Agricultura proxecta un novo inventario forestal de Galicia no 2016

Os propietarios forestais abordan nunhas xornadas en Santiago a situación actual e perspectivas dos aproveitamentos de madeira. O sector, preocupado pola evolución do mercado do piñeiro e do eucalipto

Agricultura proxecta un novo inventario forestal de Galicia no 2016

As xornadas xeraron gran expectación entre o sector. / Imaxe: Devesa.

Coñecer as existencias de madeira que hai no monte é unha cuestión considerada clave polo sector forestal para definir as políticas de futuro. En Galicia, o último inventario forestal nacional, o cuarto, data do 2009 e o seguinte aínda non se intúe no horizonte, un escenario que constitúe un problema para a planificación do sector. O Ministerio de Agricultura proxecta agora acometer inventarios máis áxiles, cada 5 anos, en Galicia e no resto da cornisa cantábrica, o primeiro no 2016, segundo trascendeu en Santiago nunhas xornadas organizadas pola Plataforma Tecnolóxica Forestal Galega Devesa.

O novo inventario centrarase so nas especies máis extendidas para produción de madeira en Galicia, o piñeiro do país, o piñeiro radiata e o eucalipto, segundo detallou nas xornadas o xefe da área de Inventario e Estatísticas Forestais do Ministerio, Roberto Vallejo. Na súa intervención no acto, Vallejo sinalou que a realización no 2016 dun inventario forestal da Cornisa Cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) era un proxecto en firme que contaba co visto bo do Ministerio, pero precisou que aínda non se podía dar por seguro.

“Temos que ser capaces de recopilar a información que precisamos para facer as políticas que queremos” (Juan Picos, Uvigo)

Outro dos ponentes das xornadas, Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), incidiu na importancia de coñecer as existencias e producións de madeira que se están a dar no monte. “Temos que ser capaces de recopilar a información que precisamos para facer as políticas que queremos”, suliñou Picos, quen suxeriu a posibilidade de crear un sistema galego de recollida de información forestal.

Situación e perspectivas
As xornadas organizadas pola Plataforma Tecnolóxica Devesa, que se desenvolveron o pasado venres en Santiago, analizaron a actual situación do monte en Galicia, de acordo cos datos do último inventario forestal, así como as perspectivas de futuro. As asociacións de propietarios manifestaron a súa preocupación pola evolución do mercado do piñeiro e do eucalipto en Galicia, unha cuestión que se abordou en varias ponencias e que capitalizou boa parte do debate entre técnicos, empresas do sector e os propietarios.

“O camiño do monte é o asociacionismo. Non podemos competir con parcelas de 3 metros de ancho” (Tomás Fernández Couto)

A análise das perspectivas de futuro do recurso madeireiro chega nun intre que os propietarios forestais consideran clave, pois no primeiro semestre do 2016 a Xunta redefinirá o Plan Forestal de Galicia e tamén o próximo ano arrancarán as novas liñas de axudas do Plan de Desenvolvemento Rural 2015-2020.

Política forestal

De cara a este periodo que se abre, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, que interviu na clausura das xornadas, expuxo as prioridades estratéxicas da Consellería do Medio Rural en canto ó monte galego. “Cara onde ten que ir o monte galego? O camiño é o asociacionismo. Non podemos competir con parcelas de 3 metros de ancho e 100 metros de longo” –sentenciou-. “Agora mesmo temos 5 sociedades de fomento forestal (Sofor) constituidas en Galicia e a perspectiva para o 2016 é que se creen entre 10 e 20 máis”, destacou Fernández Couto.

“Unha boa Proma sería unha Sofor. Pode facerse? Si” (Tomás Fernández Couto, Medio Rural)

A promoción das Sofor, unha figura que agrupa a xestión de parcelas particulares, disporá de 600.000 euros de axuda no 2016, o triple do 2015, e Fernández Couto asegurou que o apoio ás Sofor pode convertirse nunha das principales liñas da Consellería. O director xeral entende que o asociacionismo é a vía para acadar unidades de xestión competitivas que permitan unha reducción dos custos de aproveitamento do monte. Tamén avogou por un esforzo conxunto en silvicultura que redunde nunha mellora da calidade da madeira e da produtividade forestal.

O impulso ás Sofor é considerado por Fernández Couto como convinte para todo tipo de explotación forestal. “Poderían as Promas ser unha Sofor? Si, unha boa Proma sería unha Sofor. Agora as Promas só se adican á comercialización do eucalipto, pero poderían dar un paso máis”, sinalou o director xeral en alusión ás asociacións de propietarios forestais da Mariña, Ferrolterra e Ortegal.

“O único xeito de que os montes veciñais fagan deslindes en zonas en disputa é por acordo” (Tomás Fernández Couto)

Entre as Sofor que están en proxecto, Couto sinalou casos singulares, como o dunha sociedade que estaría orientada a pastos no monte ou outra centrada na produción de castaña. “Temos tamén un proxecto que quere constituirse en Sofor para facer un aproveitamento madeireiro de frondosas nunha zona de Rede Natura” -revelou o director xeral -. “Non renunciamos ó aproveitamento madeireiro das frondosas autóctonas. A madeira de carballo é a mellor do mundo para o envellecemento do whisky e hai demanda para esta madeira dunha das principais marcas a nivel mundial”.

Axudas
Para o 2016, Fernández Couto anunciou liñas de axudas para apoiar novas plantacións forestais, unha mellor silvicultura e tamén plantacións de castiñeiros para producir castañas. Outra das liñas estratéxicas será o apoio a deslindes e avinzas entre os montes veciñais. “O único xeito en que se fagan deslindes de zonas en disputa é a través de acordos”, valorou o director xeral. “As comunidades de montes non poden estar discutindo por uns poucos metros. O importante é poñer o monte a producir”, demandou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información