Agricultura de carbono en Galicia: como aproveitar os ecorréximes da PAC para obter créditos verificables

Un proxecto do CSIC está a monitorizar 16.000 parcelas en toda España, 600 en Galicia, para cuantificar o carbono adicional que se está capturando da atmósfera coa aplicación dos ecoesquemas. Un obxectivo futuro é que ese carbono se poida vender no mercado por medio de agrupacións de produtores. Falamos das perspectivas que se abren con Francisco Pedras, enxeñeiro técnico agrícola con ampla experiencia en proxectos de investigación en agricultura de carbono

Agricultura de carbono en Galicia: como aproveitar os ecorréximes da PAC para obter créditos verificables

Pastos permanentes, unha das opcións para a captura adicional de carbono. / Arquivo.

Que é a agricultura de carbono e por que importa agora

A agricultura de carbono é un concepto sinxelo: certas prácticas agrarias (como o pastoreo extensivo, as cubertas vexetais en cultivos leñosos ou a sementeira directa) fan que o solo capture dióxido de carbono (CO2) da atmosfera e o almacene en forma de materia orgánica. Isto contribúe a loitar contra o cambio climático e, ademais, mellora a saúde do terreo: retén máis auga, reduce a erosión e aumenta a biodiversidade.

Ata agora, estas prácticas eran promovidas a través dos ecorréximes da Política Agraria Común (PAC), que pagan aos agricultores por realizalas. Pero desde decembro de 2024, coa entrada en vigor do Regulamento (UE) 2024/3012 (marco CRCF), ábrese unha nova posibilidade: o carbono capturado grazas a esas prácticas pode certificarse e venderse no mercado voluntario como “créditos de carbono”. Unha empresa que teña que descarbonizar para compensar as súas emisións paga a un agricultor por capturar ese CO2.

O regulamento europeo establece normas moi estritas para que a certificación sexa fiable. O obxectivo é evitar o “greenwashing” (lavado verde) e garantir que cada crédito corresponda a unha tonelada de CO2 realmente capturada e almacenada a longo prazo.

Para que un crédito de carbono sexa válido, hai que demostrar que a práctica se fixo realmente, canto carbono se capturou e que esa captura é adicional (non se produciría sen o incentivo do mercado). 

O marco europeo: QU.A.L.ITY como pasaporte ao mercado

O Regulamento (UE) 2024/3012 establece catro criterios que toda práctica debe superar para xerar créditos de carbono válidos, coñecidos como QU.A.L.ITY:

⦁ Quantification (Cuantificación): a captura debe medirse con precisión, descontando as emisións do propio proxecto (fertilizantes, combustible) e aplicando un desconto mínimo do 10% pola incerteza estatística.

⦁ Additionality (Adicionalidade): a actividade non pode ser obrigatoria por lei nin rendible por si mesma. Debe demostrarse que sen o ingreso do carbono, a práctica non se levaría a cabo.

Long-term storage (Almacenamento a longo prazo): o carbono debe permanecer almacenado. Establécense períodos de monitorización que oscilan entre os 10 anos posteriores á actividade en pastos e os 40 anos en forestación. Créase ademais un fondo de garantía onde se retén entre o 2% e o 50% dos créditos para cubrir posibles perdas por incendios, pragas ou abandono.

⦁ Sustainability (Sostibilidade): a práctica non pode causar dano significativo e debe xerar cobeneficios como a mellora da biodiversidade ou a redución da erosión.

A PAC como infraestrutura de datos: un punto de partida

Para que un crédito de carbono sexa válido, hai que demostrar que a práctica se fixo realmente, canto carbono se capturou e que esa captura é adicional (non se produciría sen o incentivo do mercado). Isto require sistemas de monitorización, reporte e verificación (MRV).

Aquí é onde a PAC xoga un papel clave. Os agricultores xa están obrigados a declarar as súas parcelas no Sistema de Información de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), que proporciona a base xeorreferenciada. Ademais, o Caderno Dixital de Explotación (CUE) e o Sistema de Información de Explotacións (SIEX) rexistran as datas de sementeira, as aplicacións de fertilizantes e os movementos de gando.

Esta interoperabilidade, que o regulamento europeo promove expresamente, permite establecer a liña base de carbono e verificar as prácticas, sen obrigar ao gandeiro a duplicar tarefas burocráticas. Como explica Francisco Pedras Saavedra, enxeñeiro técnico agrícola con ampla experiencia en proxectos de investigación en agricultura de carbono: “as ferramentas que están a utilizar para a PAC xa están. Hai que aproveitar os recursos tecnolóxicos”.

O caso de Galicia: predomina o pastoreo extensivo

Os datos oficiais do FOGGA correspondentes ao período 2023-2025 debuxan o perfil agrario de Galicia. O pastoreo extensivo (ecorréxime P1) é a práctica hexemónica, con 9.644 solicitudes que abranguen 203.810 hectáreas netas, o 60% da superficie total acollida a ecorréximes. Lugo concentra o 61% desa superficie, actuando como o gran bastión deste modelo.

Agricultura de Carbono

A rotación de cultivos con especies mellorantes (P3) ocupa un segundo lugar con 73.512 hectáreas, mentres que as prácticas de maior potencial de secuestro de carbono, como a sementeira directa (apenas 139 hectáreas) ou as cubertas inertes de restos de poda (41 hectáreas), teñen unha penetración marxinal. A estrutura de minifundio, a orografía complexa e a falta de maquinaria adaptada explican esta fenda.

Este punto de partida é crucial: Galicia parte dunha posición de forza en pastoreo extensivo, pero cunha debilidade estrutural nas prácticas agrícolas de conservación que máis carbono poden secuestrar en cultivos.

A solución é a auditoría grupal, que contempla o regulamento: varias explotacións agrúpanse nun mesmo proxecto, diluíndo os custos.

A agrupación como chave: montes comunais e cooperativas

A principal barreira para Galicia é o tamaño das explotacións. Co minifundio, os custos fixos de certificación (mostraxes, análises, auditorías) poden absorber o valor dos créditos. A certificación individual pode resultar inviable.

A solución é a auditoría grupal, que contempla o regulamento: varias explotacións agrúpanse nun mesmo proxecto, diluíndo os custos. Pero hai tamén unha razón de mercado. “Unha empresa que queira descarbonizar 500 toneladas ten que falar con 50 interlocutores”, explica Francisco Pedras. “Se lle ofertas 1.500 hectáreas a través dunha cooperativa, asociación ou comunal, é moito máis atractivo. Necesitan interlocutores claros, con capacidade de interlocución”.

Segundo o experto, Galicia ten unha figura cun potencial extraordinario: os montes veciñais en man común. “Hai comunais con 300 ou 400 hectáreas e 15 ou 20 veciños. No pastoreo extensivo, podes ter moitas hectáreas nunha soa parcela. Iso facilita a monitorización”.

O agrupamento fai os proxectos viables e atractivos, ainda que tamén existe o risco de converterse nun mundo de intermediarios onde o produtor quede confuso e perdido. Para evitalo, Francisco insiste na necesidade de divulgación e acompañamento, porque os agricultores “xa están sobrecargados. Pasaron de ter un mínimo impacto da sociedade dixital a ter case todo dixitalizado, e estar permanentemente monitorizados e verificados pola PAC e empregando ferramentas dixitais “.

Os primeiros resultados a nivel europeo, do Joint Research Centre e da Universidade de Wageningen, estiman que os pastos permanentes ben xestionados capturan unha media de 1,1 toneladas de carbono por hectárea e ano.

O proxecto Carbo-PAC-to: comparación de datos reais

O regulamento esixe cuantificación precisa. O proxecto Carbo-PAC-to (MAPA e CSIC-INIA) monitoriza 16.000 parcelas emparelladas en toda España. En cada zona compáranse dúas parcelas de contraste próximas: unha con ecorréxime e outra con manexo convencional, extraendo mostras de solo para comparar o carbono almacenado.

“A idea é cuantificar a capacidade de secuestro de CO2 entre as distintas prácticas”, explica Pedras Saavedra. “Iso dá unha información moi valiosa”. O obxectivo é establecer factores de secuestro específicos para cada práctica e territorio. Unha vez validados, o agricultor podería certificar o carbono sen mostraxes caras en cada parcela. O proxecto presentou primeiros resultados en decembro de 2025. En Galicia son unhas 600 parcelas, con resultados previstos para finais de 2026.

Os primeiros resultados a nivel europeo, do Joint Research Centre e da Universidade de Wageningen, estiman que os pastos permanentes ben xestionados capturan unha media de 1,1 toneladas de carbono por hectárea e ano. En Galicia, unha parte importante da superficie de pastoreo non son pastos permanentes en sentido estrito, senón pradeiras que se resementan cada 5-7 anos. Nestes casos, a normativa europea considera “pasto permanente” a partir do quinto ano sen rotación. Para que estas pradeiras sexan elixibles e xeren créditos adicionais, as prácticas clave son a renovación mediante sementeira directa (sen laboreo, que evita a liberación do carbono almacenado) e a prolongación da vida útil da pradeira mediante manexos que eviten o arado.

Elixibilidade de Pradeiras e Superficie de Pastos en Galicia.

Segundo a normativa europea da PAC, (FOGGA) (2025) defínese como “pasto permanente” calquera terra dedicada á produción de herba ou outras forraxes herbáceas que non fose incluída na rotación de cultivos da explotación durante cinco anos ou máis.

Polo tanto, unha pradeira galega que se mantén 6 ou 7 anos antes de ser resementada, pasa a considerarse legalmente un pasto permanente a partir do quinto ano.

⦁ O Problema do Carbono na Resementeira.
O dato de 1,1 toneladas de captura de carbono (Martinez Garcia, L.B., et al. (2023) adoita referirse a pastos que non se tocan. Na realidade galega, cando aos 5 ou 7 anos se decide renovar a pradeira, adoita facerse un laboreo (arado, fresado).

O laboreo osixena o solo e provoca a liberación brusca de parte do carbono almacenado durante os anos anteriores (unha “débeda de carbono”).

Como se adaptan ao Sistema de Carbon Farming?
Para que estas pradeiras xeren créditos de carbono adicionais e ingresos para o gandeiro, os proxectos céntranse en modificar como e cando se fai esa renovación. As prácticas elixibles e financiables nestes casos son:

⦁ Renovación sen volteo (Sementeira Directa / Intersementeira): É a práctica estrela. Consiste en renovar a pradeira sen arar o solo, usando sementadoras de sementeira directa. Isto evita a liberación masiva do carbono acumulado e está amplamente aceptado nas metodoloxías de certificación.

⦁ Prolongación da vida útil da pradeira: Se un gandeiro que tradicionalmente resementa cada 5 anos adopta un manexo que lle permite estirar a vida útil ata os 8 ou 10 anos sen perder rendemento, esa “evitación” do arado xera créditos de carbono.

⦁ Mellora de mesturas pratenses: A inclusión nas sementeiras de leguminosas (trevos) e especies de enraizamento profundo (chicoria, raigrás inglés de alta persistencia) aumenta o secuestro de carbono en profundidade e reduce a necesidade de abonos nitroxenados.

Estimación da superficie de Pastos Permanentes en Galicia (Datos PAC 2025).

Contabilizar a superficie exacta en Galicia é complexo debido ás rotacións, pero os datos oficiais máis recentes do FOGGA (Campaña PAC 2025) ofrecen unha radiografía moi precisa do potencial do Carbon Farming:

A superficie agraria solicitada especificamente para o Ecorréxime P1 (Pastoreo Extensivo en pastos húmidos) en Galicia acada as 203.549 hectáreas. O seu desglose por provincias demostra onde está o maior potencial de captación:

  • Lugo: 123.514 ha (61% do total, o gran motor do pastoreo permanente).
  • A Coruña: 33.454 ha (16%).
  • Ourense: 32.533 ha (16%).
  • Pontevedra: 14.048 ha (7%).

O papel da tecnoloxía: satélites e modelos

Para abaratar os custos de monitorización, a aposta é pola teledetección. “Hai que aproveitar os satélites que utiliza a PAC”, afirma Pedras Saavedra. “O regulamento pide xa unha resolución de 10 por 10 metros, que se consegue con estes satélites. Eses datos son públicos e podería calquera certificador aproveitalos”. Proxectos europeos como MRV4SOC están a desenvolver sistemas que combinan imaxes Sentinel coa intelixencia artificial para reducir os traballos de campo.

Compromisos a longo prazo e mellora agronómica

O regulamento esixe compromisos de 5 a 15 anos. “Iso compromete ó agricultor a manter esa práctica durante un tempo relevante a nivel agronómico, e iso ten moita importancia a nivel de estruturación do solo”, subliña Pedras Saavedra. Este horizonte temporal xera efectos positivos máis alá do carbono: aumento da materia orgánica, mellora da estrutura do solo, aumento da retención de auga e a redución da erosión.

A oportunidade existe, pero require construír pontes entre a PAC e o mercado privado, entre a administración e as cooperativas, entre a ciencia e a práctica agraria. 

Un camiño posible

Galicia ten factores ao seu favor: unha masa crítica de superficies en pastoreo extensivo (203.000 hectáreas), unha administración con datos detallados das explotacións, un tecido cooperativo que pode articular proxectos agrupados e unha figura xurídica, os montes comunais, que permite concentrar miles de hectáreas. O Decreto 95/2025 da Xunta regula ademais o sistema voluntario de créditos de carbono autonómico, permitindo adaptar metodoloxías á fragmentación territorial.

A oportunidade existe, pero require construír pontes entre a PAC e o mercado privado, entre a administración e as cooperativas, entre a ciencia e a práctica agraria. E facelo cunha estratexia de acompañamento que evite que o produtor se sinta abrumado.

Como conclúe Pedras Saavedra, “os agricultores que fan estes réximes saben que as prácticas están dando resultado, sobre todo en zonas vulnerables, todo o que leve unha xestión dese solo vai redundar na resiliencia dese territorio”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información