O agro galego agardaba que a reunión que mantiña esta tarde en Madrid o conxunto do sector lácteo servise para poñer solucións na crise a curto prazo. Cuns prezos do leite que levan meses por baixo dos custos de produción, os gandeiros demandaban medidas con maiúscula. Ben un acordo de prezos coma o francés para subir o prezo do leite en todos os eslabóns da cadea, ben compromisos da distribución para subir a cantidade que lle paga ás industrias, ben compromisos directos das industrias para elevar os prezos no campo. Nada diso pasou.
O Ministerio só presentou na reunión de hoxe un borrador de medidas que o sector considera “boas ideas para o medio prazo”, pero que din, non aportan nada para o presente. Tras o encontro, o lalinense Román Santalla, secretario de Gandaría de UPA e secretario comarcal no Deza de Unións Agrarias, declarábase “moi decepcionado” e destacaba a “voluntariedade” da maioría das medidas que presentou o Ministerio.
“Temos a sensación de que a industria e a distribución están ‘ninguneando’ ó Ministerio” (Román Santalla)
“Non hai solucións para os problemas concretos”, critica Santalla. “Van as industrias subir o prezo do leite no campo? As industrias non se mollaron na reunión e a pé de campo están anunciando novas baixadas. Vai a industria solucionar o problema das miles de explotacións que están cobrando prezos moito máis baixos que a media, uns 22-24 céntimos o litro? A industria non se mollou. Vai a distribución aumentar o prezo que lle paga ás industrias polo leite? A distribución non se mollou” –enumera Santalla-. “Esperabamos solucións, pero non houbo nin análise dos problemas”.
Así as cousas, para hoxe están previstas reunións e contactos nas distintas organizacións agrarias, pero xa se dá por feito que as protestas comarcais continuarán e sobre a mesa está un posible endurecemento das mobilizacións. Desde organizacións como a Fruga e a Organización de Productores de Leche xa criticaron abertamente o resultado da reunión e similar opinión se agarda entre cooperativas e o resto de organizacións agrarias.
Propostas ministeriais
Entre as propostas anunciadas polo Ministerio, figuran as seguintes:
– Que as cadeas de distribución se comprometan a valorizar o leite, evitando usalo como produto reclamo.
– Que as cadeas de distribución asinen acordos cos seus suministradores a longo prazo, poñendo en marcha modalidades de compra que permitan remunerar de xeito sostible a toda a cadea.
– Promover a identificación voluntaria do país de orixe no etiquetado do leite e dos produtos lácteos.
– Que as industrias se comprometan a aplicar prezos de compra que remuneren de xeito correcto ós gandeiros.
– Promover a través da Interprofesional Láctea un contrato tipo de compra venda do leite que lle garanta ó gandeiro un prezo sostible e que se lle recollen alomenos os volumes producidos na anterior campaña.
– Implantar un procedemento que permita coñecer os prezos de cesión do leite da industria á distribución. Este era un dos puntos reclamados polo sector agrario e é considerado un dos resultados máis tanxibles da reunión.
– O Ministerio anunciou tamén que estudará a posibilidade dunha axuda directa para as explotacións que están a atravesar por maiores dificultades, por ter un prezo do leite máis baixo.
Acordo francés
Sobre o acordo de prezos ó que se chegou en Francia coa intermediación do Ministerio de Agricultura galo, a ministra española, Isabel García Tejerina, indicou na reunión que a Comisión Nacional de la Competencia lle asegurou que non era legal pactar acordos de prezos mínimos e destacou que o único que se pode facer é chegar a “compromisos voluntarios dos operadores”.
Tejerina asegura que un acordo coma o pechado en Francia é ilegal e destaca que só se pode chegar a “compromisos voluntarios”
Eses posibles compromisos voluntarios, sobre os que hoxe non se entrou, adíanse alomenos para a próxima reunión que manterá o conxunto do sector o 10 de setembro. Desde organizacións agrarias e cooperativas agardaban que Tejerina forzase compromisos na reunión de hoxe, pero saíron da reunión sentíndose “ninguneados” e coa sensación de que tamén industria e distribución estaban ‘ninguneando’ ó Ministerio, o que conduce a un escenario pesimista. “Cando se lle pediu á distribución unha mellora dos prezos no lineal ou nos pagos ás industrias, contestaron que estaban dentro da legalidade” –relata Santalla-. Este é o panorama”.
Proposta do Ministerio de Agricultura dun acordo para o sector lácteo