, todas aquelas industrias con sancións firmes da Agencia de Información y Calidad Alimentaria (Aica) nos anteriores 12 meses ou con expedientes abertos nos últimos 6 meses deberán retirar o selo dos seus produtos.
Esta medida, que figura no borrador do proxecto de certificación do selo PLS, non é menor, pois máis dunha cuarta parte de todas as sancións acordadas pola Aica correspóndenlle ás industrias lácteas por diversos incumprimentos.
O borrador da nova normativa estipula tamén que os contratos das industrias cos gandeiros deberán ter un mínimo de 6 meses. A mesma duración deberá establecerse nos contratos mercantís que deberán subscribir as industrias cos primeiros compradores intermediarios dos que se provean.
Agricultura esixirá ademais unha serie de requisitos ligados ó concepto de sostibilidade, como a inscripción das empresas no rexistro de pegada de carbono do Ministerio, a presentación dunha memoria anual sobre responsabilidade social corporativa (RSC) ou a adhesión ó código de boas prácticas de contratación comercial.
Sostibilidade económica
Con todo, o sector gandeiro bota en falta no borrador a aclaración do que é prezo sostible do leite. Organizacións como Unións Agrarias avogan porque o selo PLS sirva para identificar o leite que é pagado a “prezos sostibles” no campo e que se vende tamén a “prezos sostibles” na gran distribución, pois entenden que non é de recibo que haxa briks a menos de 60 céntimos no supermercado que se están a comercializar co logo PLS.
O sector gandeiro e industrial están a facer aportacións ó borrador do proxecto de certificación do selo PLS e haberá que agardar para comprobar que decisións toma o Ministerio sobre as propostas que lle chegan de toda a cadea de valor do leite.