A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Agricultura e emprendemento a debate: Os beneficios da cooperación transfronteiriza Galicia-Portugal

Organizada polo Proxecto Europeo de Cooperación Transfronteiriza, Interreg V A, Comunidade Territorial de Cooperación CTC Limia-Lima-Cávado e celebrada o pasado martes, 15 de decembro, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense)

Agricultura e emprendemento a debate: Os beneficios da cooperación transfronteiriza Galicia-Portugal

Rosendo Fernández, presidente de INORDE na mesa temática

O proxecto europeo de Cooperación transfronteiriza, Interreg V A, Comunidade Territorial de Cooperación CTC Limia-Lima-Cávado, ten como obxectivo establecer desde a cooperación redes de traballo útiles para o desenvolvemento económico e social da nosa Eurorrexión. Esta oficina técnica iniciada xa no ano 2002 pasa por abordar as temáticas de interese mediante a realización de workshops, mesas temáticas, seminarios, accións de sensibilización e promoción dos proxectos xa executados con fondos.

Neste sentido, a Mesa temática de Agricultura e Emprendemento, recentemente realizada, foi capaz, resaltando fortalezas e identificando debilidades, de facer unha presentación da realidade sobre a que se asenta o armazón produtivo, de corte agrícola e forestal, das zonas que conforman dita comunidade.

Esta mesa temática celebrouse o pasado 15 de decembro e centrouse en dous conceptos tan axiomáticos como son agricultura e emprendemento; organizada polo Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) e lanzada polo presidente deste organismo, Rosendo Fernández, conformouse con representantes dos, a entender do INORDE, sectores máis visibles da produción primaria do espazo transfronteirizo Ourense-Cávado e Alto Minho.

Así pois, Juan Casares Gándara (CRDO RIBEIRO), Manuel López Pérez (IXP CASTAÑA DE GALICIA), Rafael Oliveira (Feel Agency), David Teixeira (Cámara Municipal de Montalegre), José Antonio Mota (ATAHCA), os técnicos do propio INORDE, Servando Álvarez e Rocío Gómez, e moderada por Mª Eugenia Medina, debullaron durante a xornada as principais características definitorias de cada un dos sectores.

Conceptos como cooperación entendida como ferramenta fundamental dinamizadora de proxectos de emprendemento, promoción dos produtos diferenciados como valor seguro nun mercado cada vez máis global, potenciación das marcas de calidade como garantes do traballo ben feito, emprego e transformación rural como única opción efectiva á hora de fixar poboación e, sobre todo, defensa do sector primario como pulmón económico en épocas especialmente complicadas, como a que estamos a atravesar, foron os puntos en común que mostraron nas súas reflexións os distintos actores intervinientes na xornada.

Os viños do Ribeiro e da rexión do Vinho Verde

Dunha maneira máis pormenorizada os representantes do sector vitivinícola mostraron o contraste dunha zona na que a tradición, a calidade e a innovación, levaron a O Ribeiro a ser unha comarca punteira tanto na elaboración de produtos con alto valor engadido e proxección nacional e internacional, como na súa integración de paisaxe e gastronomía á hora de crear redes de enoturismo que retroalimentan a fama dos seus viños; pero na que a atomización da propiedade e o envellecemento dos seus viticultores pon en grave risco a continuidade do seu modelo produtivo, urxindo medidas encamiñadas a dotar de maior superficie produtiva tanto a adegas e a colleiteiros como a viticultores.

En contraposición, os territorios amparados baixo o paraugas de calidade do Vinho Verde, a pesar de dispor dunha ampla base territorial, botan en falta actividades capaces de agrupar todo o seu territorio nun mesmo discurso capaz de unificar e crear imaxe de enocomarca diferenciada.

Diferenciación produtiva que ao mesmo tempo é vantaxe e inconveniente no que incumbe ao produto castaña, vantaxe pola inmellorable calidade e fama que os soutos galegos, como ecoexplotacións únicas, imprimen ao produto final, pero inconveniente pola dificultade de manexo e conservación destes enclaves singulares. De todas as maneiras, o eixo Galicia-Portugal consolídase como o principal produtor de castaña de calidade a nivel mundial e conta cunhas expectativas francamente excelentes en relación á exportación de produtos destinados a mercados de corte gourmet.

Pola súa banda, e seguindo a mesma liña argumental de conservación de paisaxe e a súa integración en actividades produtivas, o cultivo de pequenos froitos (arandos, grosellas, mouras….) móstrase na zona de Terras Altas co Homem, Cavado e Ave, como posibilidade para a fixación no rural de mozos emprendedores en zonas con alto risco de despoboamento. Ademais este tipo de producións son moi receptivas á súa integración en estratexias dunha forma específica de turismo rural, na que os clientes non se limitan a gozar dunha experiencia paisaxística ao uso, senón que se integran en momentos craves do proceso produtivo, recolección e manufactura (elaboración de conservas, gastronomía….), como maneira de formar parte do medio natural e sociocultural que visitan.

A pataca na Limia e Montalegre

En relación á pataca, a clave en Galicia está en promover a transformación en orixe dun produto que a pesar da súa calidade, necesita mellorar a introdución no mercado de novos conceptos que propicien un aumento do seu valor engadido, rompéndose así a dependencia omnímoda de intermediarios e redes de distribución. Introdución de variedades encamiñadas a mercados gourmets, novas presentacións e envasados e, sobre todo, a necesaria creación de pequenas industrias de transformación vinculadas intrinsecamente á zona de produción, converteríanse en solucións francamente rendibles a un produto que pode presumir dunha altísima calidade.

Ademais, en relación a este cultivo quedou patente a vontade e necesidade de establecer estratexias sinérxicas entre a comarca da Limia e o municipio de Montalegre, baseada na defensa do territorio e da pataca como motor de desenvolvemento económico-social, facendo especial referencia a unha cooperación entre comarcas, encamiñada á reactivación na zona transfronteiriza do cultivo dunha pataca de sementeira, a priori, de calidade excepcional.

INORDE faldon

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *